Glándula sudorípara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema da pel humana, con indicación dunha glándula sudorípara

A glándula sudorípara é unha glándula tubular enrolada que está situada na derme, formada por longos e delgados tubos, pechados polo extremo inferior, onde se amorean, formando unha bóla. Polos poros que se abren ao exterior segregan a suor, graxa sobrante líquida, con sabor salgado, e unha textura semellante aos ouriños.

As glándulas sudoríparas divídense en:

  • Glándulas sudoríparas ecrinas: están formadas por un glomérulo secretor e un conduto excretor que desemboca directamente na superficie da pel. Existen unhas 600 glándulas por centímetro cadrado de pel, con maior concentración nas palmas das mans, plantas dos pés e rexión frontal da cara. Segregan 1 litro ao día en condicións basais e poden perder até 10 L en condicións extremas. As glándulas sudoríparas desempeñan funcións importantes no metabolismo hidroclorado, na termorregulación pola evaporación da suor e humidade da superficie cutánea que tamén está relacionada coa prensión dos obxectos coas mans.
  • Glándulas sudoríparas apocrinas: excretan o seu contido xunto co sebo. Están formadas por un gran lóbulo secretor e un conduto excretor dérmico que desemboca no folículo pilosebáceo. Estas glándulas apocrinas están en involución no ser humano, son pouco numerosas e localízanse nas axilas, perineo, pube e conduto auditivo externo. Estas glándulas son as encargadas da secreción das feromonas. A glándula mamaria é unha glándula sudorípara apócrina modificada. As glándulas sudoríparas apocrinas producen substancias moi olorosas que son as responsables do cheiro característico de zonas coma as axilas e mailos órganos sexuais. Ás veces estes cheiros corporais son moi desagradables cando se descoida a hixiene persoal ao mesturarse coas bacterias presentes na pel. Os nenos antes da puberdade teñen un cheiro diferente aos adultos xa que non producen suor apocrina e a súa secrecion sebacea é menor.

A inflamación dunha glándula sudorípara chámase hidradenite.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]