Foquismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O foquismo é unha teoría revolucionaria inspirada polo Ernesto "Che" Guevara e desenvolvida como tal por Regis Debray. A coñecida frase do Che, da necesidade de crear "un, dous, tres, moitos Vietnams", reflicte tal pensamento.

No seu texto "A guerra de guerrillas", Guevara postulou que a experiencia da Revolución Cubana demostraba que cando as condicións subxectivas non son suficientes para que as masas leven adiante a revolución socialista, un pequeno foco que iniciase accións típicas da guerra de guerrillas podería conseguir con relativa rapidez que a revolución se expandise, obtendo así o levantamento das masas e o derrocamento do réxime. O "Che" consideraba válidas estas consideracións principalmente para os países atrasados, e sostiña que os "focos" debían tomar como base social ao campesinado.

A teoría púxose en práctica, en mans do propio Guevara, por primeira vez no Congo, con Laurent-Désiré Kabila e por segunda vez en Bolivia. Ningún dos intentos tivo éxito; o segundo deles finalizou coa captura e execución do Che en Bolivia por parte de forzas do exército dese país, apoiadas pola CIA estadounidense.

Durante os anos '70 e tamén durante os '80, grupos de diversas tendencias políticas (non só en países subdesenvolvidos) tomaron o foquismo como estratexia. Por exemplo, no Brasil, encontrou a súa expresión na Guerrilha do Araguaia. Ningún deles puido levar adiante unha revolución socialista. O foquismo recibiu numerosas e fortes críticas desde o marxismo, e moitas veces foi confundido co método de guerra de guerrillas, o cal foi amplamente utilizado nos procesos de case todas as revolucións socialistas triunfantes: Rusia, China, Iugoslavia, Cuba, Vietnam, etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]