Gambara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGambara

Gambara é a mítica raíña, nai dos irmáns Ibor e Aio, recordada no mito das orixes do pobo longobardo. As súas xestas son lembradas por Paulo Diácono na súa Historia Langobardorum, na sección onde recolle os mitos sobre as orixes do seu pobo (Origo gentis Langobardorum).

Despois da migración desde a Escandinavia meridional natal ata a costa meridional do Mar Báltico, na área da foz do río Elba, os longobardos, nesa época chamados Winnilos, entraron en conflito con outros pobos xermánicos xa asentados nesa área, en especial cos vándalos dos duques Ambri e Assi. Os vándalos desafiaron aos longobardos, poñéndolles como alternativa o pago dun tributo ou a batalla. Inspirados por Gambara, Ibor e Aio escolleron con decisión a vía das armas.

Ambri e Assi pregaron ao deus Odín para que lles concedese a vitoria; a divindade solar respondeu que había favorecer ao pobo que primeiro vise no campo de batalla. Gambara, pola súa banda, pregou a Frigg, muller de Odín, para que favorecese ao seu pobo. O consello da deusa a Gambara foi que conducise aos Winnilos ao campo de batalla ao nacer o sol e que levasen con eles tamén ás mulleres, cos cabelos soltos postos diante da cara a guisa de barbas.

Ao nacer o sol Frigg fixo que Odín se xirase cara a parte dos Winnilos e cando os veu preguntou: Quen son os das longas barbas? (Langbärte en alemán, lingua xermánica como a dos longobardos). A deusa respondeu: Do mesmo xeito que lles deches un nome, dálles tamén a vitoria. Odín asentiu, e os Winnilos mudaron o seu nome en longobardos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]