Fosa pterigomaxilar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A foxa pterigomaxilar é unha foxa lateral do cranio. Ten forma triangular cunha base superior e un vértice inferior.

Paredes[editar | editar a fonte]

  • Anterior: formada pola tuberosidade ou bordo posterior do maxilar superior.
  • Posterior: formada polas apófises pterigoideas do esfenoide. Concretamente pola unión dos dous bordos anteriores da á interna e á externa.
  • Superior: formada polo bordo interno das ás maiores.
  • Interna: formada pola porción media da cara externa da porción vertical do palatino.
  • Externa: non hai.
  • Inferior: non hai.

Contido[editar | editar a fonte]

Á foxa accede o nervio vidiano, que sae do cranio polo burato rachado anterior, introducíndose no conduto vidiano (situado na base das pterigoides) e chega á foxa pterigomaxilar. O nervio vidiano está constituído por tres nervios: petroso superficial maior, petroso fondo maior e pola rama simpática perticarotídea.

Na foxa áchase o ganglio de Meckel ou esfenopalatino, que é un ganglio parasimpático cranial. As febras do nervio vidiano non fan sinapse, e só pasan por el.

A través do burato redondo maior pasa o nervio maxilar superior, que recibe unha conexión parasimpática do ganglio de Meckel. Sae da foxa a través da fendidura esfenomaxilar para dirixirse á órbita.

Tamén se atopa na foxa a arteria maxilar interna.

Orificios[editar | editar a fonte]

  • Orificio do conduto vidiano: pasan a arteria e nervio vidiano. Comunica exocranio coa foxa pterigomaxilar.
  • Burato redondo maior: pasa o nervio maxilar superior. Comunica endocranio coa foxa.
  • Fendidura esfenomaxilar: pasan o nervio maxilar superior e a arteria infraorbitaria. Comunica a foxa coa órbita e coa foxa cigomática.
  • Burato esfenopalatino: pasa a arteria esfenopalatina, que é a rama terminal da arteria maxilar interna e o nervio esfenopalatino, que procede do ganglio de Meckel.
  • Burato esfenopterigopalatino: deixa paso á arteria pterigopalatina (colateral posterior da maxilar interna) e nervio pterigopalatino (de tipo vexetativo). Comunica a foxa coas coanas (parte máis posterior das foxas nasais).
  • Burato palatino posterior: pasa o nervio palatino anterior. Comunica a foxa coa bóveda palatina.
  • Buratos palatinos accesorios: pasan os nervios palatinos medios e posteriores. Comunican a foxa coa bóveda palatina.
  • Buratos dentais posteriores: atópanse na tuberosidade do maxilar. Deixan pasar a vasos e nervios dentarios posteriores.