Fran Drescher

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fran Drescher
Nome completoFrancine Joy Drescher
Nacemento30 de setembro de 1957 e 30 de outubro de 1957
LugarFlushing
NacionalidadeEstados Unidos de América
Educada enQueens College, Hillcrest High School e Wagner College
Cónxuxe(s)Peter Marc Jacobson e Shiva Ayyadurai
Profesiónactriz de televisión, actriz, actriz de cinema, guionista, produtora, escritora, presentadora de televisión, actor de xénero, actriz de dobraxe, cantante, actriz de teatro e produtora de televisión
Na rede
IMDB: nm0000376 Allocine: 19142 Rottentomatoes: celebrity/fran_drescher Allmovie: p20118 TV.com: people/fran-drescher IBDB: 495899
Facebook: drescher Twitter: frandrescher Instagram: officialfrandrescher Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Francine Joy "Fran" Drescher, nada en Queens, Nova York o 30 de setembro de 1957, é unha actriz, comediante, produtora executiva e activista estadounidense. É mundialmente famosa por ser a protagonista da serie televisiva A Nanny (1993-1999).

Debutou no cine en 1977 na película Saturday Night Fever. Nos anos 1980 interpretou roles cómicos e dramáticos en diversos filmes, entre eles The Big Picture e UHF. Mais o seu salto á fama produciuse na década de 1990 cando desempeñou o papel de Fran Fine na comedia de situación A Nanny, que se emitiu entre 1993 e 1999 na cadea CBS. Polo seu desempeño nesta serie recibiu varios nomeamentos aos premios Emmy e Globo de Ouro. No 2000 diagnosticóuselle un cancro de útero, polo que se mantivo relativamente afastada da interpretación até que en 2005 retornou á televisión cunha nova serie, Living with Fran, aínda que non con tanto éxito como na súa anterior comedia. Posteriormente intentou rexurdir a súa carreira televisiva presentando o programa de entrevistas The Fran Drescher Tawk Show (2010) e protagonizando a serie Happily Divorced (2011).

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Fran Drescher naceu en Queens, Nova York, en 1957; sendo a segunda das dúas fillas do matrimonio conformado por Sylvia Drescher, unha vendedora, e Morty Drescher, un analista de sistemas. Descende de familia xudía. En 1973 gañou un concurso de beleza, onde obtivo o título de "Miss New York Teenager" ("Miss Nova York adolescente"). Drescher graduouse no Hillcrest High School en Jamaica, Queens en 1975.[1][2] Pouco despois inscribiuse nunha escola de cosmetoloxía e peiteado. Cando obtivo o seu título, abriu o seu propio salón de beleza. Finalmente, Drescher trasladouse co seu noivo Peter Marc Jacobson (que coñecera no Hillcrest High School) á cidade de Os Ánxeles en 1976 para poder converterse en actriz.

Carreira[editar | editar a fonte]

Primeiros traballos[editar | editar a fonte]

Drescher debutou como actriz na película musical Saturday Night Fever en 1977. Neste filme desempeñou o papel de Connie, unha amiga ocasional do personaxe de John Travolta. A partir de aí interpretou a mozas inxenuas en comedias e películas románticas. Os seus mellores traballos desta época foron sobre todo as súas intervencións en American Hot Wax (1978), Summer of Fear (1978), The Hollywood Knights (1980) e Ragtime (1981). As súas películas posteriores inclúen Rock 'n' Roll Mom (1988), The Big Picture (1989) e UHF (1989). En 1991, Drescher foi elixida para protagonizar a serie televisiva Princesses. A comedia tivo unha baixa audiencia, polo que foi retirada da programación ao finalizar a primeira temporada.

A Nanny, progreso no cine e debut teatral[editar | editar a fonte]

Na década de 1990, Drescher creou canda ao seu entón esposo, Peter MacJacobson, a comedia de situación A Nanny (A Nanny na TVG). Emitiuse desde 1993 até 1999 na cadea estadounidense CBS, durante seis temporadas consecutivas. O programa fíxose moi popular nas súas primeiras temporadas en parte grazas ao enxeño humorístico de Drescher, o que a converteu nunha celebridade de fama internacional.

