Gloria Fuertes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGloria Fuertes

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Gloria Fuertes García Editar o valor em Wikidata
28 de xullo de 1917
Madrid Madrid Comunidade de Madrid
Morte27 de novembro de 1998 (81 anos)
Madrid Madrid Comunidade de Madrid
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora , poeta , escritora de literatura infantil Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticopoesía
MovementoPostism (en) Traducir e Xeración de 1950 de Literatura española Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
ParellaPhyllis Turnbull (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Dialnet: 2487995 Musicbrainz: cd3f66fe-08b2-4904-8274-a291473c48dc Discogs: 1467723 Find a Grave: 7395839 Editar o valor em Wikidata

Gloria Fuertes García,[1] nada en Madrid o 28 de xullo de 1917 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1998, foi unha poeta (non lle gustaba poetisa) española.

Biografía[editar | editar a fonte]

Gloria naceu en Lavapiés, de nai costureira e serventa e de pai bedel. Pouco se sabe da súa vida familiar, xa que a escritora sempre gardou celosamente a súa intimidade. Tense especulado sobre a súa homosexualidade, que aparece sutilmente declarada en poemas como Lo que me enerva, Me siento abierta a todo ou A Jenny.

Asistiu ó Instituto de Educación Profesional da Muller, pero as súas afeccións eran moi diferentes ás propias das mulleres da súa época. O seu interese polas letras comezou con cinco anos, cando xa escribía e debuxaba os seus propios contos. Empezou a escribir versos con catorce anos, e con quince os lía en Radio España de Madrid. Con dezasete deu forma ó seu primeiro libro de poemas, Isla ignorada, que sería publicado en 1950.

Aínda que ela sempre se definiu como "autodidacta e poeticamente desescolarizada", o seu nome está ligado a dous movementos literarios: a xeración do 50 e o Postismo, grupo literario de posguerra ó que se uniu a finais dos 40, e do que formaban parte Carlos Edmundo de Ory, Eduardo Chicharro e Silvano Sernesi, e no que tamén colaboraron Ángel Crespo e Francisco Nieva.

Do postismo quedou para sempre en Gloria Fuertes unha actitude poética desmitificadora por vía do humor. O humor en Gloria Fuertes é unha forma crítica de deconstruír a realidade e descubrir a verdade das cousas. A guerra civil deixou unha profunda pegada nela. O antibelicismo e a protesta contra o absurdo da civilización están presentes na súa poesía de forma categórica. Como ela mesma declarou, "sin la tragedia de la guerra quizá nunca hubiera escrito poesía".

Como secuela da súa experiencia bélica, a obra de Gloria Fuertes caracterízase pola ironía coa que trata cuestións tan universais como o amor, a dor, a morte ou a soidade. Todo isto aderezado con curiosas metáforas e xogos lingüísticos cheos de encanto, frescura e sinxeleza, que dotan ós seus poemas dunha gran musicalidade e cadencia próxima á linguaxe oral.

Entre 1940 e 1953 comezou a colaborar en revistas infantís, Pelayos, Chicos, Chicas e Chiquitito, Maravillas e o suplemento infantil do diario Arriba, para o que publicou as historietas de Coletas e Pelines, unha nena de nove anos e un neno de seis respectivamente, que acadaron unha gran popularidade entre os lectores infantís.

Paralelamente á súa dedicación á literatura infantil nas revistas, obras teatrais e poemas escenificados, fundou en 1947, xunto con María Dolores de Pueblos e Adelaida Lasantas o grupo “Versos con faldas” que organizaba recitais e lecturas de poesía por bares e cafés madrileños, colaboraba en revistas para adultos como Rumbos, Poesía Española ou El pájaro de paja, e creou e dirixiu a revista poética Arquero entre 1950 e 1954, xunto a Antonio Gala, Julio Mariscal e Rafael Mir.

Rúa en memoria de Gloria Fuertes.

Entre 1955 e 1960 estudou biblioteconomía e inglés no Internacional Institute. En 1961 obtivo a bolsa Fulbright en Estados Unidos para impartir clases de Literatura española na Universidade de Bucknell, ademais de recibir en 1972 a Bolsa da Fundación Juan March de Literatura Infantil.

A mediados dos 70 colabora activamente en diversos programas infantís de TVE, sendo Un globo, dos globos, tres globos e La cometa blanca os que a converten definitivamente na poeta dos nenos. Recibiu en cinco ocasións o Aro de Prata deste medio informativo. A partir destes anos a actividade de Gloria Fuertes é imparable: lecturas, recitais, homenaxes... sempre cerca dos nenos; publicando continuamente, tanto poesía infantil como de adultos. Faleceu vítima dun cancro de pulmón.

Máis apreciada e estudada no estranxeiro que en España, a maioría dos traballos críticos sobre Gloria Fuertes proceden do hispanismo norteamericano (Debicki, Mandlove, Sherno, Persin, Capuccio, Browne...), e é escasa a crítica literaria española sobre esta poeta. Camilo José Cela recoñeceu no seu día a inxustiza cometida con Gloria Fuertes, á que denominou "la angélica y alta voz poética a la que los hombres y las circunstancias putearon inmisericordemente".

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Literatura infantil[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Canciones para niños (1952)
  • Villancicos (1956)
  • Cangura para todo (1968) Mención de honra no Premio Hans Christian Andersen de literatura infantil.
  • Don Pato y Don Pito (1970)
  • Aurora, Brígida y Carlos (1970)
  • La pájara pinta (1972)
  • El camello cojito (1978)
  • El hada acaramelada (1973)
  • La gata chundarata y otros cuentos (1974)
  • El dragón tragón (1978)
  • La momia tiene catarro (1978)
  • El libro loco. De todo un poco (1981)
  • El perro que no sabía ladrar (1982)
  • El abecedario de don Hilario (1983)
  • Trabalenguas para que se trabe tu lengua (1988)

Teatro[editar | editar a fonte]

  • La princesa que quería ser pobre (1942)
  • Prometeo (1952) Primeira obra de teatro en verso
  • El chinito Chin-cha-té (1955)
  • Petra, un señor pregunta por ti (1970)
  • Las tres reinas magas (1978)

Televisión[editar | editar a fonte]

Literatura para adultos[editar | editar a fonte]

  • Isla ignorada (1950)
  • Antología y poemas del suburbio (1954)
  • Aconsejo beber hilo (1954)
  • Todo asusta Caracas (1958) Primeira mención do Concurso Internacional de Poesía Lírica Hispana
  • Que estás en la tierra (1962)
  • Ni tiro, ni veneno, ni navaja (1965) Premio Guipúscoa
  • Poeta de guardia (1968)
  • Cómo atar los bigotes al tigre (1969) Accésit premio Biscaia
  • Antología poética (1950-1969)
  • Sola en la sala (1973)
  • Cuando amas aprendes geografía (1973)
  • Obras incompletas (1980)
  • Historia de Gloria: (amor, humor y desamor) (1983)
  • Mujer de verso en pecho (1983)
  • Pecábamos como ángeles (1997)
  • Glorierías (1999)
  • Es difícil ser feliz una tarde (2005)
  • El Rastro (2006)

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]