Garda Pretoriana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proclamando Emperador a Claudio, de Lawrence Alma-Tadema, c. 1867. Segundo unha versión da historia da ascensión de Claudio ó posto de Emperador, membros da Garda Pretoriana atopárono escondido detrás dunha cortina despois do asasinato de Calígula no ano 41, e proclamárono Emperador.

A Garda Pretoriana era a garda persoal do emperador. Tamén eran consideradas as tropas de elite da lexión. A Garda Pretoriana permaneceu durante máis de tres séculos até a súa disolución por parte de Constantino, despois da súa vitoria na batalla da Ponte Milvio contra o emperador Maxencio, no ano 312 d.C.

Orixes[editar | editar a fonte]

A creación deste corpo como garda persoal do emperador débese a Augusto, que a creou despois da vitoria contra Marco Antonio no 27 a.C. Malia isto, existen referencias desta garda no período republicano, onde estes soldados eran os asignados ao cuartel xeral cando había un maxistrado con imperium (un pretor xeralmente), onde as súas mencións chegan ata Escipión o Africano.

Evolución da estrutura[editar | editar a fonte]

A unidade constaba de nove cohortes perfectamente numeradas, duns 480 homes, unidas a un continxente de xinetes (cohortes equitatae). Por razóns políticas, o emperador Augusto creouna só con este número concreto de cohortes, xa que non quería recordar os recentes escuros anos das guerras civís e de violacións do pomerium (ningunha lexión podía entrar dentro de Roma).

Posiblemente foi grazas a Claudio (a Garda ascendeuno ao poder), que no século I d.C. as cohortes aumentaron até doce. Vitelio, levando a cabo unha ampla reforma, as elevou a dezaseis cohortes duns 1.000 homes cada unha. Logo da súa derrota por parte de Vespasiano, este reduciu o número de cohortes ao número da época de Augusto. Por último, Domiciano aumentou as cohortes a dez, permanecendo esta cantidade até a disolución por parte de Constantino.

Escalafón[editar | editar a fonte]

Prefecto do Pretorio[editar | editar a fonte]

O Prefecto do Pretorio era o comandante da Garda Pretoriana. En teoría tiñan que estar dúas persoas neste cargo, pero na realidade poucas veces ocorreu. O Prefecto sempre saía do ordo ecuestre.

Poderes militares[editar | editar a fonte]

As atribucións militares dos prefectos non son de todo coñecidas en realidade. O seu papel na política militar do Imperio foi incrementando progresivamente. O punto de inflexión deste poder o marca o ano 69 d.C., xa que por primeira vez os prefectos recibiron mandos dentro de tropas lexionarias, esta dirección nas operacións militares aumentou as funcións militares que tiñan nun principio (protección do emperador e da súa familia). Desta forma a influencia militar dos prefectos foi desbordando as fronteiras da península Itálica estendéndose por todo o Imperio; isto soamente se usaría en situacións extraordinarias. Así é que os prefectos actuaban como "vicerrexentes" militares.

A súa autoridade dentro da Garda consistía en ter certos dereitos nas designacións dos pretorianos, pero o nomeamento directo facíao o emperador. O emperador moitas veces lle daría este poder ao prefecto e aos tribunos, xa que el soamente poñería extremo coidado na elección da súa garda persoal máis próxima.

Poderes xudiciais[editar | editar a fonte]

A súa actividade xudicial oficial era a garda e o interrogatorio dos sospeitosos inculpados de crimes contra a seguridade do Estado (Maiestas). Durante o século I non se mencionan dentro de procesos privados, xa que as súas atribucións serían soamente de orixe militar. O punto de inflexión prodúcese durante o goberno dos Flavios, xa que intentaron desprazalos da súa función primaria progresivamente, iniciando un proceso de desenvolvemento que elevaría este cargo ata a administración de xustiza.

Durante o século II, seguiría encargándose dos procesos contra a seguridade do Estado, ademais por delegación do emperador encargáronse das apelacións relacionadas con decisións emanadas dos gobernadores provinciais e tamén entraron de forma definitiva no Consilium Principis, onde se situaban en calidade de xuíces ou incluso en calidade de presidentes do xurado en representación do emperador. Dos procesos civís complexos, salvo en casos excepcionais, non se ocupaban. Ademais representaban ao emperador no castigo dos membros do servizo civil imperial e dos oficiais provinciais que non desempeñaran correctamente a súa labor.

Poderes políticos[editar | editar a fonte]

A influencia política dos prefectos pódense ver xa dende o comezo da súa existencia. Pódese afirmar que a asignación dun emperador adoitaba estar ligada á súa aceptación por parte dos pretorianos, a cal tiña este proceso: presentación do candidato aos pretorianos, reunión no Senado, presentación ao pobo e finalmente, anuncio aos exércitos das provincias.

O prefecto que comezou a descubrir o potencial do cargo foi Sexano (prefecto de Tiberio), que chegou ao punto de facer unha revolución palacega que se non faiase, colocaríase ao cargo Imperio.

Durante o século II d.C., a influencia dos prefectos aparece algo máis atenuada, favorecida polo clima de estabilidade institucional que presidiu a vida política do Imperio. A finais deste século a influencia política e todos os niveis en xeral dos prefectos se incrementaron exponencialmente. Ata o punto de que un prefecto podería chegar a ser emperador (Macrino ou Filipo o Árabe) ou actuar como auténticos rexentes de emperadores demasiado novos ou débiles (Timesiteo ou Gordiano III). A súa dignidade chegou a ser tal que Constantino, que disolveu as cohortes pretorianas, dubidou en manter a institución, iso si, sen atribucións militares.

