Genesis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Genesis
Genesis in collection mode.jpg
Representación da sonda Genesis cos recolectores estendidos.
Tipo Científico
Organización NASA
Destino actual Cápsula reentrada na atmosfera, nave en órbita heliocéntrica.[1]
Data de lanzamento 8 de agosto de 2001, 16:13:40,324 UTC[1][2][3]
Foguete portador Delta 7326[2][4]
Sitio de lanzamento Centro Espacial de Cabo Cañaveral, complexo de lanzamento 17A[2]
Obxectivo da misión Estudo e análise do vento solar.[2]
Decaemento 8 de setembro de 2004[2]
NSSDC ID 2001-034A
Masa 494,0 kg sen propelente, 636 kg con propelente[5][2]
Dimensións Corpo de 2,3 x 2,0 metros, envergadura total de 7,9 metros.[2]
Potencia 254 vatios[2]

Genesis foi unha nave espacial estadounidense lanzada cara o punto de Lagrange L1 para recoller, analizar e traer de volta á Terra mostras do vento solar. Foi lanzada mediante un Delta 7326 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral o 8 de agosto de 2001 ás 16:13:40,324 UTC.[2][4][5]

Características[editar | editar a fonte]

A misión da sonda Genesis foi recoller mostras do vento solar e devolvelas á Terra para ser analizadas e determinar con precisión as abundancias isotópicas do Sol, e máis concretamente dos elementos osíxeno, nitróxeno e outros, para contrastar as teorías de formación e evolución do sistema solar e a composición orixinal da nebulosa primixenia.[2][4][5]

Genesis tiña unha masa de 636 kg, dos cales 142 kg eran propelente. O corpo da sonda medía 2,3 x 2,0 metros, con dous paneis solares que producían 254 vatios de potencia (alimentando unhas baterías de níquel-hidróxeno) e que lle daban unha envergadura total de 7,9 metros. Levaba unha cápsula de retorno de mostras nun dos extremos do corpo da nave. O satélite estabilizábase mediante xiro a 0,625 r.p.m. O sistema de propulsión estaba alimentado por hidracina e presurizado mediante helio. As comunicacións tiñan lugar en banda S mediante unha antena fixa. O control térmico tiña lugar mediante quentadores e medios pasivos. A nave levaba instrumentos para monitorizar o réxime de vento solar en cada momento e seleccionar así a voltaxe adecuada nos colectores.[2]

A cápsula colectora de mostras tiña forma de disco de 1,5 m de diámetro con extremos en forma de cono truncado e 1,31 m de altura e unha masa total de 225 kg. No seu interior atopábase o compartimento científico, onde se aloxaban un concentrador e tres matrices colectoras. As matrices consistían en discos planos compostos de obleas de silicio ultrapuro, carburo de silicio, xermanio, zafiro, diamante depositado quimicamente, ouro, aluminio e vidro metálico expostos ó vento solar. Os isótopos de helio, osíxeno, nitróxeno, neón, radón e outros elementos quedaban implantados nos primeiros 100 nanómetros do disco. O concentrador era un espello electrostático que concentraba os elementos por enriba do neón por un factor de aproximadamente 20.[2]

Desenvolvemento da misión[editar | editar a fonte]

A cápsula de Genesis estrelada.

Genesis foi lanzada cara o punto de Lagrange L1, a 0,01 UA, nunha viaxe que durou tres meses desde o lanzamento e ao final dos cales, o 16 de novembro de 2001, entrou nunha órbita de halo arredor de L1, que foi elixido por ser unha zona libre de influencias do campo magnético terrestre e as partículas atrapadas nel. O 3 de decembro Genesis estendeu os colectores e comezou a recoller vento solar. A nave completou cinco órbitas de halo nos 30 meses que estivo cerca do punto L1. En abril de 2004 a nave recolleu os colectores dentro da cápsula e selouna antes de comezar a viaxe de retorno, de cinco meses de duración, ao final dos cales a sonda sobrevoou a Terra para regresar a ela manobrando para soltar a cápsula no lado diúrno do noso planeta o día 8 de setembro de 2004. A cápsula reentrou na atmosfera terrestre ás 15:52:47 UTC dese mesmo día. A secuencia de reentrada implicaba o desplegue dun paracaídas de guiado aos 2 minutos e 7 segundos e a 33 km de altura, desplegue que nunca ocorreu debido á instalación do revés dos acelerómetros encargados do desplegue, tal como se soupo pola investigación posterior. A cápsula terminou impactando contra o solo a 311 km/h, danándose e contaminando parcialmente a carga, que foi recollida inmediatamente polo equipo de terra e levada a unha sala limpa. As mostras dos recolectores foron enviados ó Centro Espacial Johnson, onde se atopou que gran parte aínda eran útiles para os científicos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "GENESIS" (en inglés). Real Time Satellite Tracking. 2011. http://www.n2yo.com/satellite/?s=26884. Consultado o 5 de marzo de 2013.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 "Genesis" (en inglés). 14 de maio de 2012. http://nssdc.gsfc.nasa.gov/nmc/spacecraftDisplay.do?id=2001-034A. Consultado o 5 de marzo de 2013.
  3. "Genesis" (en inglés). 2010. http://claudelafleur.qc.ca/Spacecrafts-2001.html#Genesis. Consultado o 5 de marzo de 2013.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Genesis (Discovery 5)" (en inglés). Gunter's Space Page. 2011. http://space.skyrocket.de/doc_sdat/genesis.htm. Consultado o 5 de marzo de 2013.
  5. 5,0 5,1 5,2 "Genesis" (en inglés). 2011. http://www.astronautix.com/craft/genesis.htm. Consultado o 5 de marzo de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Genesis

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]