Alí interpretou o rol de Fran Fine, unha dinámica e humorística muller que de maneira informal coida a tres nenos neoiorquinos de clase alta. No papel, logrou namorar ao pai dos nenos, un produtor de Broadway interpretado polo actor británico Charles Shaughnessy. O resto do elenco da serie estivo conformado por Daniel Davis, Lauren Lane, Nicholle Tom, Benjamin Salisbury, Madeline Zima, Renée Taylor, Rachel Chagall e Ann Morgan Guilbert. Drescher recibiu moi boas críticas pola súa actuación; conseguiu ser nomeada ao premio Emmy por Mellor actriz dunha serie de comedia e ao premio Globo de ouro á Mellor actriz de serie de televisión - Comedia ou musical, nos anos 1996 e 1997.

Drescher na Marcha Revlon, en maio de 2007.

Debido ao éxito que tivo mundialmente A Nanny, realizáronse numerosas adaptacións na década de 2000 en países como a Arxentina, Chile, Ecuador, Grecia, Indonesia, Italia, México, Polonia, Rusia, Turquía e España. En 2004, Drescher reuniuse co elenco orixinal da serie no programa especial The Nanny Reunion: A Nosh to Remember emitido na cadea Lifetime.

Living with Fran, voz de animación e The Fran Drescher Show[editar | editar a fonte]

Logo de cinco anos de relativa inactividade laboral, Drescher volveu á televisión en 2005 cunha nova comedia da canle Warner Bros., chamada Living with Fran.[3] Alí desempeñou o papel de Fran Reeves, unha muller de mediana idade, nai de dous adolescentes, que convive cun rapaz vinte anos menor que ela, personaxe interpretado por Ryan McPartlin.[4] Na comedia tamén apareceu o actor Charles Shaughnessy, quen desempeñou o papel de Ted, ex esposo da personaxe de Fran.[5] A serie recibiu moi boas críticas pero unha baixa audiencia, polo que se retirou da programación en 2006 ao finalizar a segunda temporada. Ao igual que na comedia A Nanny, Drescher traballou alí como guionista, produtora e directora nalgúns capítulos.[6]

Tras a cancelación de Living with Fran, a actriz participou no oitavo episodio da sexta temporada da serie televisiva Law & Order: Criminal Intent, que foi emitido en novembro de 2006.[7]

En 2006, Drescher prestou a súa voz para a serie televisiva The Simpsons no episodio "Treehouse of Horror XVII". Este foi o cuarto episodio da décimo oitava temporada da serie e o décimo sétimo especial de Halloween. O episodio, escrito por Peter Gaffney e dirixido por David Silverman e Matthew C. Faughnan, contou ademais coa participación de Sir Mix-a-Lot, Phil McGraw, Richard Lewis e Maurice LaMarche. Ao ano seguinte, volveu traballar como actriz de voz; esta vez como a peixe espada Pearl na película de animación Shark Bait.[8] En febreiro de 2008, apareceron novas noticias de Drescher, xa de 50 anos. A humorista Rosie O'Donnell anunciou no seu sitio web que ela e a actriz estaban en conversacións coa cadea estadounidense NBC para realizar unha comedia de situación xuntas, a cal se chamaría The New 30.[9] Respecto ao argumento da comedia, Drescher sinalou: "Trátase dunha serie que amosa a vida de dúas mulleres que viven nun edifico de Manhattan, pero son moi diferentes. Son mulleres que atravesan a crise da mediana idade." Finalmente, NBC non aprobou a filmación do episodio piloto da serie, a pesar que se xerara unha grande expectativa nos medios de comunicación e no público en ver a ambas comediantas nun mesmo programa televisivo.[10] No mesmo ano, Drescher desempeñou o papel de Morgana, unha fada da mitoloxía celta, nunha emisión del programa Live From Lincon Center, titulada "Camelot", a cal se emitiu en vivo.[11]

