Forte de San Cristovo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°51′21″N 1°39′59″O / 42.855972, -1.6663303

Entrada do forte de Afonso XII ou de San Cristovo.

O Forte de Afonso XII ou de San Cristovo (en éuscaro: San Kristobal gotorlekua) é unha fortaleza militar no monte Ezkaba próxima á cidade de Pamplona (capital de Navarra) construída a finais do século XIX e principios do XX.

O nome oficial é o do rei Afonso XII, pois realizouse baixo o seu reinado como consta na porta de entrada. Con todo, é máis coñecido polo nome dos edificios que lle precederon, que foron unha ermida cun castelo no século XIII e posteriormente no século XVI, unha basílica dedicados ao santo.

Construción[editar | editar a fonte]

Cara posterior do forte.

Decidiuse realizalo despois da última guerra carlista tras comprobar a vulnerabilidade da cidade de Pamplona ante as modernas pezas artilleiras colocadas no alto do monte.

Esta fortaleza foi proxectada polo coronel de enxeñeiros Miguel Ortega e dirixida polo comandante de enxeñeiros José de Luna. As obras prolongáronse desde 1878 até 1919. Realizouse tras voar o cumio do monte e así poder escavar cara ao seu interior. Son tres pisos que non se poden apreciar desde o exterior. Os seus muros ademais están cubertos por dous metros de terra que o protexen e fai que sexa imposible imaxinar a súa arquitectura interior. Atópase rodeada por un extenso foso que impide o acceso dun hipotético ataque da infantaría.

Ten unha extensión de 615.000 m² de terreo, dos cales 180.000 m² son de fortaleza.

Prisión[editar | editar a fonte]

Esta impresionante fortaleza nunca chegou a ser usada con fins defensivos, debido a que para cando se rematou en 1919 xa quedara obsoleta coa aparición da aviación. Non obstante utilizouse como penal militar desde 1934 até 1945, algo para o que non foi concibida e para o que precisou a construción de muros de separación entre as dependencias carcerarias e a dos gardiáns.

Finalizada a Revolución de outubro de 1934, centenares de prisioneiros asturianos e eibarreses foron encerrados nestas galerías. Desde o principio, a falta de hixiene e salubridade provocaron denuncias, con esixencias de traslado dos presos e do peche da edificación como penal.

Rexas nunha fiestra do Forte de San Cristovo.

En setembro de 1935, estas malas condicións levaron á morte dun membro da CNT de Santander, que motivaron paros en Pamplona. A morte doutro preso produciu posteriormente protestas en toda España e un motín no Forte, que foi reprimido, mentres en Pamplona era secundado por un paro xeral, e numerosos concellos solicitaron o peche do penal e o traslado dos 750 presos a outros cárceres. Os traslados iniciáronse de xeito tímido en novembro. En febreiro de 1936, tras o triunfo da Fronte Popular decretouse unha amnistía para os presos políticos, dos que 400 estaban no Forte de San Cristóbal. Ao saír os presos denunciaron as condicións nas que estaban e culpabilizaron ao xa exministro de Xustiza Rafael Aizpún.

A partir do golpe de estado militar de xullo de 1936, no que Navarra quedou baixo o control dos sublevados, volveu a encherse o penal, e en poucos meses xa tiña unha poboación duns 2.000 presos. A moitos deles, sobre todo navarros e algúns rioxanos anunciábaselles a "posta en liberdade" e cando iniciaban o descenso do monte eran abatidos.

Piso superior do forte.

Entre o 1 de xaneiro de 1937 e o 6 de xullo de 1945, data do peche como penal, consta a morte de 305 presos, por motivos variados, predominando a "anorexia" e os "paros cardíacos". Moitas delas estaban relacionadas coa tuberculose, xa que era centro receptor doutros cárceres con presos convalecentes por esta enfermidade como "Sanatorio Penitenciario". Na lista hai 25 nos que figura "traumatismo" como causa da morte. Estes foran fusilados, vinte e un deles o 1 de novembro de 1936 e os outros catro o 17 de novembro do mesmo ano. A maior mortalidade deuse nos anos 1941 con 51 persoas e 1942 con 61.

Aínda que non hai constatación, todo apunta a que nesta prisión tamén se produciron sacas ao inicio da guerra, como a constancia de que no mesmo día, o 1 de novembro de 1936, houbera 21 mortos por "traumatismo".[1] A todo o anterior hai que engadir os 225 mortos en relación coa fuga do forte no ano 1938.

