Folerpa de Neve

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folerpa de Neve
Folerpa de Neve no zoo.
Outros nomesNfumu Ngui
Floquet de Neu
EspecieGorilla gorilla gorilla
SexoMacho
Nacementoc. 1964
Guinea Ecuatorial Guinea Ecuatorial
Falecemento24 de novembro de 2003 (39 anos)
Barcelona, Cataluña Cataluña
DonoParque Zoolóxico de Barcelona
Coñecido porÚnico gorila albino coñecido
Fillos22

Folerpa de Neve,[Cómpre referencia] nado en Guinea Ecuatorial cara a 1964 e finado en Barcelona o 24 de novembro de 2003, foi un Gorilla gorilla, pertencente á subespecie Gorilla gorilla gorilla. Foi a principal atracción do Parque Zoolóxico de Barcelona por se-lo único gorila albino coñecido. Calcúlase que naceu cara ao ano 1964 e morreu por eutanasia o 24 de novembro de 2003 en Barcelona. Tiña uns 39 anos no momento da súa morte, aspecto a destacar, tendo en conta que a media de vida dun gorila criado en liberdade rolda os 25 anos.

Nome[editar | editar a fonte]

O nome orixinal en lingua fang era Nfumu Ngui (que significa "gorila branco"), e o primatólogo Jordi Sabater Pi renomeouno como Floquet de Neu.[1] Inicialmente presentado á Tele/Expres como Blancaneus, finalmente triunfou o nome de Sabater cando a revista da National Geographic o trouxo á portada de marzo de 1967 baixo o nome de Snowflake. O nome tamén foi posteriormente traducido ó castelán como Copito de Nieve. O propio Sabater chamábao Floquet ou Copi, e nos últimos anos Nfumu. O asteroide 95962 Copito, descuberto polo astrónomo J.Manteca no observatorio de Begues, foi chamado así na súa honra.[2]

Vida[editar | editar a fonte]

Foi capturado nas aforas da cidade de Nko (Río Muni, actualmente Guinea Ecuatorial) o 1 de outubro de 1966 por un cazador da etnia fang chamado Benito Mañé, que abateu un gorila e maila súa parella, atopando despois o pequeno gorila branco a carón da súa nai. Posteriormente, Mañé vendeuno a Jordi Sabater Pi por unhas 20.000 pesetas das de entón. Sabater era o conservador do Centro de Experimentación Zoolóxica de Ikunde, dependente do Zoo de Barcelona. O 1 de novembro de 1966 foi levado a Barcelona e posteriormente ó Parque Zoolóxico.

O día de San Xosé de 1967 foi recibido en audiencia oficial polo alcalde Josep Maria de Porcioles. O feito de se-lo único gorila albino do mundo fixo que axiña se convertese nun animal emblemático da cidade de Barcelona.

Por outra banda, aínda que tivo 22 descendentes, polo de agora ningún deles herdou a súa cor branca característica. Dende o 2001 sufría un tipo de cancro de pel pouco común, posibelmente por mor do seu albinismo. En setembro de 2003 anunciouse que estaba á morte,[3] e ó mes aplicóuselle a eutanasia.

Son moitas as cartas que chegaron ó Zoo de Barcelona pedindo a clonación de Folerpa de Neve, converténdoo nun dos animais máis solicitados para a súa clonación. Ademais, o zoolóxico garda mostras do seu ADN.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Colección Sabater Pi da Universidade de Barcelona (ed.). "Dibuixos de Sabater". Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  2. Manteka.comdataacceso=30 de xullo de 2013 (ed.). "95962 Copito". 
  3. BBC News (ed.). "Albino gorilla dying of skin cancer". Consultado o 31 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]