Fronte de Liberación Gai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Fronte de Liberación Gai, en inglés Gay Liberation Front (GLF) foi o nome tomado por distintos grupos que reivindicaban os dereitos dos homosexuais. O primeiro deles foi fundado na cidade de Nova York en 1969 a raíz dos enfrontamentos de Stonewall.

A base da ideoloxía da Fronte de Liberación Gay foi a loita pola liberdade sexual das persoas, tocando tamén temas conexos a ese, como o cuestionamento da noción de familia tradicional, dos roles de xénero, ou o sentido das institucións estabelecidas na sociedade contemporánea. Ao mesmo tempo, a maioría dos militantes da Fronte compartían un ideario antimilitarista, antirracista e contrario ás posturas sexistas. Durante o desenvolvemento da súa actividade entraron en contacto con distintos grupos que loitaban polos dereitos civís, como os Panteras Negras, dos cales recibiron mostras de solidariedade. A Fronte cesou a súa actividade en 1972, tras múltiples disputas e disensións internas.

Historia da GLF en Nova York[editar | editar a fonte]

Desde moi pronto existiron diferenzas na organización sobre se se debía apoiar outras organizacións de esquerda como por exemplo os Black Panther Party. En 1970, Jim Owles e Marty Robinson fundaron fóra da GLF unha nova organización, a Gay Activists Alliance (GAA), que se definía como «unha organización homosexual militante (pero non violenta) a favor dos dereitos civís» e que, ao contrario da GLF, quería evitar «calquera participación en accións que non teñan relación directa cos homosexuais».

Tras a marcha dos activistas moderados, a GLF definiuse abertamente como unha organización revolucionaria. Nunha entrevista cos membros da GLF de Nova York aparecida no San Francisco Free Press, respóndese a pregunta de que é a GLF do seguinte xeito:

Somos un grupo revolucionario homosexual de homes e mulleres que se formaron co coñecemento de que a liberación sexual total para todas as persoas non poderá levarse a cabo até que desaparezan as estruturas sociais existentes. Rexeitamos o intento da sociedade de impoñer roles e definicións á nosa natureza. Fuximos deses roles e mitos simplistas. Seremos quen somos. Á vez, construímos novas formas e relacións sociais, é dicir, relacións que se basean en irmandade, cooperación, amor humano e sexualidade libre. Babilonia obrigounos a comprometerse cunha causa... a revolución.

Ao ano da súa fundación, a GLF, á parte da xunta plenaria dos domingos pola tarde, que estaba formada por unhas 70 a 80 persoas, estaba formada por 19 células ou grupos de acción, doce grupos para sensibilización, un encontro para homes o mércores pola tarde, un encontro para mulleres o domingo pola tarde, antes da xunta plenaria, tres vivendas comuna e o Radical Study Group (grupo de estudos radical). Ademais a GLF editaba a revista Come Out! e as vivendas comuna da Rúa 17 editaban a revista Gay Flames.

A GLF noutras cidades[editar | editar a fonte]

Seguindo o exemplo do grupo en Nova York, formáronse outros grupos co nome Gay Liberation Front en varias cidades, como en San Francisco e Londres. O grupo de Londres —fundado por Aubrey Walter e Bob Mellors— estendeu posteriormente as súas actividades a todo o país. En 1972 fundouse un Gay Liberation Front en Colonia, que na actualidade é a asociación gai alemá máis antiga que aínda está activa.