Asun Larreta, presidenta da Asociación de Fusilados de Navarra, refire que "a todas estas cifras hai que engadir uns 200 desaparecidos, que non constan nos arquivos e que na súa maioría foron asasinados."[2]

Fuga do Forte de San Cristovo[editar | editar a fonte]

A fuga do Forte de San Cristovo produciuse o 22 de maio de 1938, e na historia mundial das evasións é unha das máis destacadas, tanto polo número de fuxidos como polas sanguentas consecuencias.

En 1938 había 2.487 persoas detidas, na súa maioría dirixentes políticos e sindicais así como militantes revolucionarios e republicanos. Estes eran tratados de forma inhumana con malos tratos en forma de malleiras, fame extrema e piollos, habendo constancia da morte por esas condicións de 305 presos, contabilizadas do 1 de xaneiro de 1937 ao 6 de xullo de 1945, data do peche como penal, como se relatou con anterioridade.

Corredor de entrada do Forte de San Cristovo.
Detalle do escudo franquista na entrada do forte.

A fuga foi preparada por uns trinta presos de forma minuciosa. A operación iniciouse á hora da cea, momento no que había máis dispersión dos gardiáns. En distintos grupos foron desarmando a varios deles e tras coller o seu armamento, dirixíronse a onde estaba ceando a compañía de soldados de garda. Un soldado que opuxo resistencia morreu como consecuencia dun golpe cunha barra. Posteriormente rendéronse tamén os soldados das garitas. Nunha media hora o forte foi tomado polos reclusos, que saíron ao exterior.

Un soldado que volvía de Pamplona apercibiuse do que estaba a ocorrer e baixou á cidade a dar a voz de alarma. Ademais, un preso, o falanxista Ángel Alcázar de Velasco, encarcerado tras os sucesos de abril de 1937 en Salamanca, tamén correu monte abaixo para avisar.

Cando os camións dos militares con grandes reflectores se achegaron ao forte, algúns dos presos desistiron na súa fuga, de tal xeito que foron contabilizados, ás dúas e media da madrugada, 1.692 presos. Fuxiran, por tanto, 795 dos detidos, que ían mal calzados e vestidos, desnutridos, con escasos fusiles e en desbandada, sen organizar un plan de fuxida. Iniciouse inmediatamente a caza dos mesmos, que sen apenas resistencia foron sendo abatidos e detidos. Consta que o mesmo día 23 detiveron a 259 evadidos, o día 24 xa eran 445 e os días sucesivos a grupos menores. O derradeiro foi capturado o 14 de agosto, tres meses despois, sendo alcumado "Tarzán", por aguantar tanto tempo só no monte.

Dos 795 fuxidos foron detidos 585, pasando só a fronteira francesa tres deles, e identificando 187 cadáveres, aos que hai que engadir 24 mortos máis sen identificar. Isto dá, segundo a contabilidade do forte, catro máis, que puideran ser fuxidos da represión na retagarda atopados tras as intensas indagacións desenvolvidas para capturar aos fuxidos do forte. Aínda que a maior pereceu en Ezkabarte, que é a cara norte do monte, en Oláibar e en Baztán, a maioría está rexistrado en Ansoáin na cara sur do monte. En total, 211 asasinados durante a captura dos fuxidos. Dos capturados, 16 foron sometidos a xuízo acusados de ser líderes, un foi internado no manicomio de Pamplona e 14 deles foron condenados a morte. Estes foron fusilados na Vuelta del Castillo, detrás da cidadela o 8 de setembro dese mesmo ano: Gerardo Aguado Gómez, Teodoro Aguado Gómez, Bautista Álvarez Blanco, Calixto Carbonero Nieto, Antonio Casas Mateo, Daniel Elorza Ormaetxea, Antonio Escudero Alconero, Ricardo Fernández Cabal, Francisco Herrero Casado, Francisco Hervas Salome, Primitivo Miguel Frechilla, Miguel Nieto Gallego, Rafael Pérez García e Baltasar Rabanillo Rodríguez.

Nas posteriores dilixencias aparece o delator falanxista Ángel Alcázar de Velasco, que viu reducida a súa pena. Coa redución de penas tamén se viron agraciados outros 60 internos, por colaborar. O director do establecemento, Alfonso de Rojas, foi destituído do seu cargo.

Lista de abatidos nos montes[editar | editar a fonte]

Monumento erixido no monte Ezkaba, en homenaxe aos caídos pola Liberdade e a República. Atacado en tres ocasións, co último estrago en agosto de 2009.

Seguidamente faise unha referencia, segundo o orixe, dos abatidos nos montes, de maior a menor contía:

O total de mortos como consecuencia da fuga ascendeu a 207 persoas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]