Prehistoria en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Galicia prehistórica")
Historia de Galicia
Prehistoria
O megalitismo
Idade do Bronce
Idade do Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período alto-medieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
A Ilustración galega
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra Civil Española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do reino de Galicia


O Paleolítico[editar | editar a fonte]

Paleolítico inferior[editar | editar a fonte]

As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a hai uns 300.000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Plistoceno Medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, desde Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos bifaces como fendedores e triedros feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita, o que nos mostra unha industria Acheulense.

Así se agarraba o biface

Coñécense dúas culturas: o Paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o Paleolítico inferior clásico ou Acheulense. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido. Para tallar percutíase directamente cun percusor duro sobre outro canto e das lascas que se desprendían obtíñase unha aresta cortante. Deste período son os asentamentos da Piteira (Toén), A Chaira (San Cibrao de Las), Pazos (San Cibrao das Viñas), Chan de Cereixo (A Portavedra, Gondomar), Arbo[1] e as Gándaras de Budiño (Porriño) e Camposancos (A Guarda).

Vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza (bóvidos, cápridos, équidos e cérvidos), que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.

Paleolítico medio[editar | editar a fonte]

Na cova Eirós (Triacastela) acháronse restos do oso das cavernas

No Paleolítico Medio a industria característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de neandertal, do que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ó achado de restos na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico medio[2]). A este período corresponden parte dos asentamentos das Gándaras de Budiño e do Campo da Mama (A Veiga).

Paleolítico superior[editar | editar a fonte]

Temos máis datos do Paleolítico Superior (30.000 e 8.000 a.C.). Nesta época atopamos instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas, etc. Contamos en Galiza con abundantes abrigos baixo rocha, nos que atopamos unha industria Aziliense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras. Non se achan en Galiza obras de arte rupestre por carecer de covas importantes.

O que si hai é arte moble, no que destacan os colgantes. Os asentamentos máis importantes deste período son os de Pena Grande (Vilalba), Prado do Inferno I (Muras), Pena Grande (Férvedes, Lousada, Xermade) e as covas de Valdevara (Becerreá)[3]. Deste período son os restos humanos humanos máis antigos que se conservan dos achados en Galiza[4] -no Courel-, así como os primeiros ósos de uro (o antigo boi salvaxe europeo, Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica) que se descobren en Galiza. A datación por carbono 14 estimou para os seres humanos unha antigüidade entre 10.000 e 8.000 anos, e para os uros cifrouse nuns 8.000 anos.

O Mesolítico[editar | editar a fonte]

O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a.C. e o 5000 a.C. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna.

Como o bisonte era o animal que lles proporcionara maiores usos[Cómpre referencia] (para alimento, confeccionar prendas de pel, etc.), tiveron que mudar os seus métodos e perfeccionar a caza, facer máis variada a recolección de froitos e verduras, e incrementar a pesca e o marisqueo. Prodúcense tamén os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.

Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época temos arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época da nosa terra.

O Neolítico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Megalitismo en Galicia.

Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a.C. o período denominado Neolítico, caracterizado principalmente polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Ao cultivar os alimentos e criar animais, houbo máis posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación.

O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Os habitantes da Galiza desta época ocuparon zonas altas, por ter unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para traballala. A vexetación predominante estaba composta de carballeiras, sobreiras, ulmos, freixos, abeleiras...

Dolmen de Pedra Cuberta, exemplo de monumento megalítico, en Vimianzo

Desta época data o Megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos atopámolos por toda Galiza, dende a beiramar ata as altas montañas orientais.

Estas xentes deberon practicar unha agricultura itinerante de roza, o que fala dun seminomadismo. Tamén debía ser importante a gandería, sobre todo de ovellas, cabras e vacas, así como a caza, xa que no interior das antas atopamos puntas de frecha, empregadas especialmente na actividade venatoria. Tamén debeu ser importante para a súa alimentación o marisqueo na beiramar.

Foron uns grandes especialistas no traballo da pedra, empregando granitos ou lousas para edificar, mentres que para os obxectos pulimentados prefiren as rochas metamórficas, e para adornos ou como materiais rituais utilizan acibeches ou blenda.

Os materiais máis abondosos desta época son de pedra, con instrumentos como puntas de frecha, machados, lascas, ciceis, coitelos, aixadas, mazas...

Tamén se puideron atopar contas de colar de cor verde, placas perforadas, prismas de seixo cristalizado e idoliños. Sabemos que facían obxectos cerámicos, que presentaban unha decoración impresa con cunchas de bivalvos.

No Dolmen de Dombate ou no de Axeitos atopáronse ídolos ou representacións de antepasados, ou dos vivos que están presentes, sen estar clara aínda a súa función.

