Frutos Saavedra Meneses

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Frutos Saavedra Meneses
Nacemento25 de outubro de 1823
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento23 de outubro de 1868
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar, político e científico
editar datos en Wikidata ]

Frutos Saavedra Meneses, nado en Ferrol o 25 de outubro de 1823 e finado en Madrid o 23 de outubro de 1868, foi un político, científico e militar galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Antonio Saavedra, facendado de Pontedeume e María Candelaria Meneses. Home de vasta cultura, viaxou por Francia, Alemaña, Bélxica, Países Baixos e Gran Bretaña[1].

Militar[editar | editar a fonte]

En 1838 ingresou na Academia Militar de Segovia, da que chegou a ser profesor. Participou na guerra de África e chegou ao grao de coronel. Foi recompensado coa Cruz de San Fernando, nomeado comendador ordinario da Orde de Carlos III e cabaleiro da Orde de San Hermenexildo[1].

Científica[editar | editar a fonte]

Discursos leídos ante la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales en la recepcion pública de D. Frutos Saavedra Meneses.

A súa traxectoria científica deulle recoñecido prestixio entre a comunidade xeodésica nacional e internacional. Formou parte da Comisión para o Mapa de España, desde a súa creación en 1853, como representante do Corpo de Artillaría. Para o seu traballo dentro Comisión deseñou, xunto co seu amigo o tamén militar Carlos Ibáñez de Ibero, unha regra ou aparello de medida, construída nuns prestixiosos obradoiros de París, e que foi usada posteriormente para as medicións da base central da rede xeodésica española[2]. Este traballo, novedoso e inédito no seu tempo, deulles ós dous científicos unha gran proxección internacional, como o demostra o feito de que fora traducido ó francés o traballo de ambos, Experiencias verificadas con el aparato de bases, sobre o uso do seu aparello[1].

As súas publicacións fixeron que fose nomeado membro da Real Academia de Ciencias en 1862, disertando no seu discurso de ingreso sobre os Progresos da Xeodesia, onde repasa a historia desta ciencia; e da Real Academia Española en 1867, non podendo ler o seu discurso de ingreso debido á súa prematura morte[3]. Foi membro tamén dalgunhas sociedades científicas estranxeiras coma a Sociedade Xeográfica de París e a Sociedade Meteorolóxica de Francia[1].

Política[editar | editar a fonte]

A carreira política desenvolveuna inicialmente na Unión Liberal, sendo elixido deputado polo distrito de Pontedeume en 1860, substituíndo ao dimitido Joaquín Peralta Pérez de Salcedo. Permaneceu nas Cortes durante catro lexislaturas ata 1866. O 16 de marzo de 1864 foi nomeado Director Xeral de Obras Públicas[3].

Destacouse por reclamar insistentemente a construción do ferrocarril Palencia-A Coruña, motivo polo que o concello da Coruña nomeouno fillo adoptivo. Grazas ás súas xestións instalouse en Pontedeume a estación telegráfica e procedeuse á construción da estrada do Seixo[3]. A el débese tamén a construción dos peiraos de Ares, Mugardos, O Seixo e Pontedeume[4]. En recoñecemento do seu labor pola comarca varios concellos puxéronlle o seu nome a unha rúa: o concello de Pontedeume dedicoulle unha rúa en 1911[3] ó igual que fixo Ferrol nese mesmo ano, aínda que posteriormente trocóuselle o nome polo actual de rúa María[4][5]. Betanzos e Ares tamén conservan o nome do político en senllas rúas.

En outubro de 1864 visitou o distrito electoral que representaba. Procedente da Coruña a bordo do vapor "León", chegou a Pontedeume o 12 de outubro, inaugurando o novo peirao e sendo obxecto de homenaxes e agasallos. O día 19 partiu por mar cara a Ferrol no mesmo vapor que o trouxera, facendo escalas en Redes, Ares e Mugardos. É destacábel que o "León" foi o primeiro barco de vapor que atracou en Pontedeume, e que tamén neses días funcionou na vila por primeira vez a luz eléctrica, ao se instalar unha lámpada alimentada por unha batería de pilas[1].

Estudios de fortificación. Atrincheramientos de campaña

Obras[editar | editar a fonte]

A maioría dos seus traballos son do campo da Xeodesia, se ben escribiu tamén sobre temas militares. Destacan[1][3]:

  • Memoria sobre la fabricación en distintos países de las armas de fuego portátiles, en colaboración con Francisco Elorza (1846).
  • Curso de fortificación de campaña (1851).
  • Descripción de algunos instrumentos de Geodesia y Topografía (1853).
  • Apuntes para la historia de los sucesos de Julio de 1854.
  • Progresos de la Geodesia (1862).
  • Estudio de Fortificación (1864), utilizado como libro de texto nas academias militares.
  • Base de Madridejos. Base Central da triangulación xeodésica de España (1865).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Joaquín Peralta Pérez de Salcedo
Deputado por Pontedeume
1860 - 1865
Sucesor:
Domingo Caramés García