A finais de 2009, Drescher apareceu no ciclo televisivo de entrevistas The Ellen DeGeneres Show, onde presentou a súa liña de cremas para o coidado da pel.[12] En xaneiro de 2010, a actriz participou do teletón organizado polo actor George Clooney para axudar á reconstrución da cidade de Porto Príncipe, Haití, logo que esta sufrira un devastador terremoto.[13] Logo, a actriz fixo públicos os preparativos do seu próximo proxecto televisivo, un programa de entrevistas diúrno titulado The Fran Drescher Tawk Show.[14] Emitiuse na cadea Fox só durante tres semanas.[15]

Happily Divorced e outras aparicións[editar | editar a fonte]

Fran Drescher (2011).

A finais de 2010, Drescher fixo públicos os preparativos do seu próximo proxecto televisivo, unha comedia de situación que a tería como protagonista, guionista e produtora executiva. A serie foi titulada Happily Divorced e comezou a emitirse na cadea estadounidense TV Land a partir de xuño de 2011. Alí representa o papel dunha muller de idade madura que se divorcia cando descobre que o seu marido é gay.[16] Comparte créditos con Rita Moreno, no papel de súa nai, John Michael Higgins e Tichina Arnold. Recibiu recensións positivas e unha boa audiencia.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Drescher e Peter Marc Jacobson coñecéronse cando ambos asistían á escola secundaria a comezos dos anos setenta e casaron legalmente en 1978. O matrimonio durou oficialmente até 1999, aínda que xa se separaran en 1996. A parella non tivo fillos.

En 1985, a actriz sufriu un abuso sexual por parte dun dos ladróns que entraron no departamento que habitaba xunto ao seu daquela home na cidade dos Ánxeles. Nunha entrevista co xornalista e presentador Larry King dixo que aínda que se tratou dunha experiencia moi negativa, encontrou a maneira de convertela en algo positivo. No seu libro autobiográfico Cancer Schmancer, citou: "A miña vida enteira foi acerca dos cambios negativos en positivos".

En 2010, Drescher admitiu nunha entrevista que o seu ex-esposo era homosexual. É por iso que a actriz o acompañou en 2008 a unha manifestación a favor do matrimonio entre homosexuais. "Agora somos mellores amigos", comentou.

Filantropía e activismo político[editar | editar a fonte]

A actriz Elke Winkens, Drescher e o político Bill Clinton na gala benéfica Life Ball en Viena, 2009.

Drescher integrou moitos grupos humanitarios e doou diñeiro a distintas fundacións ao longo da súa vida. Despois de que se lle diagnosticara un cancro de útero, converteuse nunha das principais figuras públicas en brindar apoio ás mulleres vítimas desta enfermidade. En 2007 creou a fundación Cancer Schmancer Movement, entidade cuxa misión humanitaria é axudar a organizacións que tratan enfermos de cáncer.

En 2008, Drescher foi nomeada embaixadora estadounidense de boa vontade. A secretaria de Estado adxunta para Asuntos Educativos e Culturales, Goli Ameri, anunciou formalmente o nomeamento da actriz en setembro dese ano en Washington. As razóns da súa elección foron expostas nun comunicado oficial que dicía: "Drescher foi nomeada aos premios Globo de Ouro e Emmy, sobreviviu ao cancro e é fundadora da organización sen fins de lucro Cancer Schmancer Movement. Apoiará os esforzos diplomáticos públicos estadounidenses, incluíndo traballar con organizacións de saúde e grupos de mulleres para espertar a conciencia sobre temas de saúde feminina como a detección do cáncer e os dereitos dos pacientes."

A finais de 2008, Drescher asistiu a unha recadación de fondos en beneficio do candidato demócrata Barack Obama, con quen traballou na elaboración da Lei para a Educación e Prevención do Cancro Xinecolóxico. O evento contou coa participación tamén doutros actores, como Jamie Foxx e Lucy Liu. Os asistentes pagaron 2.300 dólares cada un para acudir á festa efectuada nunha residencia privada de Beverly Hills.

