Gabián (ave)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gabián común»)
Véxase tamén a acepción botánica como un órgano do sustentación das plantas rubideiras.
Gabián

Macho


Son do gabián.

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
(ou Accipitriformes, q.v.)
Familia: Accipitridae
Xénero: Accipiter
Especie: A. nisus
Nome binomial
Accipiter nisus
(Linnaeus, 1758)
Distribución do gabián. En verde = sedentario, en vermello= só no verán, en azul = só no inverno
Distribución do gabián. En verde = sedentario, en vermello= só no verán, en azul = só no inverno

Distribución do gabián. En verde = sedentario, en vermello= só no verán, en azul = só no inverno
Subespecies

A. n. granti
A. n. melaschistos
A. n. nisosimilis
A. n. nisus
A. n. punicus
A. n. wolterstorffi

O gabián[2][3][4] (Accipiter nisus) é unha ave de presa da familia dos Accipitridae que amosa unha gran diferenza entre o tamaño dos machos e as femias. Estas son case dúas veces meirandes cós machos. Son aves forestais que crían as veces nos parques dalgunhas cidades. Aliméntanse case exclusivamente de paxaros. Despois dunha forte redución das súas poboacións europeas por causa do DDT estas recuperáronse despois do ano 1950.

Descrición[editar | editar a fonte]

Femia.

O gabián e un representante típico do xénero zoolóxico Accipiter, composto por especies que viven maioritariamente nos bosques. Ten ás relativamente curtas e anchas, arredondadas nas puntas, a cola é relativamente longa. Estas características, que non lle permiten un voo extraordinariamente rápido, fan que se poida mover con axilidade en espazos reducidos. Patas e gadoupas están adaptadas á caza de paxaros pequenos e rápidos. As patas son longas e delgadas en relación ó corpo. O dedo central dos pés e moi longo. Tódolos dedos amosan rugosidades moi marcadas que permiten que as gadoupas encaixen completamente o cerrarse e poden agarrarse mesmo nas plumas. As unllas son longas e moi aguzadas.

De diante a atrás femia, macho e exemplar novo

Os gabiáns amosan un gran dimorfismo sexual. Os machos adultos son de cor azul agrisada pola parte superior. A parte inferior é branca con raias finas, e vaise facendo vermella alaranxada cara ó abdome. A coloración da zona ten moitas variacións individuais: algúns machos son nesta área case uniformemente alaranxados, outros teñen só algunhas listas laranxas nos flancos sendo o resto castaño. O colo amosa un fino punteado vertical, tan variable coma a coloración abdominal; en casos extremos o pescozo e completamente alaranxado. As femias son menos coloreadas cós machos. Por riba son de curta castaño cinsento, o barrado da parte inferior pode ter, excepcionalmente, tons alaranxados polos lados.

Os exemplares novos son castaños por riba e brancos con listas horizontais, que ás veces teñen forma de manchas, por baixo.

As patas do gabián son amarelas, coma a cera do bico. O iris dos ollos é amarelo claro nos exemplares novos, amarelo escuro nas femias adultas e, en xeral, alaranxado nos machos. O bico é negro, cinsento azulado na base.

O dimorfismo sexual en tamaño e peso é extremo. Os machos adultos da subespecie Accipiter nisus nisus teñen unha lonxitude de ás de entre 192 e 209 mm., 199 como media; as das femias miden de 223 a 247 mm., 234 mm. de media. Un macho adulto pesa 105-165 g, 137 g. de media; unha femia de 192 a 290 g, 234 g. de media. O peso dos machos é, aproximadamente, un 40% menor có das femias.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Está espallado por unha ampla zona da área paleártica, das illas Canarias e Irlanda ata a península de Kamchatka e o Xapón. Prefire os bosques de folla caduca boreais e alpinos, pero en Europa central e do oeste e na area mediterránea, onde non ten a competencia doutras especies pequenas do xénero Accipiter, vive tamén en bosques de folla caduca e no bosque mediterráneo. Nos últimos tempos a especie amosa unha forte tendencia a adaptarse ós hábitats urbanos, comezando a aparecer en parques cemiterios e zonas verdes de moitas cidades europeas.

Conduta migratoria[editar | editar a fonte]

Os gabiáns son sedentarios ou migratorios dependendo da súa área de residencia.En Europa as tendencias migratorias aumentan de suroeste a nordeste. En Europa central parte das poboacións, en especial os nados no ano, emigran cara ó suroeste a finais do verán e no outono. En Escandinavia e case toda Rusia emigran todos. Os gabiáns migratorios do centro de Europa pasan o inverno no sur e oeste do continente e no norte de África. Os do leste é norte de Europa pasan o inverno en Centroeuropa, aínda que algúns exemplares chegan ó sur de Francia e a Italia. Os gabiáns do leste de Europa e de Asia pasan os invernos no nordeste de África, no Oriente Próximo, no Oriente Medio e no sur de Asia.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Vídeos de gabiáns.

