Lingua frisoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Frisón")
Frisón
'Frysk, friisk, frasch, fresk'
Falado en: Países Baixos, Alemaña.
Total de falantes: 700.000
Familia: Indoeuropea
 Xermánica
  Xermánica occidental
   Frisón
Códigos de lingua
ISO 639-1: fy
ISO 639-2: fry
ISO 639-3: varios:
fri — [[]]
frs — [[]]
frr — [[]]
Distribución actual da lingua frisoa

O frisón (frysk) é unha lingua xermánica occidental falada na Frisia (norte dos Países Baixos, noroeste de Alemaña, moi próxima ó inglés e en grave perigo de desaparición. Os saxóns, os anglos e os xutos, antes de emigrar para a actual Inglaterra, falaban unha mesma lingua cos frisóns. Os actuais falantes son descendentes directos daqueles pobos xermánicos. Dos primeiros séculos da nosa era consérvanse escasos rexistros, entre eles unas poucas epigrafías en alfabeto rúnico. A rexión de Frisia acabou dependente dos Países Baixos. Ata o século XV o frisón era unha lingua viva que se utilizaba ata na administración e asuntos oficiais. Dos séculos XIII a XVI consérvanse numerosos documentos de tipo legal, normativo, cartas, contratos pero tamén literarios como sagas e lendas populares, e traducións de salmos. A partir deste momento empeza a ser paulatinamente relegada polo neerlandés e o alemán.

Variantes do frisón[editar | editar a fonte]

Cando nos referimos ao frisón facémolo en realidade a tres variantes, cada unha delas potencialmente con categoría de lingua ao ser mutuamente inintelixibles: o frisón oriental, o frisón occidental e o frisón setentrional. Só o frisón occidental acadou a categoría de lingua literaria.

O frisón oriental (friisk, saterlandic)[editar | editar a fonte]

Falábase nos estados de Slesvig-Holstein e Baixa Saxonia a Ostfriesland (Frisia Oriental), Alemaña, pero na actualidade, e segundo un informe da ONU do ano 1996, xa desapareceu de practicamente todo o seu ámbito, manténdose unha pequena poboación a Saterland e nos tres municipios de Ramsloh, Strücklingen e Sharrell (Baixa Saxonia) cuns 2.000 falantes, todos eles de idade avanzada. En poucos anos moi posiblemente chegará á desaparición. Considéranse a si mesmos frisóns orientais unhas 11.000 persoas.

O frisón setentrional (friisk, frasch, fresk)[editar | editar a fonte]

Fálase no estado de Schleswig-Holstein, Alemaña, á parte da costa entre os ríos Eider no sur e Wiedau no norte e nas illas próximas de Föhr, Amrum, Sylt, Norstrand, Pellworm, nas dez illas do grupo Halligen, e na illa de Helgoland. A maioría dos frisóns setentrionais considéranse un grupo aparte da poboación alemá.

Hai varias asociacións culturais e políticas que defenden os seus dereitos e cultura. A principal asociación dos frisóns setentrionais é a Nordfriesischer Verein ("Asociación de frisóns setentrionais"). A Nordfriesischer Verein axuda a manter o idioma e a cultura de Frisia setentrional. A principal organización política é a Friisk Foriining ("Asociación Nacional dos Frisóns"), que coopera politicamente coa minoría danesa. O seu principal interese é promover o idioma e conseguir a independencia.

Os frisóns setentrionais teñen representación nalgúns gobernos municipais onde se utiliza o frisón como idioma administrativo.

Nas escolas públicas da zona de Frisia setentrional así como nalgunhas escolas privadas administradas pola minoría danesa, ensínase o frisón de xeito voluntario, e só nos graos terceiro e cuarto. Vinte e cinco profesores impartían frisón a uns 1.350 alumnos de 33 escolas de todo tipos 161 horas por semana a principios do ano 1995. Desde 1950 existe unha oficina encargada de elaborar un dicionario de frisón setentrional na Universidade de Kiel, que, desde que se introduciu a filoloxía frisoa o 1978, é a única institución universitaria que realiza investigacións sobre o idioma frisón en Alemaña. O Nordfriisk Instituut de Bredstedt desenvolve un papel moi importante no mantemento da lingua frisoa. Dispón dunha biblioteca especializada e de arquivos, e ofrece seminarios, cursos, grupos de traballo e conferencias. Nos diarios locais de Frisia setentrional e nalgunhas revistas rexionais aparecen de cando en vez artigos en frisón. A radio pública de Alemaña setentrional emite un pequeno programa semanal. A emisora privada Radio-Schleswig-Holstein emite cada tres meses un programa dunha hora de duración en frisón. Aínda así, estamos diante dunha lingua falada por unhas 10.000 persoas cunhas perspectivas de desaparición a medio prazo. O 100% dos falantes de frisón setentrional son bilingües co alemán. Considéranse frisóns setentrionais unhas 60.000 persoas.

Mapa de expansión do frisón Con raias as zonas onde se fala hoxe en día

O frisón occidental (frysk)[editar | editar a fonte]

Das tres linguas frisoas é a máis saudable tanto polo número de falantes como polo uso que se fai. Fálase principalmente na provincia neerlandesa de Frisia, aínda que preto do 40% dos falantes de frisón occidental son de fóra desta área. Calcúlase nuns 700.000 a 800.000 o número de persoas que se consideran frisóns occidentais e fálano máis dun 70% delas. É lingua de carácter oficial, ensínase nas escolas e ten forte presenza nos medios de comunicación e na cultura. En 1928 fundouse o Centro de estudos da Lingua Frisoa, en 1937 o frisón foi aceptado no ensino como opcional, en 1938 fundouse a Fryske Akademy ("Academia da lingua Frisoa").

Logo da segunda guerra mundial, o frisón introduciuse definitivamente nas escolas públicas (1955), no parlamento (1956), nas igrexas (década dos 70) e no goberno e na administración (1986). Desde 1970 é a segunda lingua oficial dos Países Baixos. En 1992 a Unión Europea recoñeceu o frisón como lingua oficial minoritaria da Unión.

Desde o século XVII, coa obra do poeta renacentista Gysbert Japicx (1606-1666), é unha lingua literaria. Durante o século XIX houbo unha vontade de normalización da lingua, editándose gramáticas, dicionarios, ortografías e libros de texto escolares. A literatura experimentou un forte auxe da man de escritores como os irmáns Halbertsma, Waling Dykstra ou Piter Jelles Troelstra. A obra cume deste período é Rimen che Teltsjes (Rimes e Contos) dos irmáns Halbertsma. Na actualidade publícanse preto de 100 libros cada ano en frisón, e traducíronse clásicos como William Shakespeare, Shelley ou Lewis Carroll.

A figura principal do século XX é a poeta, crítica e novelista Anne Wadman. A finais do século XX producíronse dúas películas en frisón: "O Soño" (1987) e "O Faro" (1994) ambas as obra de Pieter Verhoeff. O 1995 produciuse a Leeuwarden a primeira ópera en frisón, Rixt. Aínda así, todos os seus falantes son bilingües e o nivel de alfabetización é regular (só un 10% é capaz de escribir). O neerlandés gaña terreo pouco a pouco e o uso que do frisón que se fai na vida cotiá é cada vez máis particular e minoritario.

Dialectos do frison setentrional

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikipedia
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua frisoa.