Ganso pequeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ganso pequeno
Anser erythropus.jpg
Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anserinae
Tribo: Anserini
Xénero: 'Anser'
Especie: ''A. erythropus''
Nome binomial
''Anser erythropus''
(Linnaeus, 1758)

O ganso pequeno (Anser erythropus) é unha ave da familia dos anátidos (Anatidae). É a variedade de ganso europeo máis rara.

Descrición[editar | editar a fonte]

O ganso pequeno mide entre 53 e 66 cm e ten unha envergadura de alas de entre 120 e 135 cm. Pesa de 1,4 a 2,2 kg e é moi semellante en aspecto e hábitos ó Ganso de testa branca (Anser albifrons), aínda que é máis pequeno e máis escuro. A mancha branca da fronte chega máis arriba cá do Anser albifrons e acaba entre os ollos. Ademais ten un anel amarelo brillante ó redor de cada ollo que o diferencia da outra especie. Este anel aparece nos exemplares novos xa no primeiro ano de vida, despois da primeira muda, ó redor do mes de novembro. O ganso pequeno é, en comparanza co ganso de fronte branca, menos forte, coas puntas das alas máis longas que tapan parcialmente a cola cando está de pé. A cabeza é máis arredondada cá do ganso bravo e o bico, máis fino. En voo confúndese facilmente coa ganso de fronte branca, ó que non favorece a preservación da súa poboación, xa escasa.

O seu repertorio vocal comprende máis dunha ducia de sons diferentes.

Distribución[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución, que ía de Escandinavia ós montes Urais e as profundidades de Siberia, reduciuse moito nos últimos 25 anos, nos que desapareceu de gran parte dos seus territorios de cría. En Escandinavia quedan só algunhas ducias de parellas reprodutoras. A caza furtiva nas súas áreas de invernada dos Balcáns considérase unha das causas máis importantes do seu ocaso, contra o que se están a tomar medidas consistentes en tentar reconducir as rutas de emigración dos gansos mais xoves cara a zonas máis seguras coma a zona de protección de aves da illa de Bischlich no baixo Rin, mediante o uso de avións ultralixeiros. As soltas de aves realizadas ata agora non deron resultado.

Etoloxía[editar | editar a fonte]

O ganso pequeno é unha ave migratoria que viaxa cara ó sur en inverno. Voan durante a viaxe facendo unha formación en xeito de V. O feito de que a miúdo emigran mesturados con outras especies, algunhas non protexidas, fai que as veces sexan cazados indebidamente. As rutas migratorias son ensinadas polos pais ós fillos, non son parte da carga xenética. Realizan tamén, coma outros gansos, migracións a puntos determinados para remuda-las plumas. Forman parellas moi estables que duran varios anos, aínda que en caso de morte dun dos membros pode establecerse unha parella nova. A cría comeza entre mediados de maio e primeiros de xuño. Poñen de 4 a 6 ovos de casca branca ou amarelada. Os polos, que rompen a casca despois de entre 25 e 28 días de incubación, son coidados polos pais uns 35 ou 40 días. Coma outros gansos os individuos poden identificarse entre eles pola súa voz.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Comen herbas e raíces. A súa conduta alimentaria diferénciase pouco da do ganso bravo.

Status[editar | editar a fonte]

Ata inicios dos anos 1950 a poboación da especie era dalgunhas decenas de miles de exemplares. A caída dos seus números provocou que hoxe sexa unha especie moi ameazada. En Laponia quedan entre 60 e 90 parellas, en Hungría, das 100.000 parellas reprodutoras de antes do ano 1950, quedan só unhas 3.600. É unhas das especies incluídas no Acordo para a protección das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bergmann, Hans-Heiner, Helmut Kruckenberg & Volkhard Wille (2006): Wilde Gänse - Reisende zwischen Wildnis und Weideland, G. Braun Verlag, Karlsruhe
  • Madsen, J., G. Cracknell & Tony Fox (1999): Goose Populations of the Western Palearctic, Wetlands International, Wageningen.
  • Erich Rutschke: Wildgänse, Lebensweise - Schutz - Nutzung, Berlin: Parey, 1997
  • H. Kolbe, Die Entenvögel der Welt, 5. Aufl., Ulmer Eugen Verlag (1999) ISBN 3-8001-7442-1

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]