Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.
Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia
Escaleiras principais do
Gabinete de Medallas
Coordenadas48°52′04″N 2°20′18″L / 48.86778, -2.33833
País Francia
CidadeParís
DirectorFrédérique Duyrat (desde 2013)
Inauguración1560
Na rede
https://www.bnf.fr/fr/departement-monnaies-medailles-antiques
editar datos en Wikidata ]

O Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia (en francés: Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Nationale de France), denominado oficialmente Departamento de Moedas, Medallas e Antigüidades da Biblioteca Nacional de Francia (Département des Monnaies, médailles et antiques de la Bibliothèque Nationale de France) é unha institución encargada de conservar, difundir e dar valor ás coleccións numismáticas e de antigüidades da Biblioteca Nacional de Francia.[1]

Herdeiro do antigo Gabinete de Medallas dos reis de Francia, é o máis antigo dos museos franceses abertos ao público. O Gabinete sitúase dentro das instalacións da Biblioteca Nacional de Francia, no número 58 da rúa de Richelieu e no número 5 da rúa Vivienne, no distrito II de París. É visitable en horario de 10:00 a 18:00 horas de luns a sábado.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Moeda do Gabinete de Medallas: 100 ducados de ouro do Reino de Aragón a nome de Xoana I de Castela e o seu fillo, Carlos I, cuñada en Zaragoza en 1528. Peso: 349,32 g. Diámetro: 84 mm. Único exemplar coñecido.

O Departamento de Moedas, Medallas e Antigüidades da Biblioteca Nacional de Francia acolle coleccións de xoias, pedras gravadas (entalladuras e camafeos), esculturas, cerámica e "medallas" (o nome dado ata o século XIX ás moedas antigas) recollidas polos reis de Francia desde a Idade Media. Estas coleccións leváronse a cabo non só polo lecer dos soberanos e das súas familias, senón tamén como reserva de metais nobres e de riqueza.

Foi Francisco I quen, caracterizándoo dentro do patrimonio da Coroa —ao que pertence de iure—, lle atribuíu ao Gabinete unha certa autonomía dentro dos muros do castelo de Fontainebleau, o que constituíu o xermolo da primeira colección, que foi alimentado despois por Catarina de Médici. Ao remate das guerras de relixión, Carlos IX (1560-1574) creou o posto de "garda particular das medallas e das antigüidades do rei", para protexer o patrimonio da Coroa.[3] O primeiro garda do que se ten constancia da ocupación deste posto foi Pierre-Antoine de Rascas de Bagarris, nomeado por Henrique IV.[4]

Unha das salas do Gabinete de Medallas

O Gabinete viviu a súa etapa de verdadeiro pulo e esplendor baixo o reinado de Lois XIV, quen enriqueceu o "gabinete de curiosidades" que herdara do seu tío Gastón de Orleáns con numerosas adquisicións, entre as que salienta o tesouro do nobre salio Khilderico I, doado polo emperador Leopoldo I en 1665.[5] O abade Bénigne Breunot, que xa era responsable das coleccións de Gaston de Orleans, foi nomeado administrador encargado do Gabinete.[6][7] A raíz duns sucesos ocorridos o 15 de novembro de 1666, motivados pola falta se seguranza, o Gabinete foi trasladado á sede da biblioteca do rei, na rúa Vivienne.[8]

Un dos administradores do Gabinete de Medallas no século XVII Camille Le Tellier de Louvois (1675-1718)

En 1682 publicouse a primeira colección das moedas do gabinete de Lois XIV, consistente en corenta e unha pranchas encomendadas ao gravador francés Gilles Jodelet de La Boissière: este volume, encargado polo ministro Colbert, non tivo continuación, por mor da súa morte.

