Galegoz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galegoz
Orixe Galiza Flag of Galicia.svg
Período 2005 - ?
Xénero(s) Ska, Funk, Disco, Música electrónica
Selo(s) discográfico(s) Ouvirmos
Na rede
myspace do grupo

Galegoz, proxecto musical galego inspirado no grupo Gorillaz que pretendía crear un grupo de música virtual que fixese música electrónica de fusión, e puidese desenvolver actividades nos eidos do teatro e a videocreación. Nace como un proxecto aberto á participación e á colaboración con músicos doutras bandas.

Historia[editar | editar a fonte]

A finais de 2005 sacan o sinxelo Galician Chimpanzee, que ten unha boa acollida entre o público. Este feito unido a outros motivos fixeron que a idea do grupo virtual fose abandonada, pasando os seus formantes a convertilo nun conxunto físico que puidese dar concertos en vivo. Constitúese así unha banda que recolle a moitos músicos con experiencia noutros proxectos musicais como Xenreira, Nen@s da Revolta, A Matraca Perversa, O Jarbanzo Negro, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Mutantes Metálicos Band ou A Compañía do Ruído.

En febreiro de 2006 sacarán, xa constituídos como banda, o disco Galician Chimpanzee, que presentarán nunha xira por toda a Galiza e outras partes do Estado español.

A súa primeira formación foi: Marcos Payno (voz), Denís Mutante (voz), Pulpiño Viascón (batería, percusións e voz), Manuel Payno (trompeta e coros), Alex Salgueiro (frauta traveseira e teclado), Tómás Ruido (técnico de son) e Matías Olazábal (guitarra). A formación fica, en principio, aberta a moitas colaboracións, polo que nunca se pode falar de formación estábel. Proba diso son as constantes intervencións de membros do Colectivo Perverso e a incorporación nas voces, para a xira do verán de 2006 de Bayo, membro de Django FM e Bayo y Fa Palermo, dúas bandas de Madrid. Tamén se incorporarán un Dj e un Vj. No 2007 o Doutor Chou incorpórase á banda que na actualidade segue coa mesma formación.

As xiras da formación non perden de vista a perspectiva teatral coa que nacía o proxecto, incluíndo un espectáculo próximo á performance. Tamén o estilo procura manterse o máis próximo posíbel á experimentación electrónica, mesturándoa con outros estilos como o ska e o funk, e procurando sempre un resultado divertido.

En abril de 2007 sacan o seu novo disco Revolution Dance, un traballo onde as influencias da música disco dos 70 se mesturan con proclamas revolucionarias. O traballo será presentado nunha xira que os leva a tocar por diversos lugares da Galiza.

En 2008 sacan o seu último disco ata o momento, Viñeron da Galiza Interior, que se pode baixar gratuítamente en aregueifa.net.

GalegoZ ten compartido escenario con grupos como Manu Chao, Asian Dub Fundation, Us3, Muchachito Bombo Inferno, Dios ke te crew ou Boom Club.

Discografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]