Francisco Recarey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Recarey
Nome completoFrancisco Recarey Vilar
Nacemento1943
Lugar de nacementoA Agualada
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónempresario
editar datos en Wikidata ]

Francisco Recarey, chamado Chico Recarey, nado na Agualada (Coristanco) en 1943, é un empresario galego que desenvolveu o seu traballo no Brasil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia labrega, emigrou ao Río de Xaneiro en 1958, onde comezou a traballar de camareiro. En 1962 mercou, a canda outros galegos, o seu primeiro local, o Três e Vinte, no Leblon, e o longo dos anos foi aumentando o seu capital inmobiliario con negocios do mundo do espectáculo e do lecer. A primeiros dos oitenta conseguiu a concesión de restaurantes do Sambódromo, en 1983 abriu un salón de baile chamado Asa Branca, inaugurado por Xoán Carlos I, e en 1984 abriu o Scala, unha importante sala de concertos que foi no seu tempo a maior de América Latina. Entre os 40 negocios que chegou a ter, entre discotecas e restaurantes, contábase tamén a Help, na praia de Copacabana, que foi acusada en 1994 de ser o centro dunha rede de prostitución infantil.

Francisco Recarey xa fora acusado de proxenetismo en 1990 pero o caso fora arquivado por falta de probas. En 1991 abríuselle unha investigación por tráfico de armas e a partir de 1994 estourou o caso Help e abríuselle unha investigación por defraudar a Seguridade Social brasileira entre os anos 1992 e 1993. Recarey, con todo, seguía expandindo os seus negocios, e en 1994 abriu o primeiro bingo do Brasil, e sete máis ao longo dese ano e en 1995. Pero en 1996 perde a concesión do Sambódromo e dous anos despois é auditada a súa xestión tamén en relación coa prostitución e coa fraude fiscal. Incluso foi acusado en 2001 por roubo de enerxía eléctrica e condenado a unha multa, e nese mesmo ano, volve ser xulgado por apropiación indebida de recursos destinados á Seguridade Social: foi condenado a tres anos de prisión, que trocou por servizos á comunidade. En 2005 a xuíza entendeu que non cumprira os servizos á comunidade e foi encarcerado, cunha pena de catro anos e seis meses en réxime semiaberto.