Gareth Edwards

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe recente de Gareth Edwards.

Gareth Owen Edwards (popularmente Gareth Edwards), nado o 12 de xullo de 1947 en Pontardawe (Gales), é un xogador de rugby retirado en 1978. A súa posición no campo era a de medio de melé.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ó longo de toda a súa carreira só vestíu as cores de Cardiff RFC, a Selección de rugby de Gales, os Lions e os Barbarians.

Co Cardiff RFC xogou entre 1966 e 1978, disputando 195 encontros e anotando 67 ensaios. Compartíu os vestiarios do Cardiff Arms Park con xogadores tan míticos como Gerald Davies e Barry John, ademais de John Bevan, Terry Holmes, Keri Jones, John O'Shea e Maurice Richards. Naqueles anos non existía nin campionato de liga nin de copa en Gales, de xeito que o seu palmarés a nivel de club redúcese a torneos amigables.

No ano 1967 debutou coa Selección de rugby de Gales, coa que xogou 53 encontros ata a súa retirada en 1978, acadando 20 ensaios. Neses 11 anos gañou o torneo das Cinco Nacións 6 veces, nos anos 1969, 1971, 1973, 1975, 1976 e 1978. Aquela está considerada a mellor selección galesa da historia. Edwards foi o capitán do XV do Dragón entre 1968 e 1974.

Debuxo de Edwards no exterior do Cardiff Arms Park.

Cos British and Irish Lions disputou un total de 10 encontros, nas xiras de 1968 por Sudáfrica, 1971 por Nova Zelandia e 1974 de novo por Sudáfrica. A xira dos Lions por Nova Zelandia en 1971 é histórica xa que a día de hoxe aínda é a única na que os Lions vencéronlle nas series ós All Blacks. Na xira de 1974 por Sudáfrica os Lions remataron imbatidos.

Durante a súa carreira, Gareth Edwards foi chamado para defender as cores dos Barbarians 11 veces, sempre en encontros fronte a rivais de máximo nivel, como foi o caso de Nova Zelandia 3 veces, Australia, Sudáfrica, Escocia, etc. O 27 de xaneiro de 1973 Gareth Edwards anotou o primeiro ensaio do encontro Barbarians-All Blacks que se disputou no Cardiff Arms Park. Aquel ensaio segue a ser considerado un dos mellores da historia senón o mellor. Do mesmo xeito, aquel encontro foi elixido o mellor encontro de rugby do século XX. No mundo anglosaxón afeccionado ó rugby, aquel famoso ensaio que anotou Edwards nese encontro é popularmente coñecido como that try (aquel ensaio), e todo o mundo recorda a inesquecible retransmisión de Cliff Morgan:

"Kirkpatrick to Williams. This is great stuff. Phil Bennett covering, chased by Alistair Scowan. Brilliant! Oh, that's brilliant! John Williams, Brian Williams, Pullin, John Dawes. Great dummy! David, Tom David, the half-way line. Brilliant by Quinnell. This is Gareth Edwards. A dramatic start. What a score! Oh that fellow Edwards".[1]

O encontro rematou coa vitoria dos Barbarians por 23 a 11.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1997 Edwards foi un dos quince ex xogadores que foron seleccionados para inaugurar o International Rugby Hall of Fame. En 2001 foi elixido por votación como o mellor xogador galés de rugby da historia. En 2003 foi elixido pola revista Rugby World Magazine como o mellor xogador de rugby do mundo de tódolos tempos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]