Ganj-i Dareh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa do Crecente Fértil no que figura Ganj-i Dareh no extremo oriental

Ganj-i Dareh ou máis completamente Ganj-i Dareh Tepe, é unha estación arqueolóxica do Neolítico, situada en Irán, nun planalto de Kirmanshah, preto da fronteira iraquí. Foi escavada desde os anos da década de 1960 por Philip E.L. Smith e mais T. Cuyler Young jr, das universidades de Montreal e Toronto, Canadá. O lugar testemuña dos restos máis antigos da domesticación dos animais, do protourbanismo e da cerámica.

Situación[editar | editar a fonte]

Ganj-i Dareh está localizado nun planalto de arredor de 1.400 a 1.300 m.s.n.m., na cadea do Montes Zagros, ao leste do río Kirmanshah. A súa situación é estratéxica nas rutas que levan desde a gran meseta de Irán cara Mesopotamia e Iraq, polo que xunto con outras estacións neolíticas próximas, como Tepe Asyab, sita a altitude semellante, puido xogar un papel esencial na difusión das novas técnicas neolíticas.

Características[editar | editar a fonte]

O lugar estivo habitado por primeira vez hai uns 10000 anos a.C.. A escavaxión comprende cinco niveis arqueolóxicos. Porén datas obtidas polo método do carbono-14 fornecen unha antigüidade de 8700 anos +- 150 a.C. Esta datación segue a conservarlle un papel de primacía entre os pioneiros na adopción do neolítico, a un nivel semellante ao de Zawi Chemi e Shanidar.

E: nivel máis antigo[editar | editar a fonte]

O nivel máis antigo, Ganj-i Dareh E, é un campamento temporal de pastores trashumantes, o que constitúe un testemuño importantísimo sobre os primeiros ensaios da domesticación de animais. É neste lugar onde se acharon os primeiros restos de caprinos domesticadoss.

D: 2º nivel máis antigo[editar | editar a fonte]

O nivel D (datábel no derradeiro cuarto do IXº milenio, é dicir, entre -8250 e -8000) mostra a aparición dun asentamento, ou sexa, unha aldea, permanente. As casas están construídas de adobes ou ladrillos crus.

Resto dos niveis[editar | editar a fonte]

Os períodos seguintes fornecen restos de cerámica, que están entre os máis antigos coñecidos, aínda que a súa cocción era aínda imperfecta.

Cara a escrita[editar | editar a fonte]

Ganj-i Dareh, como algún outro dos máis antigos asentamentos neolíticos, forneceu en abundancia fichas de arxila, que segundo coida a arqueóloga francesa Denise Schmand-Besserat, son o antecedente máis antigo da posterior escrita cuneiforme. Estas fichas (token en inglés), feitas de barro, e perforadas, mostran tipos xeométricos moi diversos; os básicos son catro: esferas, discos, conos e cilindros, mais xunto a eses aparecen outros: triágulos, ovoides, rectángulos, animais esquematizados etc., e que ás veces mesmo presentan incisións e puntuacións. Non ben identificados polos escavadores, segundo puxo de relevo a investigadora francesa, serían usados para levar rexistros diversos á xeito de doas de colares (ou coma os nós dos quipus incaicos). As formas de tales fichas de arxila foron o modelo para os perfiles incisos da escrita cuneiforme primixenia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]