Gaivota tridáctila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaivota tridáctila
Kittiwake.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Laridae
Xénero: 'Rissa (Aves)'
Especie: R. tridactyla
Nome binomial
''Rissa tridactyla''
Stephens, 1826
Distribución Rissa tridactyla

Distribución Rissa tridactyla

A gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) é unha ave da familia das gaivotas (Laridae).

Descrición[editar | editar a fonte]

Unha ave adulta desta especie mide uns 40 cm. e ten unha envergadura de ás de entre 90 a 100 cm. O seu aspecto é moi semellante ó da variedade parente a Gaivota tridáctila de patas vermellas (Rissa brevirostris) e á Larus canus. A cabeza, o pescozo e a parte inferior son brancos. O lombo e as ás son de cor agrisada. As puntas das ás e as patas son negras e o bico amarelo. As gaivotas novas teñen bandas negras nas ás e pescozo negro. Chegan á madurez ós tres anos. Recibe o nome de tridáctila porque lle falta o dedo posterior dos pés.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Reprodúcese nas costas dos océanos Atlántico e Pacífico. É máis abundante en Europa e Norteamérica. Entre agosto e abril, fóra da época de cría, vive en mar aberto, sendo a ave máis frecuente no Océano Atlántico. Os exemplares das zonas máis nórdicas buscan áreas máis quentes no inverno.

Na época de cría adoita estar en rochedos mariños, xeralmente en cantís inaccesibles, aproveitando gretas nos cantís entre Armeria sp. e rithmum sp. Nas tempadas de migración e invernada, pasa a maior parte do tempo en mar aberto e nas costas; tamén en augas litorais, algunhas veces incluso en augas interiores, aínda que semella estar medrando a frecuencia destas excursións terra adentro.

Poboación en Galiza[editar | editar a fonte]

A Gaivota tridáctila colonizou a Península a comezos dos anos 70, como consecuencia do grande aumento e expansión das súas colonias setentrionais, aniñando por primeira vez nas Illas Sisargas en 1974. Máis tarde descubríronse colonias no Cabo Vilán en 1987 e nas Illas Berlengas de Portugal, desaparecendo destas en 1983. Estas colonias marcan o límite sur da súa distribución no Atlántico. En 1992 a súa poboación aniñante estimouse en 235 parellas, cunhas 185 parellas na colonia das Illas Sisargas, considerándose como estabilizada e cunhas 50 parellas no Vilán de Fora. Até finais dos 90 a evolución das colonias semella confirmar a súa estabilidade ou un lixeiro medre. Durante o inverno, pasan polas costas galegas miles de aves, sendo máis escaso o seu número no Mediterráneo.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Gaivotas tridáctilas no niño

Comen peixes pequenos, moluscos e crustáceos. No verán cazan tamén insectos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Son estritamente monógamas. Crían, entre maio e xullo, en grandes e ruidosas colonias nos acantilados. Son capaces de utilizar os acantilados máis escarpados. Poñen de un a tres ovos, duns 6 cm. de lonxitude, da cor do ante e con pencas, nun niño feito de terra, brión e algas. Macho e femia chocan os ovos entre 24 e 30 días. Os polos son brancos, porque non precisan camuflaxe perante os predadores, que non acceden ós lugares de cría da gaivota tridáctila. Non saen de seguida do niño coma outros pitos do xénero Larus para evitar accidentes.

Son aptos para o voo as cinco semanas. Só 24 de cada 100 xoves chegan a acadar os cinco anos, cando se produce a maduración sexual da especie. As causas máis frecuentes de morte son as tormentas e a contaminación mariña producida polo petróleo.

Sistemática[editar | editar a fonte]

Hai dúas subespecies:

  • Rissa tridactyla tridactyla, do Atlántico norte, con dedo posterior moi pequeno ou ausente.
  • Rissa tridactyla pollicaris, do norte do océano Pacífico, teñen o dedo posterior desenvolvido.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DOCAMPO, F. e J.M. ALLER (1991): Evolución da colonia nidificante de gaivota tridáctila nas I. Sisargas. En

Fernández-Cordeiro & J. Domínguez (eds.): Actas do Primeiro Congreso Galego de Ortitoloxía, pp. 117-121. Univ. S. de Compostela.

  • LLOYD, C., M.L. TASKER y K. PARTRIDGE (1991): The status of seabirds in Britain and Ireland. T y AD. Poyser.Londres.
  • MUNILLA, I. e J. GUITIÁN (eds.) (1994): Primeiro Anuario das aves de Galicia. Anos 1992-93. S. de Compostela.
  • RODRÍGUEZ SILVAR, J. e A. BERMEJO (1975): Primera nidificación de gaivota tridáctila no SW de Europa.

Ardeola, 21: 409-414.

  • S.G.H.N. (eds.) (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo II: Aves. Consello da Cultura Galega. S. de Compostela.
  • TEIXEIRA, A.M. (1983): Seabirds breeding at the Berlengas, forty-two years after Lockley´s visit. Ibis, 125: 417-420.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Gaivota tridáctila