Gangrena de Fournier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A gangrena de Fournier é unha doenza infecciosa sinérxica polimicrobiana, caracterizada por unha fascitis necrotizante da rexión perineal, xenital ou perianal, que pode chegar a afectar á parede abdominal. A gangrena de Fournier constitúe unha emerxencia cirúrxica potencialmente letal que presenta unha gran variabilidade nas manifestacións clínicas. A súa cura precisa un tratamento agresivo, oportuno e multidisciplinario.

Historia[editar | editar a fonte]

A gangrena de Fournier é coñecida dende tempos antigos. Sospéitase que o rei Herodes de Xudea a padeceu asociada á diabetes mellitus. O médico persa Avicena identificouna no ano 877. A primeira descrición formal da doenza foi realizada en 1764 por Baurienne. O seu epónimo provén do dermatólogo e venereólogo francés Jean Alfred Fournier, quen en 1883 describiu cinco casos. Ó longo do tempo foron empregadas tamén outras denominacións para a mesma doenza: gangrena estreptocócica, fascite necrotizante, flegmón periuretral, celulite sinérxica necrotizante, síndrome idiopático do pene e escroto, ou erisipela gangrenosa perineal.

Descrición[editar | editar a fonte]

A gangrena de Fournier ten sido descrita nos dous xéneros e en todas as idades. Foron publicados arredor de setenta casos na literatura médica de pacientes pediátricos afectados. En mulleres esta doenza tense asociado á infección das Glándulas de Bartholin, aborto séptico e infección de episiotomía, entre outros. Os homes padecen esta doenza cunha frecuencia dez veces maior que as mulleres.

Entre as súas causas máis comúns atópanse as infeccións anorrectais (30-50%), infeccións xenitourinarias (20-40%) e infeccións cutáneas (20%). Os microorganismos causantes son variados, e van dende xérmenes aerobios e anaerobios como Streptococcus, Staphylococcus aureus, Bacteroides, E. coli, Klesiella sp., Enterococcus e Pseudomonas, cun termo medio de tres bacterias nos cultivos de cada paciente diagnosticado. Estes microorganismos, que adoitan formar parte da flora intestinal e perineal, tórnanse extremadamente destrutivos en presenza dalgunha lesión local asociada a patoloxías sistémicas, como a diabetes, o alcoholismo, o VIH, a insuficiencia renal etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]