George Weah

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

George Manneh Oppong Ousman Weah, nado o 1 de outubro de 1966 en Monrovia, Liberia, é un ex-futbolista e político liberiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Despois de xogar en varios equipos do seu país natal e de Camerún, en 1988 fichou polo AS Mónaco francés, do que en 1992 pasou ao PSG, co que ganou unha Copa de Francia (1993) e unga Copa da Liga (1994). A súa actuación na Liga de Campións de Europa valeulle ser fichado en 1994 polo AC Milán, por cerca de 1.250 millóns de pesetas. Con este equipo ganou varios scudettos, o último de eles en 1998-99. Tamén obtivo tres veces o Balón de Ouro africano (1989, 1994 e 1995), unha vez o Balón de Ouro europeo (1995), e foi escolleito pola FIFA o mellor futbolista do mundo en 1995. Mantívose no elenco rossonero até o 2000, ano no que fichou polo Chelsea F.C. inglés. Logo pasou ao Manchester City, e de aí volveu a Francia; o Olympique de Marsella sería o seu último equipo en Europa. Despois de xogar no Al Jazira dos EAU, retirouse da actividade en 2003.

Política[editar | editar a fonte]

En 2005 fixo incursión no mundo da política ao presentarse como candidato á presidencia do seu país, mais foi derrotado nos comicios por Ellen Johnson-Sirleaf. A pesar diso, Weah é considerado no seu país unha icona, debido aos numerosos actos e axudas de carácter benéfico que ofrece ao seu pais e pola súa recoñecida habelencia nos campos de xogo.