Fritz Strassmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fritz Strassmann (Boppard, 22 de febreiro de 1902 - Maguncia, 22 de abril de 1980) foi un químico analítico alemán. Formouse na Escola Técnica Superior da cidade de Hannóver e foi investigador do Instituto Kaiser Wilhelm entre os anos 1929 e 1945. Negouse a unirse ao Partido Nazi ou a calquera organización afín, e pasou a colaborar con Otto Hahn, con quen descubriu en 1938 que cando se bombardeaba con neutróns o núcleo dun átomo este fragmentábase en dous átomos máis pequenos. Este fenómeno, coñecido coma fisión nuclear, foi a base das primeiras bombas atómicas así coma dos reactores nucleares.

Levou a cabo tamén diversos estudos referidos ao grupo de elementos químicos coñecidos como transuránidos. En 1946 foi nomeado profesor de química inorgánica da Universidade de Maguncia e en 1953 director do departamento de química do Instituto Max Planck.