Forte de San Lourenzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°56′27″N 08°45′12″O / 41.94083, -8.75333

Entrada ao recinto.
Exterior do recinto.
Escudo na entrada.
Escudo na entrada.

O Forte de San Lourenzo é unha fortaleza da idade moderna situada en Goián (Tomiño), fronte á vila portuguesa de Vila Nova de Cerveira, da que está separada polo río Miño.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia desta construción está ligada á da veciña Fortificación de Goián, construída xunto a outras ao longo do Baixo Miño para a defensa da fronteira sur de Galiza con Portugal. En 1663 a fortificación de Goián foi atacada e tomada polo exército portugués. No Tratado de Lisboa asinado en 1668 entre España e Portugal, ambas as dúas partes acordaron devolver as prazas fortes tomadas. A Coroa Española decidiu entón construír un novo forte de menores dimensións, o Forte de San Lourenzo, pois o tamaño da Fortaleza de Goián era excesivo para servir de base para unha gornición de soldados.

A construción do forte comezou en 1671, en cumprimento da Cédula Real da Raíña Mariana de Austria, no lugar no que antes se levantaba o Fortín da Barca. As obras, cun custo de 143.704 reais, remataron en 1673, xa durante o reinado de Carlos II.

A mellora nas relacións entre España e Portugal provocou que fose pouco utilizado, e co tempo foi obxecto dun abandono progresivo até o abandono definitivo no século XIX. En 1847 Pascual Madoz descrivíao do seguinte xeito:

...Hay también un fuerte de cuarta clase, cuyas murallas están algún tanto deterioradas y arruinados los pabellones.[1]

Despois do seu abandono foi froito de graves espolios que afectaron ó conxunto. A finais do século XX foi obxecto dun plan de recuperación e posta en valor.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

O forte presenta planta cadrada con baluartes defensivos nos extremos que completan a forma estrelada do conxunto. Segundo Blanco Rotea e García Rodríguez "presentaba unha das plantas máis interesantes do conxunto galego de fortificacións do sistema defensivo do Baixo Miño, pola súa perfección e simetría de similares características ao Forte da Ínsua, no lado português"[2]. Cada baluarte tiña 3 garitas en cada un dos esquinais, que se poden apreciar nalgúns planos do século XVII.

Un foxo defensivo rodea o conxunto, salvado por unha ponte que permite o aceso á porta principal, antigamente pechada cunha porta levadiza. Neste portón consérvase unha inscrición da fundación co seguinte texto:

FABRICOSE ESTE FUERTE REINANDO CARLOS SEGUNDO REY DE LAS ESPAÑAS Y LA REINA GOBERNADORA SU MADRE DOÑA MARIANA E AUSTRIA SIENDO GOBERNADOR Y CAPITAN GENERAL DESTE REINO EL EXMº SEÑOR ARZOBISPO DE SANTIAGO DON ANDRES GIRON ASISTIENDO A ESTA FABRICA EL ILMº SEÑOR JUAN DE CASTILLO Mº DE Cº GENERAL DEL CONCEJO DE Gº DE SU MGD AÑO 1673.

Aos lados da porta sitúanse os escudos do sobrenome Girón á esquerda e Castillo á dereita[3].

No interior divídese en varias construcións: A Casa do Gobernador, a capela, cuarteis para 3 compañías, o almacén das armas, a corte[4], diversos almazéns e un pozo.

Na actualidade, os elementos defensivos do conxunto mantéñense en bo estado de conservación.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]