Free Software Foundation

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo da FSF.

A Free Software Foundation (FSF) -Fundación polo Software Libre- é unha organización sen ánimo de lucro fundada por Richard Stallman para apoiar o movemento polo software libre (free significa neste caso libre e non necesariamente gratis, a outra acepción que a palabra ten en inglés) e, en particular o proxecto GNU.

Desde a súa fundación até mediados da década de 1990, os fondos da FSF destináronse principalmente a pagar a programadores para que escrebesen software libre. A partir de mediados ou finais da década de 1990 existen xa moitas compañías e autores individuais que escreben software libre, de xeito que os empregados e voluntarios da FSF traballan fundamentalmente en asuntos legais e estruturais en beneficio da comunidade do software libre.

Actividade actual da FSF[editar | editar a fonte]

Facer cumprir a GPL 
A FSF dispón dos recursos e a vontade para facer cumprir a GPL e outras licenzas GNU, se ben só para o software do cal posúe os direitos; o software publicado segundo a GPL pero propiedade doutros debe ser defendido polos seus propietarios dado que a FSF non conta con sanción oficial para facer cumprir a GPL por eles. A FSF trata unhas 50 violacións da GPL cada ano e tenta que a outra parte se aveña a cumprir sen necesidade de recorrer aos xulgados. Até xaneiro de 2004 ninguén ten levado a FSF a xuízo sobre unha disputa por copyright.
Licenzas GNU 
A licenza GNU GPL é a máis usada nos proxectos de Software Libre. A versión actual (versión 2) foi emitida en 1991, mais a FSF está a traballar na versión 3. A FSF ten publicadas tamén a Licenza Pública Xeral Menor de GNU (LGPL) e a Licenza de Documentación Libre GNU (GFDL).
Guardiá de copyrights 
A FSF detenta os direitos de todo o software de GNU e de algún software libre non GNU. Require que toda persoa que contribúa para os pacotes de GNU ceda os seus direitos de maneira que o software poida ser defendido diante dun tribunal se se produce unha disputa e para que, de ser preciso modificar a licenza dunha obra, se poida facer sen ter que contactar con todas as persoas que nalgunha ocasión contribuíron co seu traballo para ese software.
O Directorio do Software Libre 
É unha listaxe de pacotes de software que se ten comprobado que son software libre. A entrada de cada pacote contén 47 informacións tales como a páxina web do proxecto, programadores, linguaxe de programación, etc. Os obxectivos son fornecer un motor de procura para o software libre e unha referencia para que os usuarios poidan comprobar se un pacote foi identificado como software libre. A FSF ten recebido unha pequena cantidade de fondos da UNESCO para este proxecto. Espérase que o directorio poida ser traducido a moitos idiomas no futuro.
Maintenimento da Definición de Software Libre 
A FSF mantén moitos dos documentos que definen o movimento polo Software Libre.
Formación Legal 
A FSF organiza seminarios relacionados con aspeitos legais da utilizacion da GPL e ofrece un servizo de consultoría para avogados.
Aloxamento de Proxectos 
A FSF fornece aloxamento para proxectos através do seu sitio web (Savannah).
Premio á Promoción do Software Libre 
Un premio anual.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Membros[editar | editar a fonte]

O 25 de novembro de 2002 a FSF ofreceu o programa de Membros Asociados para individuos. En abril de 2004 tiña máis de 2044 membros asociados. O 5 de marzo de 2003 lanzou un programa de Padroado Empresarial para organizacións comerciais. En abril de 2004 contaba con 45 padroeiros empresariais.

Organización[editar | editar a fonte]

Xunta Directiva[editar | editar a fonte]

  • Geoffery Knauth, Enxeñeiro de Software en SFA, Inc.
  • Lawrence Lessig, Profesor de Direito na Universidade de Stanford
  • Eben Moglen, Profesor of Direito e Historia Legal na Universidade de Columbia e coautor da GNU GPL, Versións 1 e 2
  • Henri Poole, Fundador de CivicActions, unha empresa de consulting tecnolóxico de campañas de base
  • Richard Stallman, Fundador da FSF e do Proxecto GNU, xestor anterior de varios proxectos de software GNU e coautor da GNU GPL, Versións 1 e 2
  • Gerald Sussman, Profesor de Informática no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts

Outros cargos[editar | editar a fonte]

  • Richard Stallman: Presidente
  • Peter T. Brown: Director Xeral (foi Director de Convalidacións e Control até febreiro de 2005)
  • Eben Moglen: Conselleiro Xeral
  • Dan Ravicher: Conselleiro
  • David "Novalis" Turner: Enxeñeiro de Convalidacións da GPL
  • Janet Casey, Director do Directorio de Software Libre
  • John Sullivan, Administrador de Progrmas
  • Ted Teah, Administrador de Tarefas
  • Jim Blair, Administrador de Sistemas
  • Justin Baugh, Administrador de Sistemas

Empregados anteriores[editar | editar a fonte]

Habitualmente traballan dez persoas na sede central de Boston, Massachusetts. A oficina está coordenada por Bradley Kuhn.

Organizacións irmás[editar | editar a fonte]

En 2001 fundouse en Alemaña a Free Software Foundation Europe (Fundación para o Software Libre - Europa) coa finalidade de actuar como "concentrador" das organizacións polo Software Libre da Europa. En 2003 fundouse en Kerala a Free Software Foundation India (Fundación para o Software Libre - India). O 19 de abril de 2001 fundouse na Francia a Free Software Foundation France (Fundación para o Software Libre - Francia). No vixésimo aniversario do Proxecto GNU (5 de xaneiro de 2004), fundouse a Irish Free Software Organisation (Organización polo Software Libre - Irlanda) para promocionar o software libre en Irlanda.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]