Frieira (medicina)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dedas inflamadas por frieiras.

Unha frieira é unha inflamación da pel producida pola exposición prolongada e repetida ó frío ou á humidade.

O fundamento biolóxico do fenómeno é a constrición dos capilares nas áreas superficiais do corpo, que serve para regular e evitar unha excesiva perda de calor corporal. Cando a constrición dura demasiado tempo por mor da exposición prolongada, a falta do rego sanguíneo produce danos nos tecidos.

Adoita afectar a un reducido número de partes do corpo, especialmente os pés, as mans, o nariz e as orellas. A inflamación pode causar dor ou proído. Cando cesa a exposión ó frío, a inflamación remite sen necesidade de tratamento nunha ou dúas semanas. Naqueles casos máis difíciles de tratar emprégase a nifedipina.

A xeito de prevención, é necesario protexer as partes máis vulnerábeis do frío e a humidade. Tamén se aconsella a realización de actividade física, pois este mal é máis común en persoas sedentarias. A práctica de deportes aeróbicos axuda a eliminalas, xa que a frieira ten orixe nos problemas circulatorios.