Glizirrizina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A glicirricina é un glicósido de sabor doce.

A glizirrizina ou glicirricina é un edulcorante obtido da planta da regalicia (Glyzyrrhiza glabra).

Quimicamente a glicirricina é un glicósido saponínico triterpenoide do ácido glicirrícico (ou glicirrícínico).[1] Cando sofre hidrólise, este glicósido perde o seu sabor doce e convértese na aglicona ácido glicirretínico e dúas moléculas do glicido ácido glicurónico. A forma ácida non é moi hidrosoluble, pero o seu sal amónico é soluble en auga a pHs maiores de 4,5.

Non se permite o seu uso como aditivo alimentario aínda que a regalicia si que se utiliza na industria alimentaria como ingrediente de doces ou bebidas.

O consumo excesivo pode ocasionar unha serie de trastornos, como hipocalcemia, hipertensión e ademais retención de sodio e trastornos do electrocardiograma. Para evitar o risco, os alimentos nos que se engade deben indicalo na etiqueta mediante a lenda: "Contén regalicia: as persoas que padezan hipertensión deben evitar un consumo excesivo", a menos que o termo regalicia estea mencionado na lista de ingredientes ou na denominación do produto [2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Saponin Glycosides, by Georges-Louis Friedli, URL accessed Dec 2007.
  2. Directiva 2008/5/CE da Comisión, de 30 de xaneiro de 2008, relativa á indicación na etiquetaxe de determinados produtos alimenticios de outras mencións obrigatorias distintas das previstas na Directiva 2000/13/CE (DOUE nº 27, de 31.01.2008).