Estes prefectos participaban activamente en decisións políticas determinantes para o desenvolvemento da vida institucional do Imperio: algúns acompañaban ao emperador ao senado, outros influían nos nomeamentos dos maxistrados, xenerais ou gobernadores da provincia...

Tribuno pretoriano[editar | editar a fonte]

Era o oficial ao mando de cada cohorte, este tiña que ser do "ordo ecuestre", principalmente primipilar, o cal pasara polo rango máis alto do centurionado lexionario (primus pilus ou primeiro centurión da lexión). Este cargo soamente podería mantelo durante un ano, despois do cal debía continuar a súa carreira noutras unidades.

A carreira ecuestre, pola cal se ascendería a tribuno pretoriano, quedou ficada progresivamente no reinado de Claudio: o primus pilus dunha lexión era ascendido como mando á guarnición da capital do Imperio, comezando como tribuno dunha cohorte de vixiles, a continuación ascendíaselle a unha cohorte urbana, ata que ao final alcanzaba o rango de tribuno dunha cohorte pretoriana. Despois de desempeñar este cargo o ectribuno podería continuar a súa carreira como primus pilus bis, despois do cal podería ofrecérselle unha procuratela e o acceso aos chanzos mais altos da administración imperial.

Entre as funcións dos tribunos estaban as de controlar a disciplina, o equipamento e o adestramento das súas tropas, así como dirixilas na capital ou en campaña.

Centurión pretoriano[editar | editar a fonte]

Os centurións estaban ao mando dos oitenta soldados correspondentes á centuria. Estes soamente eran superados no rango de centurión polo trecenarius (centurión ao mando dos speculadores). Estes centurións tiñan unha clara diferencia cos das lexións; o centurión non tiña máis poder co do seu centurionazgo. Os centurións son facilmente recoñecibles pola súa vara de sarmiento (yitis), empregada para impartir castigos, e ao igual que todos os centurións pola súa cimeira transversal no seu casco.

Principales[editar | editar a fonte]

Por debaixo dos centurións aparecen os principales (suboficiais), cun organigrama moi similar ao da lexión. Estes principales dividíanse en sesquipilcarii ou duplicarii, isto é, se recibiron unha vez e media ou dúas veces o salario normal respectivamente; estaban exentos de servizos e fatigas de campamentos e desempeñaban tarefas de orde táctico ou cometidos de tipo administrativo.

Optio[editar | editar a fonte]

O optio (segundo do centurión) tiña certas particularidades en relación ao seu homólogo na lexión. Estes ascendían a centurións lexionarios e non aos centurións pretorianos como tiña que ser, pero coma todos terían que facer a carreira ecuestre. Dentro do grupo de optios existían dous suboficiais con tarefas específicas:

  • Optio carceris ou optio ad carcerem: era o encargado da prisión militar que estaba na castra praetoria.
  • Optio equitum: estaba ao mando das unidades menores (turmae) da cabalería pretoriana.

Signifer[editar | editar a fonte]

O signifer era o rango equivalente ao aquilifer das lexións, xa que na Garda non existía esta última función ao non ter de símbolo a aguia (o seu símbolo era o escorpión); isto non significa que non puideran dispor de estandartes con este emblema.

Cornicularii[editar | editar a fonte]

Os cornicularii eran os encargados da dirección do officium dos prefectos.

Tesserarii[editar | editar a fonte]

Os tesserarii eran os encargados do contrasinal. Este rango puido ter maior relevancia nas cohortes pretorianas que nas lexións, polo carácter de protección e garda imperial das mesmas.

Immunes[editar | editar a fonte]

Os immunes pertencían á tropa pero gozaban dunha serie de exencións de servizo que os diferenciaba dun simple soldado raso (munifex). Ata o século II estes non se diferenciaban claramente dos principais. Eran soldados especialistas rebaixados das fatigas propias do campamento no que se aloxaban.

Beneficiarii[editar | editar a fonte]

Unha mención especial dento do grupo de principales e inmunes merecen os beneficiarii. Se pode distinguir claramente dous tipo; aqueles que desempeñaban as súas funcións xunto aos altos mandos pretorianos (beneficiarii tribuni ou beneficiarii praefecti praetoriarum) e aqueles que eran destacados nunha statio con algunha función específica, xeralmente control ou xestión de rutas de abastecemento ou puntos estratexicamente importantes das redes comerciais do imperio. Coñécese tamén toda unha serie de pretorianos destacados en comisión de servizos como stationarii. Estes soldados están relacionados con intereses imperiais, control de rutas de abastecemento ou apoio de altos maxistrados. Os beneficiarii dos prefectos do pretorio participaban así mesmo nas expedicións militares xunto ao emperador; o seu emprego directo no combate era pouco probable, xa que perderían soldados dotados de amplos coñecementos administrativos e de xestión.

O servizo no officium dun prefecto constituía un bo trampolín para unha posterior carreira que culminase no centurionazgo. Este plantel de beneficiarii dos prefectos nuns trinta e cinco aproximadamente, e a dos tribunos nuns doce. Calculando así que unha media de 150 beneficiarii estaban en activo para as cohortes pretorianas. Antes de ser beneficiario do prefecto, o pretoriano desenvolvía unha serie de tarefas nas que acumulaba experiencia tanto militar como administrativa, nunha centuria ou na officia de rango inferior. O beneficiario do prefecto moitas veces, en caso de cumprir os seus dezaseis anos de servizo, reincorporarse como evocatus, ampliando as súas posibilidades de ascenso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Menendez Argüín, Adolfo Raúl. Pretorianos: La Guardia Imperial de la Antigua Roma. Almena Ediciones. Madrid, 2006.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Garda Pretoriana

Páxina web sobre a Garda Pretoriana (en castelán)