Logo, o Gabinete foi novamente trasladado en febreiro de 1648, esta vez ao Palacio de Versalles, onde o rei mandou acomodar unhas instalacións para o efecto. Estes traballos levaron consigo un desembolso importante, que sufragou tamén unha edición dun inventario crítico ilustrado a cargo de diversos especialistas.[9][10]

En 1717, o erudito Camille Le Tellier de Louvois, daquela administrador do Gabinete, decidiu a volta da institución desde Versalles a París, feito que non ocorreu finalmente ata 1741, cando pasou a ocupar o salón da Marquesa de Lambert no antigo hotel de Nevers, ao pé da rúa Richelieu, na actual sede da Biblioteca Nacional de Francia. Mentres tanto, de 1720 a 1740, o arquitecto francés Jules-Robert de Cotte preparou a estancia ata a converter nun lugar suntuso coñecido como "O Salón Luís XV", que finalmente acabou por ser destruído en 1860 a raíz dunha nova remodelación da zona.[11][12][13]

Moedas gregas no Gabinete de Medallas: múltiplos de ouro de Alexandre Severo (222-235), de Alexandre o Grande (336-323) e de Filipo II de Madedonia (394-370 a. de C.), procedentes do Tesouro de Tarso

Desa época, o Gabinete conserva aínda hoxe medallas e pinturas de Boucher, Natoire e Van Loo. Entre os anticuarios e eruditos que dirixiron o Gabinete, un dos máis sobranceiros foi Dumersan, quen comezou os seus traballos en 1795 e conseguiu protexer a colección da súa dispersión logo da derrota dos aliados de Napoleón e publicou unha historia e unha descrición da colección en 1838.[14]

Con todo, cando o arquitecto Jean-Louis Pascal proxectou e construíu a actual sede do Departamento de Moedas e Medallas, entre 1890 e 1913, nunha zona nova da Biblioteca Nacional de Francia na rúa Vivienne, decidiu, coordinadamente co director do departamento, o numismático Ernest Babelon, reconstituír o Salón de Lois XV: a inauguración tivo lugar en 1917.[15][16]

Ao longo de todo este tempo transcorrido desde a súa creación, o Gabinete foi adquirindo unha sona crecente, en parte grazas aos numerosos agasallos e doazóns: en 1776, o abade e numismático Barthélemy achegou mediante adquisición a colección de 32.000 moedas do mundo grego de Joseph Pellerin, ademais das antigüidades do Conde de Caylus ou, en 1862, as do Duque de Luynes. En 1917 foi instalado, finalmente, nas instalacións actuais, no primeiro andar do edificio da Biblioteca Nacional de Francia.[17]

Coleccións[editar | editar a fonte]

Fondos numismáticos[editar | editar a fonte]

Moeda grecobractiana no Gabinete de Medallas: 20 estateros a nome do rei Eucrátides I, a moeda de ouro máis grande coñecida da Antigüidade (peso: 169,2 g e diámetro: 58 mm).

O Gabinete de Medallas posúe arredor de 520.000 moedas e medallas. As moedas, que son maioría, divídense en varias coleccións:[18]

A iso cómpre engadirlle outros artigos relacionados coa numismática, como medallas (93.000 pezas) e fichas monetiformes (20.000 pezas), desde o Renacemento ata os nosos días.

Outros fondos[editar | editar a fonte]

O Departamento de Moedas, Medallas e Antigüidades conserva tamén 35.000 obxectos non monetarios, entre eles:[20]

Responsables do Gabinete de Medallas[editar | editar a fonte]

A primeira denominación do cargo da paersoa encargada do gabinete foi "intendente de medallas e antigüidades do Rei" (1601). Posteriormente cambiouse a "intendente do Gabinete de Medallas e Antigüidades do Rei" (1660) e a "comisario da garda da Biblioteca e do Gabinete de Medallas do Rei" (1666). Baixo Lois XV, a denominación pasou a "garda do Gabinbete de Medallas do Rei". En 1795 instituíuse a duplicidade dun "conservador-profesor" e un "conservador-bibliotecario", que foi substituído ese mesmo ano polo posto de "director a cargo do Gabinete de Antigüidades e Medallas. Esta situación bastante confusa provocou rivalidades ata 1848. Logo nomeouse un conservador xefe para o cargo de director do departamento das devanditas coleccións.[6][22][23]

Publicacións[editar | editar a fonte]

No departamento reside unha importante colección de documentos relativos ás súas coleccións, composta por 80.000 obras. Como centro de documentación e de investigación, publica a serie de Tresors monétaires (22 volumes, desde 1979 a 2006).

