Foros xerais vascos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando o Católico xurando os Foros en Guernica, 1476. Cadro de Vázquez de Mendieta, "Besamanos", 1609

Os Foros eran o conxunto de leis particulares, propias dun lugar ou territorio, que incluían costumes, privilexios políticos, económicos e mesmo normas penais, refrendados, normalmente, polo monarca. Para o País Vasco non houbo un foro único, senón que eran propios de cada unha das tres provincias, á parte de foros singulares de tipo municipal. Navarra, monarquía independente ata 1512, tiña o seu propio ordenamento. Porén as semellanzas nas normas e as coincidencias no funcionamento permiten falarmos de Foros xerais ou Foros vascos para o territorio vasco e navarro.

Estes foros desenvolvéronse na Idade Media e durante o Antigo Réxime, e mantivéronse ata 1839, sendo orixe a partir desa data de fortes controversias, que conduciron ata enfrontamentos armados, especialmente as denominadas Guerras Carlistas.

Caracteres xerais[editar | editar a fonte]

Os aspectos máis comúns dos Foros xerais inclúen:

  • Institucións de autogoberno: as Xuntas Xerais eran o organismo de goberno común para Álava, Biscaia e Guipúscoa; as Cortes para Navarra. As atribucións de ambas eran moi amplas, comprendendo o ordenamento administrativo, político, lexislativo, xudicial, fiscal, etc. A capacidade de aprobar as normas emanadas da Casa real recibía o nome de "pase foral" no País Vasco e "dereito de sobrecarta" en Navarra; o obxectivo xurídico era comprobar se aquelas normas se axustaban ao ordenamento foral.
  • Foros de contido económico: basicamente reservaban un sistema impositivo propio dentro do territorio e unha rede propia de alfándegas que separaban comercialmente o País Vasco; a cambio entregaban unha "doazón real" á Facenda real.

A total autonomía económica permitía adoptar planos propios neste campo.

  • Foros de contido social: quizais o máis sinalado fose a protección da fidalguía universal, carácter que nunha sociedade estamental permitía a participación nos asuntos públicos. Aínda que non fose tan universal como as veces se di, pois só estaba estendida por completo ás provincias de Biscaia e Guipúscoa, a súa exhibición causaba extrañeza no resto da península. A pesar de que houbo un acaparamento do poder por nobres, eclesiásticos, e, mesmo señores medianos ("jauntxoak": señoriños), o certo era que a participación política era superior a do resto de España. Era ademais un factor que favorecía as actividades económicas, por canto era difícil sentir o estigma de exercer un traballo mecánico.

Un segundo era a exención de servizo militar. Os continxentes cedidos ao exército real tiñan que ser aprobados polas Xuntas Xerais ou polas Cortes, segundo territorio; as Deputacións recrutaban forzas en caso necesario.

O control real[editar | editar a fonte]

O monarca velaba o cumprimento das súas normas a través dun correxedor no País Vasco e do vicerrei en Navarra. O correxedor presidía as Xuntas. Cada rei estaba obrigado a xurar os foros en Guernica, e a súa vez os deputados a xurarlle lealdade, bicándolle as mans.