Folión dos carros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folión dos carros do ano 2013.

O Folión dos carros é un encontro de véspera, celebrado en Chantada o sábado das festas patronais (a data é variable, pode coincidir o último ou penúltimo sábado do mes de agosto). Consiste na representación de oficios ou de escenas tradicionais da comarca, como as tarefas do agro, a vendima, a matanza do porco ou as feiras. Está declarada desde 2002 Festa de interese turístico de Galicia.

Características[editar | editar a fonte]

En Chantada mantense o tradicional folión de véspera, noutrora tamén celebrado en Monforte de Lemos, no barrio de Carude. Presenta igualmente paralelismos con outros folións rurais con continuidade (Castelo, en Taboada; Vilelos, no Saviñao; e Castro Caldelas), moi comúns na Ribeira Sacra[1].

A orixe, non documentada, parece ser gremial, polo que se fala da Idade Media, onde os gremios mostraban os seus oficios un día ao ano. En publicacións recentes establécense paralelismos coa festa do Corpo de Deus, na que eran habituais as procesións representando os diferentes oficios da localidade.

O evento ten lugar sobre escenarios móbil. Orixinalmente eran os típicos carros galegos, pero na actualidade, por mor da complexidade das representacións, pode chegar a ser ata unha plataforma de camión. Porén, a tracción dos carros ou vehículos ten que ser unha xugada de vacas, sen permitirse vehículos de tracción mecánica. Este feito convértese tamén nun dos principais perigos que ameazan coa extinción desta celebración, dado que cada vez é máis difícil atopar os animais axeitados, xa que as vacas hoxe en día dedícanse a produción de leite e carne, non sendo adoitadas para tarefas de tiro.

Na actualidade está organizado pola asociación Amigos do Folión, creada en 1989.

Pregoeiros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vázquez, X. M. (2014). Etnografía da Ribeira Sacra. 
  2. "Chantada acolleu o Folión máis concorrido que se recorda" Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine., nova no xornal La Voz de Galicia, 26 de agosto de 2001
  3. "Pregón do Folión dos carros 2014", nova na televisión local Televinte, 29 de agosto de 2014