Fonte do Sapo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°57′01″N 7°24′49″O / 41.950260344849, -7.4136066790479

Fonte do Sapo

A Fonte do Sapo é un manancial natural situado no concello de Verín.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A Fonte do Sapo é un manancial de auga mineral que se atopa a dous quilómetros do concello de Verín. Para chegar, dende Verín, é preciso acceder pola N-525 en dirección leste e, antes de chegar a gasolineira ou o Barrio da Cruz Vermella, desviarse por un camiño situado na marxe esquerda da estrada.[1]

Ao norte está a aldea da Rasela, ao sur a parroquia de Ábedes, ao leste Queirugás e ao oeste Verín, capital do municipio.

Historia[editar | editar a fonte]

O sapo é un anfibio semellante á ra que se caracteriza por ter a pel moi rugosa e con moitas verrugas; e esta auga era moi eficaz para eliminar as verrugas da pel, por iso, esta fonte recibiu o nome de Fons Bufo, é dicir, Fonte do Sapo en latín. Ademais, non se descarta que os romanos estivesen nesta zona na súa dominación peninsular e conservasen o nome deste manancial.[2]

Prado da Fonte do Sapo

A finais do século XX, esta fonte foi un dos reclamos turísticos da comarca, sendo un dos máis concorridos e con maior sona, xa que en calquera época do ano estaba ateigada de xente, tanto polas súas virtudes como pola súa singularidade. Por conseguinte, foi moi visitada por persoas que padecían enfermidades dermatolóxicas ou gastrointestinais.[3]

Xeoloxía, caudal e temperatura[editar | editar a fonte]

A fonte nace no interior dun gran prado situado entre o camiño veciñal, que vai dende Verín a localidade de Queirugás, e o regato de auga que procede do monte “Corona de Cota”.

Ademais, neste manancial a auga nace de abaixo cara a arriba nun paramento de rochas que está cuberto por lousas de pedra, a xeito de fonte rústica, saíndo a auga por un caño de ferro.

O caudal desta fonte caracterízase por non ser moi abondoso, pero é constante durante todo o ano. Outro dato importante é que a temperatura da auga é moi fría.[3]

Composición[editar | editar a fonte]

A composición da auga é semellante ás restantes da comarca de Verín, xa que son augas bicarbonatadas, sódicas e sulfuradas, ademais, conteñen fluoruros e ácidos sulfhídricos. De aí, o peculiar olor que ten esta auga, un tanto desagradable.[4]

Fins terapéuticos[editar | editar a fonte]

As augas desta fonte están indicadas para as infeccións da pel, as enfermidades das vías respiratorias, trastornos urinarios e os problemas gastrointestinais ou do aparello dixestivo.

Non obstante, débese mencionar o seu poder cicatrizante e resolutivo contra todas as especies de chagas, verrugas e de acne.[2]

Itinerarios[editar | editar a fonte]

Nos anos oitenta a fonte pertencía á Ruta das Fontes,[5] cuxo percorrido comezaba nesta fonte e seguía pola aldea de Queirugás, o Santuario dos Remedios, a aldea de Vilamaior, a Fonte de Caldeliñas, o Baño ou o Balneario de Caldeliñas e as aldeas de Salgueiro e, por último, A Rasela.

Na actualidade, o manancial da Fonte do Sapo pertence a varias rutas:

  • A Ruta dos Balnearios[6] é un percorrido polos diferentes balnearios da comarca de Verín: Caldeliñas, Sousas, Fontenova, Cabreiroá, Fonte do Sapo e Requeixo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El termalismo en Galicia en la década de los ochenta. Consellería de Sanidade. 1988. p. 546. 
  2. 2,0 2,1 Justo Méndez, Federico (1994). Brotes de raíces históricas. p. 277. 
  3. 3,0 3,1 Ares Güimil, Tomás; Vila González, María Xesús (1997). Guía de balnearios e fontes de Galicia. p. 267. 
  4. Rolán Fernández, Adolfo (1994). Verín y comarca. p. 33. 
  5. Rolán Fernández, Adolfo (1994). Verín y comarca. p. 124. 
  6. Ares Güimil, Tomás; Vila González, María Xesús (1997). Guía de balnearios e fontes de Galicia. p. 266. 
  7. "Rutas turísticas Chaves Verín". Eurocidade Chaves Verín. Arquivado dende o orixinal o 29/12/2020. Consultado o 2/5/2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]