En 2009 actuou xunto ao político Bill Clinton e a tamén actriz Elke Winkens na gala benéfica Life Ball en Viena, en actividades para promover a conciencia pública sobre a situación das vítimas da sida e en recudar fondos para organizacións que axudan a persoas con esta enfermidade.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Cine
Ano Película Papel Notas
1977 Saturday Night Fever Connie
1978 American Hot Wax Sheryl
1980 Gorp Evie
The Hollywood Knights Sally
1981 Ragtime Mameh
1983 Doctor Detroit Karen Blittstein
1984 The Rosebud Beach Hotel Linda
This is Spinal Tap Bobbi Flekman
1989 The Big Picture Polo Habel
UHF Pamela Finklestein
1990 Wedding Band Veronica
Cadillac Man Joy Munchack
1992 We're Talking Serious Money Valerie
1994 Car 54, Where Are You? Velma Velour
1996 Jack Dolores 'D.D.' Durante
1997 The Beautician and the Beast Joy Miller
  • Tamén produtora executiva
2000 Kid Quick Kerry
  • Cameo
Anaquiños picantes Frida
2003 Beautiful Girl Amanda Wasserman
2005 Santa's Slay Virginia Mason
2007 Shark Bait Perla
  • Voz
2012 Hotel Transylvania Noiva de Frankenstein
  • Voz
Televisión
Ano Programa Papel Notas
1982 Fama
  • Episodio:"Metamorphosis"
1983 9 to 5 Tapioca
  • Episodio:"The Oldest Profession "
1986 Charmed Lives Joyce Columbus
1988 Rock 'n' Roll Mom Jody Levin
1988 ALF Esposa de Brian Tanner
  • Un episodio
1989 What's Alan Watching?
Love and Betrayal Germaine
1991 Princesses Melissa Kirshner
1993 Without Warning: Terror in the Towers Rosemarie Russo
1993-1999 A Nanny Fran Fine
2004 Strong Medicine Irene Slater
  • Episodio:"Cinderella in Scrubs"
2005-2006 Living with Fran Fran Reeves
2006 The Simpsons Female Golem
Law & Order: Criminal Intent Elaine Dockerty
  • Episodio:"The War at Home"
2008 Live from Lincoln Center Morgan Le Fay
  • Episodio:"Camelot"
Entourage Mrs. Levine
  • "The All Out Fall Out"
2011-presente Happily Divorced Fran

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Firestone, David. "For Queens, a Place in the Sun; Hollywood Is Suddenly Zooming In, With a Vengeance", The New York Times, 18 de setembro, 1994. Visitado o 4 de febreiro de 2012 (en inglés)
  2. Meisler, Andy. "TELEVISION; Mary Poppins She's Not", The New York Times, 18 de decembro, 1994. Visitado o 4 de febreiro de 2012 (en inglés)
  3. AdictoTv.com. "Living with Fran: locuras de la ex niñera" (en español). Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2009. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  4. Sharetv.com. "Living with Fran" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  5. Derf.com. "Fran Drescher: El regreso de La Niñera" (en español). Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2014. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  6. New York Times. "Living with Fran" (en inglés). Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  7. TvGuide.com. "Law & Order: Criminal Intent on USA" (en inglés). Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  8. 20minutos.es. "Movida bajo el mar" (en español). Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  9. E!Online.com. "Rosie's New Threesome" (en inglés). Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  10. Hiphop-elements.com. "Fran Drescher Teams Up With Rosie O'Donnell For A New TV Series" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  11. LincolnCenter.org. "Lincoln" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  12. TvGuide.com. "The Ellen DeGeneres Show: Amy Poehler/Fran Drescher" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  13. CommercialAppeal.com. "Hope for Haiti Now" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2012. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  14. RTT News. "Fox Announces The Fran Drescher Tawk Show" (en inglés). Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  15. TheEpochTimes.com. "Fran Drescher Gets TV Show Shot" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2010. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 
  16. Pizquita.com. "Un posible regreso de 'La nany' Fran Drescher en 'Happily Divorced'" (en español). Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2010. Consultado o 4 de febreiro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]