Froita confeitada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Froita confeitada á venda no mercado de La Boqueria (Barcelona, Cataluña).

A froita confeitada é aquela froita que se mergulla e após se cociña en almibre de xeito que perda a súa humidade interior e se logre así conservala. As froitas confeitadas soen empregarse na elaboración de certos bolos, coma o roscón, tomadas de forma simple forman parte da repostaría típica do Nadal.

Características[editar | editar a fonte]

O proceso contínuo de somerxer a froita en almibre provoca que esta se sature de azucre, evitando así o crecemento de microbios que a apodrecen,[1] polo que poden manterse varios anos en bo estado sen necesidade de medidas de preservación adicionais. Dependendo do tamaño e o tipo de froita, o proceso de confeitaxe pode supor varios días.[2] Poden confeitarse pezas enteiras, anacos de froita ou retallos de pela.

As froitas confeitadas poden, posteriormente, ser glaseadas ou cristalizadas. Ambos os dous procesos consisten en dar un recubrimento de azucre á froita. O glaseado aporta un recubrimento uniforme e liso, mentres o cristalizado dá un aspecto de tona «xeada» ao se solidificar o azucre sobor da codia da froita formando pequenos cristais.

Algunhas froitas que soen confeitarse son os dátiles, as cereixas marrascas, o ananás e o xenxibre.[3] Tamén se conservan ben os figos, pexegos, albaricoques, peras, carambolas, mazás e froitas cítricas.

Pelas de laranxa en proceso de confeitaxe

Historia[editar | editar a fonte]

A conservación por medio da utilización do azucre (mel de palma e mel) xa era coñecida nas antigas culturas da China e da Mesopotamia. A miúdo era o único método de conservación coñecido: os antigos romanos preservaban o peixe mergullado en mel. Porén considéranse coma verdadeiros precursores da confeitaxe moderna os árabes, que xa servían cítricos e rosas confeitadas no momento principal dos seus banquetes. Coa dominación árabe de partes do sur de Europa, a froita confeitada iniciou o seu camiño cara Occidente. Os primeiros documentos que falan do uso de froitas confeitadas en Europa remóntanse ao século XVI. Nesa época, as froitas confeitadas tiñan un tratamento semellante ao das especias. En España era moi popular o diacitrón (unha cidra confeitada que aparece en varias obras literarias do século XVI).[4] En Italia, convértense nun ingrediente clave dalgúns dos máis famosos doces da súa tradición culinaria: entre eles, o Panettone milanés e a Cassata Siciliana. Úsase moito coma ingrediente do plum cake inglés.

En Galiza o seu uso restrínxese ao adorno do pan de ovo ou roscón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Britannica Online Encyclopedia — Candied Fruit" (en inglés). http://www.britannica.com/eb/topic-92425/candied-fruit. Consultado o 23 de novembro de 2007.
  2. "Food, Facts, and Trivia — Candied Fruit" (en inglés). http://www.foodreference.com/html/fcandiedfruit.html. Consultado o 22 de novembro de 2007.
  3. "Answers.com — candied fruit; candied flowers" (en inglés). http://www.answers.com/topic/candied-fruit-candied-flowers. Consultado o 3 de xaneiro de 2008.
  4. Elena Varela Merino, (2009), Los galicismos en el español de los siglos XVI y XVII, Volume 1, Madrid, CSIC, páx. 517-518

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]