Francisco Rodríguez Otero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Francisco Rodríguez Otero, coñecido como Paquiño de Figueiró, nado en Tomiño o 1 de novembro de 1901 e finado en Mondariz o 4 de outubro de 1936, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Farmacéutico de profesión, foi un político agrarista que presidiu a Federación Municipal Agraria de Tomiño, e foi coorganizador e tesoureiro do Congreso Provincial Agrario (1929). Ocupou o cargo de Secretario do Xulgado de Paz de Tomiño. Foi concelleiro en Tomiño en 1931. Foi membro do Partido Galeguista. Coa sublevación do 18 de xullo foi detido e internado na prisión de Tui, tiña causa aberta en Vigo por traizón, o 4 de outubro de 1936 foi sacado da prisión e levado polos falanxistas ata Mondariz onde foi paseado con Hipólito Gallego Camarero e outros, aparecendo o seu corpo tirado na cuneta.

Foi redactor de El Agro de Tomiño (1928), fundador e director do semanario Agro del Miño (1931), colaborador de Heraldo Guardés e redactor de Nuevo Heraldo (1934-1936). Publicou Memoria correspondiente al XX año de su existencia y al Ejercicio de 1925 (1926).

Foi xogador de fútbol do Club Goian. En 1927 casou con Isaura Gómez Pérez.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]