Ademais, é a sede da Sociedade Francesa de Numismática (Société Française de Numismatique).

A partir de 1976, publicou o Bibliothèque Nationale. Catalogue des Monnaies de l’Empire Romain (BNCMR), coa seguinte composición:

O Gabinete de Medallas publica en liña o seu catálogo, titulado Catalogue des Médailles et Antiques de la Bibliothèque nationale de France, no que se poden facer procuras con diversos criterios.[26] Paralelamente, ofrece no seu sitio web unha pormenorizada listaxe de todos os catálogos impresos publicados sobre os seus fondos, ordenados segundo a súa tipoloxía e a súa época.[27]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Presentación do Gabinete, na súa sección dentro da web da Biblioteca Nacional de Francia.
  2. "Département des Monnaies, médailles et antiques : informations pratiques". En BnF.fr
  3. Sarmant, T. (1994). Páxinas 10-11.
  4. Les intendants et gardes du Cabinet des médailles des origines à 1753. Biblioteca Nacional de Francia. 2007
  5. Babelon, Ernest. "Le Tombeau du roi Childéric et les origines de l'orfèvrerie cloisonnée". Mémoires de la Société nationale des antiquaires de France, 1923. Páxinas 1-113.
  6. 6,0 6,1 Amandry, M. (2005). "Les directeurs du département des Monnaies, Médailles et Antiques depuis 1719". Bibliothèque nationale de France. Comité d'histoire.
  7. Arquivos en liña do Castelo de Versalles.
  8. Sarmant, T. (1994). Páxinas 25-34.
  9. Blaselle, B. et al. (2006). Páxina 21.
  10. Schnapper, A. (1994). Páxinas 326-347.
  11. Blaselle, B. et al. (2006). Páxina 29.
  12. Bodenstein, F. "Le salon Louis XV à la Bibliothèque nationale de France : l’archéologie et la reconstitution d’un lieu d’histoire (1865-1913)". En Livraisons d'histoire et d'architecture, 19, 2010. Páxinas 9-24.
  13. Babelon, J. Le Cabinet du roi ou le salon Louis XV de la Bibliothèque nationale. G. Van Oest, 1927. Páxina 5.
  14. Dumersan, T. M. (1822).
  15. Babelon, Ernest. "Le Cabinet des médailles pendant la guerre". Revue numismatique, 1919. Páxinas 141-162.
  16. Babelon, Ernest. "Le Salon Louis XV au cabinet des Médailles de la Bibliothèque nationale". La Revue de l'art ancien et moderne, 1919.
  17. "La donnation de la collection du duc de Luynes". En BnF. Gallica.
  18. "Collections par thèmes: Numismatique". No sitio web do Gabinete.
  19. Ripollès Alegre, Pere Pau. Monedas Hispánicas de la Bibliothèque nationale de France. Real Academia de la Historia. Madrid, 2005. ISBN 84-95983-52-4. Texto en liña
  20. "Collections par thèmes: Art et histoire de l'art". No sitio web do Gabinete.
  21. "Plaque: le Christ couronnant Romanos et Eudoxie". Ficha da peza na web do Gabinete.
  22. "Les intendants et gardes du Cabinet des médailles des origines à 1753". BnF. Comité d'Histoire,
  23. Sarmant, Thierry (1994). Páxinas 91-126.
  24. Woytek, B. (2009). "Trajan dans les collections de la BnF [Paul-André Besombes, Monnaies de l'Empire romain IV. Trajan (98-11 7 après J.-C)]". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 165. Páxinas 427-441.
  25. Estiot, S. "Le Monnayage impérial central de la période de la "crise du IIIe siècle" (268-295 AD)". En ANR Moneta.
  26. Catalogue des Médailles et Antiques de la Bibliothèque nationale de France. En BnF.fr
  27. "Catalogues imprimés des monnaies, médailles et antiques". En BnF.fr

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]