Algunhas antas apareceron cos chantos da cámara ou, nalguns casos, do corredor, cunha decoracións gravadas, sendo posíbel que algunhas estivesen pintadas. Os motivos son irregulares ou ondulados, circos concéntricos, idoliformes, cruciformes...

Grecia e Roma[editar | editar a fonte]

Sábese que en Galiza houbo asentamentos de poboación dende épocas prehistóricas que se remontan 300.000 anos no pasado.

Os gregos (así o constata Estrabón, c. 63 aC - c. 24 dC) coñecían os habitantes deste extremo peninsular co nome de Kallaikoi. Os romanos integraron no seu imperio este territorio serodiamente, xa a finais do século I anE e máis tarde aínda, co emperador Diocleciano, no século III, designouse como provincia romana co nome de Gallaecia, seguindo o topónimo antigo. Non hai que confundir os pobos kallaikoi cos galos da latina Gallia. Son asentamentos completamente distintos.

Os pre-celtas e os celtas da Galiza[editar | editar a fonte]

O estudo e a ensinanza deste tema é algo moi complexo, debido sobre todo á opinión persistente, tan divulgada como errónea, de que esta rexión fora a máis celtizada da Península Ibérica. Os arqueólogos, historiadores e investigadores de todas as épocas, á vista dos achados arqueolóxicos e coa axuda dos escritos de gregos e romanos, contan como puido ser e en que consistiu a chegada de certos grupos célticos a esta rexión. Son estudiosos da historia que foron directamente ás poucas fontes que poden manexar, sen conformarse con traducións anteriores, moitas veces mal interpretadas e que puideron ver as numerosas pegadas deixadas polos celtas, ó longo e ancho de Galiza, como os castros.

Semella que algúns grupos do pobo celta que chegara ata o sur da Península Ibérica non atoparon acomodo nestas terras e iniciaron outra viaxe migratoria, en distintas etapas xa tardías, cara ó norte, a través de terras lusitanas. Esta situación de emigrantes celtas dende o sur, polo oeste, cara ó norte, é bastante inqueda e non chegan a estabilizarse na rexión galaica ata o século I a.C., cando xa se atopaba bastante hispanizada. É o grupo coñecido como sefes, que se move cara o século III a.C. e que van situándose algúns entre o río Texo e o río Douro e outros, como xa se dixo, os que seguen cara Galiza.

Asentamentos britanos arredor do s. VI d.C.

Ao mesmo tempo que isto ocorría, producíase nas costas galaicas o desembarco de xentes nórdicas procedentes da Bretaña. A arqueoloxía acreditao así a través dos achados de punta Neixón na ría de Arousa, na provincia da Coruña.

Os celtas sefes atoparon estas terras bastante poboadas. Estrabón asegura que había unhas 50 tribos de pobos diferentes, mentres que Plinio di que eran máis de 65. O profesor (historiador, arqueólogo e escritor) Florentino López Cuevillas na súa obra A civilización céltica na Galiza, despois de expoñer un estudo exhaustivo sobre o aspecto político e xeográfico, asegura que todas estas tribos, na maior parte, non eran celtas. A relación de tribos pre-célticas que se pode dar é bastante extensa:

Principais áreas lingüísticas na Península Ibérica, amosando en azul as linguas pre-celtas e celtas, c. 200 a.C.
Oestrimnios (relacionados cos ligures (e comúns de países bretóns, ingleses e irlandeses), que permaneceron ata a chegada dos romanos), albións, seurros, tiburos, bibalos, caporos, zoelas, nobiagoi, abii, tirii, veasmini, salassi, rilenii, helenii, grovii, etc., todos eles asentados dende a Idade de Bronce, é dicir, antes do 600 a.C.

Este é fondo da poboación pre-céltica, que é a mesma que a normanda, inglesa e irlandesa. Destes poboadores proceden as semellanzas étnicas entre estes pobos e non da chegada dos celtas. As analoxías entre galegos e irlandeses actuais non veñen dun parentesco céltico, senón dunha comunidade étnica anterior que se remonta a 2.000 anos atrás.

As tribos celtas dos sefes acabados de chegar superpuxéronse a estoutras máis antigas e adaptáronse bastante ben, crese que polo seu carácter afín indoeuropeo. Foron os celtas os que se acomodaron e a súa influencia foi, na maioría dos casos, tardía e esporádica, segundo se pode saber pola confirmación do estudo da arquitectura e a metalurxia. A dita poboación autóctona máis antiga conservou a súa destacada personalidade lingüística e cultural e tamén soubo intercambiar aspectos culturais coa civilización céltica. Houbo un verdadeiro troco de costumes e de coñecementos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]