Galitsia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Galitzia")
Galitzia en Europa

Galicia ou Galitsia (alemán: Galizien, polaco: Galicja, ucraíno: Галичина/Halychyna, yiddish: גאליציע/Galitsie) é unha rexión histórica do leste de Europa, dividida na actualidade entre Polonia e Ucraína. Á Galicia polaca pertencen as voivodías da Pequena Polonia e Subcarpatia, mentres que a Galicia oriental ucraína comprende as oblasts de Lviv e Ivano-Frankivsk e unha parte da de Ternopil. As principais cidades son Cracovia, na Pequena Polonia, e Lviv.

Índice

Nome [editar]

Campesinos e xudeus de Galitzia, século XIX

A homonimia coa Galicia ibérica vén dada polo substrato céltico común, igual que no caso da antiga Galacia turca.[Cómpre referencia] Esta semellanza ten xerado confusión, pois en idiomas coma o inglés emprégase o mesmo nome (Galicia) para ambos os dous territorios.

Xeografía [editar]

Galicja, 1915

O territorio de Galicia abrangue as montañas máis setentrionais dos Cárpatos e parte da cunca dos ríos Dnister, San e Bug Occidental.

Historia [editar]

Galicja, 1915

Vencellada ao Principado de Kiev desde o século IX, sobreviviu á súa queda e converteuse, a partir do século XII, nun dos máis prósperos estados do leste de Europa. En 1349, Casimiro o Grande incorporou a parte occidental a Polonia, mentres a oriental pasou ao poder do duque de Lituania. Logo de asinada en 1569 a Unión de Lublin, as dúas Galicias pasaron a formar parte da República das Dúas Nacións.

Co primeiro reparto de Polonia (1772) foi anexada por Austria co nome de Reino de Galicia e Lodomeria (Königreich Galizien und Lodomerien), ao que até 1849 pertenceu tamén a Bucovina. En febreiro de 1846 foi escenario do Levantamento de Cracovia, de carácter democrático e nacional polaco, duramente reprimido polas autoridades austríacas. Durante a Revolución de 1848, a cidade de Lviv acolleu o Consello Nacional Central polaco e o Consello Superior Ruteno, que representaba á poboación ucraína.

Desde 1873, Galicia, que despois do Compromiso Austrohúngaro pertencía á parte austríaca do Imperio, funcionou como unha autonomía polaca cun parlamento de seu con sede en Lviv. A política de xermanización practicada durante todo o século XIX deu paso a unha situación de hexemonía da nobreza polaca que irritou aos ucraínos (o grupo étnico maioritario no conxunto de Galicia) e ás minorías xudía e alemá.

Durante a Primeira Guerra Mundial foi invadida por Rusia. En outubro de 1918 proclamouse en Lviv o Estado Ucraíno (Українська Держава/Ukrayinska Derzhava), rebautizado en novembro como República Popular de Ucraína Occidental e unificada en xaneiro de 1919 coa República Popular Ucraína de Kiev, aínda que mantendo as súas institucións; o seu territorio coincidía co da Galicia oriental. Ao mesmo tempo, a Segunda República Polaca creada o 1 de novembro de 1918 reclamou para si a soberanía de toda Galicia. Iniciouse deste xeito a Guerra Polaco-Ucraína, que rematou en xullo de 1919 cun armisticio seguido de meses de negociacións en París. En novembro foille encomendada a Polonia a administración da Galicia oriental por tempo de 25 anos, pasados os cales debía celebrarse unha consulta popular. Nos anos anteriores á Segunda Guerra Mundial, a Organización Militar Ucraína (UVO) e o seu brazo político, a Organización dos Nacionalistas Ucraínos (OUN) levaron a cabo accións de resistencia contra o estado polaco.

En setembro de 1939, de acordo co previsto no Pacto Ribbentrop-Molotov, a Alemaña nazi invadiu Polonia e constituíu o denominado Goberno Xeral con sede en Cracovia, que incluía a Galicia occidental, mentres que a Unión Soviética ocupou a Galicia oriental e dispuxo a súa anexión á República Socialista Soviética de Ucraína. Entre 1941 e 1945, Galicia oriental foi controlada igualmente polo Goberno Xeral. As fronteiras actuais quedaron estabelecidas ao remate da guerra.

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: