Gaivota chorona
| Gaivota chorona | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Chroicocephalus ridibundus | ||||||||||||
A gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus, antes Larus ridibundus)[1] é unha gaivota que se pode observar en Galiza durante todo o ano, principalmente exemplares non reprodutores. A súa poboación invernante nas costas galegas estímase nuns 20 mil individuos[Cómpre referencia].
A poboación europea da gaivota chorona estímase nuns 2 millóns de exemplares[Cómpre referencia]. Ata fai pouco a súa cría en Galiza era escasa, aínda que dende finais dos anos 90 a súa cría estase a facer máis común debido ós seus costumes sedentarios.
Índice |
Descrición [editar]
A gaiovota chorona é unha ave de 54-60 cm de envergadura e un peso de 210-300 gramos. É de cor branco coas ás de cor gris agás os bordos negros. A súa testa é de cor negra, durante o inverno tórnase gris ou branca segundo a idade. As súas patas son de cor laranxa ou vermello alaranxado. O seu bico é vermello.
Comportamento [editar]
É unha ave oportunista, carroñeira que busca pequenos invertebrados ou refugallos deixados polos humanos. Adoita presentarse en grupos de 10 a 20 exemplares nos campos labrados en busca de insectos ou miñocas.
Hábitat [editar]
A súa distribución en Galiza é irregular. Atópase principalmente nas costas galegas e nos ríos Miño, Ulla e Sil, así como na Baixa Limia.
En Europa é moi abondosa agás na Escandinavia. É sedentaria na Gran Bretaña e nos países mediterráneos. Durante o inverno emigra dende o mar Báltico ata o Mediterráneo chegando ata o norte de África. Téñense atopado exemplares ata no Canadá.
Reprodución [editar]
A gaivota chorona aniña no chan preto da auga en marismas e lagoas. Pon a partir do final de marzo 3 ovos que van dende o castaño claro a escuro con pencas; estes son chocados polos dous sexos durante 24 días; os pitos son seminidífugos e voan logo de 6 semanas.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Guía das aves de Galicia (1991), Editorial Baía.
Notas [editar]
- ↑ "Birds of the World -- current valid scientific avian names." (en inglés) (html). http://www.zoonomen.net/avtax/frame.html. Consultado o 21 de decembro de 2010.