Freguesía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Freguesia")

A freguesía, en portugués freguesia, é a menor división administrativa do territorio en Portugal e no antigo Imperio Portugués, que comprende tanto ao poder político como ao relixioso.

Antigo edifício da junta de freguesia da Sé de Bragança

En Portugal e no antigo Imperio Portugués[editar | editar a fonte]

En Portugal unha freguesía é unha división administrativa obrigatoria para todos os concellos, isto quere dicir que todos deben ter polo menos unha, agás o de Vila do Corvo, onde esta división territorial non existe. As freguesías son gobernadas por unha junta de freguesia (xunta de freguesía), un órgano executivo que é elixido polos cidadáns censados no respectivo territorio.

En Portugal existen 4257 freguesías, con extensións que van dos 100 km² a apenas algunhas hectáreas, e poboacións de ducias de persoas a ducias de milleiros de habitantes. Os municipios son os encargados de propor e crear novas freguesías no seu territorio, que deben obedecer a un conxunto de criterios fixados por lei. En Portugal hai 5 concellos que constan dunha soa freguesía, e o concello de Barcelos ten 89, por exemplo.

As autoridades portuguesas establecen tres tipos diferentes de freguesías, para efectos de ordenamento do territorio:

  • freguesías urbanas - freguesías que posúen unha densidade de poboación superior aos 500 h/km² ou que integren un lugar con poboación residente superior ou igual aos 5.000 habitantes.
  • freguesías semi-urbanas - freguesías non urbanas que posúen unha densidade de poboación superior aos 100 h/km² e inferior ou igual aos 500 h/km², ou que integren un lugar con poboación residente superior ou igual a 2.000 habitantes e inferior a 5.000 habitantes.
  • freguesías rurais - as restantes.

As freguesías están representadas nos órganos municipais polo presidente da xunta, que ten lugar, por inherencia de cargo, na asemblea municipal. As freguesías teñen cadanseu escudo e cadansúa bandeira. As freguesías portuguesas son a representación civil das antigas parroquias católicas; moitas delas xurdiron idénticas ás antigas unidades eclesiásticas medievais.

Curiosidade[editar | editar a fonte]

O termo freguês en portugués tamén designa o asistente habitual a unha igrexa católica, así como o cliente habitual dunha tenda, tamén chamada freguesia.