Na actualidade acéptanse a división en cinco subespecies:

  • A. n. nisus: a forma típica; en case toda Europa dende Irlanda os montes Urais, e ata Siberia central e do leste.
  • A. n. nisosimilis: máis claro e grande. De Siberia central e do leste.
  • A. n. melaschistos: das montañas de Asia central, seguindo cara ó oeste ata Caxemira. Máis escuro con máis debuxo na zona inferior é claramente meirande cá forma típica.
  • A.n. granti: de Madeira e as illas Canarias; máis escuro é pequeno que A. n.nisus.
  • A. n. punicus: do norte de África, dende o Magreb ata os montes Atlas. De tamaño algo maior e máis claro cá forma tipo,
  • A. n. wolterstorffi: de Córsega e Sardeña; aínda máis escuro e con listas máis mestas na parte inferior co A. n.granti e de tamaño semellante,

Caza e alimentación[editar | editar a fonte]

Gabián

Cazan sobre todo paxaros pequenos en areas arboradas. En xeral, capturan as presas voando preto do chan ou á espreita, despois dunha persecución rápida preto do chan, pero tamén a diversas alturas entre a vexetación e mesmo entre a follaxe. Utiliza como puntos de espreita árbores, sebes e mesmo casas. Teñen unha capacidade de manobra en voo moi grande: poden facer ángulos de case 90° e xirar case 180º case sen moverse dun punto no aire. A miúdo persegue os paxaros ata nas sebes e entre o mato e mesmo en areas pechadas. Téñense visto atravesando en voo durante a caza caixas artificiais para á alimentación de paxaros. Ó raro, cazan espreitando desde o aire, onde fan círculos para despois atacar ás presas a ceo aberto ou preto do chan.

Gabián (macho inmaturo)

Cacha e mata ás vítimas coas gadoupas, atravesándoas coas unllas ata que deixan de moverse. Este método favorecido tamén polas pernas relativamente longas, permítelle capturar presas comparativamente grandes e fortes.

A base da súa dieta son os paxaros de tamaño pequeno. Ocasionalmente capturan algúns mamíferos, como rato ou morcegos, pequenos réptiles, e algún invertebrado. Os machos europeos matan principalmente aves do tamaño dun ferreiro ou estorniño, as femias poden cazar mesmo pombas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Accipiter nisus.

Maduran sexualmente os 12 meses. Durante a estación de cría son monógamos. Dáse algún caso esporádico de bigamia.

Os límites do seu territorio de caza son pouco visibles, como tamén as cerimonias de cortexo. A única conduta perante conxéneres intrusos son os voos de demostración: voan baixo sobre o territorio de cría batendo as ás con forza e a modo. Se están moi excitados engaden á demostración un voo ondeante. Durante o cortexo os dous membros da parella xiran no alto sobre o territorio de cría para deixarse caer en picado na zona do niño. O macho entrégalle á femia regularmente parte das súas presas. A entrega faise no aire ou nun punto de entrega determinado. Os machos evitan en xeral o contacto directo coa femia, moito máis forte e deixan o punto de entrega antes que ela se pouse para recoller a presa.

Para cría prefiren bosques mestos de coníferas con árbores de entre 30 e 40 anos de idade. En ausencia de coníferas acepta bosques caducifolios. Constrúen cada ano un niño novo,en pólas laterais, en xeral preto do tronco e disimulados pola copa da árbore. Os territorios ocupados durante anos poden identificarse pola presenza de numerosos niños vellos. Danse casos de utilización de niños do ano anterior e mesmo de uso de niños de pombas. En zonas de bosque especialmente densas colocan case sempre o niño cerca dun carreiriño, dun camiño ou dun rego.

Na Europa central a construción dos niños comeza entre mediados de marzo e primeiros de abril. Fanos de garabullos secos e sen follas. Son máis axiña aplanados, cun diámetro duns 60 cm., a altura no centro é duns 20 cm. Fórraos con anaquiños de casca das árbores. Poñen entre catro e seis ovos (en casos extremos de 1 a 7), arredondados, que miden de media 39x32 mm. e pesan uns 23 g. Son brancos con manchas pardas en cantidade variable.

Incuban entre 33 e 35 días. Durante a incubación e os primeiros días de vida dos polos é o macho quen alimenta á femia, que se encarga de choca-los ovos case en exclusiva. É tamén a femia quen alimenta ós pitos, recibindo as presas do macho nun punto situado nun radio duns 50 metros ó redor do niño. Os xoves permanecen no niño uns 30 días, pero, en caso de seren molestados, poden xa voar con 25 días. Mantéñense 2 ou 3 semanas preto do niño, período no que son alimentados polos pais. Tanto os gabiáns novos coma os adultos cando incuban son vítimas frecuentes do azor e, máis raramente da marta (Martes martes) .

Status e ameazas[editar | editar a fonte]

Os gabiáns foron perseguidos acusados de "danar a caza" e para "protexer ós paxaros". Nalgúns países mesmo se daban premios pola súa caza. Pero a redución máis drástica dos seus números en Europa occidental foi causada polo DDT, que, a través da cadea trófica chegaba os gabiáns e outras especies de rapaces e afectaba sobre todo á súa reprodución. En moitas zonas desapareceu como ave reprodutora.

A desaparición do uso do DDT favoreceu unha certa recuperación das súas poboacións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Accipiter nisus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 de xullo de 2012. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gabián.
  3. Mª P., Jiménez Aleixandre, (1991). "Zooloxía". Vocabulario de ciencias naturais. Xunta de Galicia. 
  4. VV. AA. (2009). Gran Dicionario Xerais da Lingua. Xerais. ISBN 978-84-9914-070-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]