Gómez Pérez das Mariñas I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gómez Pérez das Mariñas I
Señor das Mariñas

Nacementoant. 1410
Betanzos?
Falecemento1475
SepulturaConvento de San Domingos da Coruña
Cónxuxe/sTareixa de Haro Acuña
Descendencia1.María das Mariñas

2.Constanza das Mariñas

3.Xenebra das Mariñas
ProxenitoresAres Pardo das Mariñas
Tareixa Prego de Montaos

Gómez Pérez das Mariñas foi un nobre galego do século XV. Probabelmente nado en Betanzos, os seus dominios estendíanse polas terras comprendidas entre Betanzos e A Coruña.

Vista de Betanzos, capital das Mariñas

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi home de sona e grande influencia en Galicia. Sendo aínda un mancebo estivo na corte do rei Xoán II que sentía moito aprecio por el. Mesmo favoreceuno o 18 de agosto de 1452 ao estender unha cédula pola que lle concede a fortaleza de Cillobre.

Tamén serviu con lealdade ao rei Henrique IV. Por mandato seu defendeu a cidade da Coruña contra o conde de Benavente. O rei concedeulle en 1467 a propiedade dunhas casas na Coruña como compensación dos gastos que lle ocasionara a defensa da cidade.

Xunto con outros nobres galegos, acudiu ao chamado de Pedro Madruga en 1469 para loitaren contra os irmandiños. A unión dos nobres continuou para velaren polos foros dos señores galegos. Así, en 1471 o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, litigaba co señor de Altamira, Lopo Sánchez de Moscoso, por considerar que algunhas terras do señor de Altamira, lindantes coas da igrexa compostelá, lles foran arrebatadas e porque quería impedir a reconstrución das torres de Altamira, capital dos estados dos Moscoso. Para iso encomendáralle o arcebispo ao seu irmán Luís de Acevedo que o impedise. Nun primeiro intento fracasou. Cando estaba preparando a segunda tentativa, Lope Sánchez de Moscoso pediu axuda a Diego de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. O 14 de xuño de 1471 enfrontáronse ambos os bandos na batalla de Altamira coa vitoria dos de Moscoso. Isto obrigou a fuxir ao arcebispo e o seu irmán.

Tamén axudou a devolver a fortaleza de Vimianzo ao de Moscoso, e recobrou para si a fortaleza de Mesía, en poder do arcebispo de Santiago.

Casou con Tareixa de Haro coa que tivo tres fillas, María das Mariñas que casou con Diego de Andrade; Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas.

Testou o 4 de novembro de 1474 na Coruña, deixando disposto que fose enterrado na igrexa do convento de San Domingos de dita cidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]