Florín das Antillas Neerlandesas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Florín das Antillas Neerlandesas
Antilliaanse gulden en neerlandés
Código: ANG
Ámbito: Curaçao
Sint Maarten
Símbolo: NAƒ, ƒ
Fracción: 100 cent o centen
Moedas: 1, 5, 10, 25, 50 céntimos
1, 2½, 5 ANG
Billetes: 5, 10, 25, 50, 100, 250 ANG
Emisor: Banco das Antillas Neerlandesas
Taxa de troco:
fixa
1 USD = 1,79 ANG
Troco actual

O florín das Antillas Neerlandesas ou florín antillano neerlandés (en neerlandés: Antilliaanse gulden ou simplemente gulden) é a moeda de Curaçao e Sint Maarten. Está subdividido en 100 cent ou centen (singular: cent).

Anteriormente foi a moeda das Antillas Neerlandesas, un territorio de ultramar do Reino dos Países Baixos.

Historia[editar | editar a fonte]

No século XVIII, o florín neerlandés circulaba nas Antillas Neerlandesas. Isto cambiou en 1794 cando se emitiron moedas específicas para as posesións neerlandesas nas Indias Occidentais. Daquela, o gulden estaba dividido en 20 stuiver.

Entre 1799 e 1828, o reaal de Curaçao circulou nas illas, a razón de 1 reaal = 6 stuiver ou 3⅓ reaal = 1 florín. O florín neerlandés reintroduciuse en 1828, agora subdividido en 100 centen. Cando a moeda comenzou a emitirse de novo de maneira específica para as Antillas Neerlandesas, denominouse curaçao, cos primeiros billetes e moedas, con denominación en moeda neerlandesa, introducidos en 1892 e 1900, respectivamente. O nome "Antillas Neerlandesas" (Nederlandse Antillen) foi introducido en 1952.

En 1940, despois da ocupación alemá dos Países Baixos, a ligazón coa moeda neerlandesa rompeuse, e o florín foi establecido con respecto ao dólar estadounidense a 1,88585 floríns = 1 dólar. A taxa foi axustada a 1,79 floríns = 1 dólar en 1971.

En 1986, Aruba adquiriu un status de autonomía, separándose das Antillas Neerlandesas. En pouco tempo, Aruba comezou a emitir a súa propia moeda, o florín arubeño, que substituíu ao florín das Antillas Neerlandesas a un cambio de 1:1.

Bandeira de Curaçao
Bandeira de Sint Maarten, a parte neerlandesa da illa de San Martín

Coa disolución das Antillas Neerlandesas o 10 de outubro de 2010, o florín foi reemprazado polo dólar de EE.UU. o 1 de xaneiro de 2011 para as illas de Bonaire, Saba e San Eustaquio soamente. Curaçao e Sint Maarten quedaron co florín das Antillas Neerlandesas como moeda común propia, aínda que vinculado ao dólar.

Moedas[editar | editar a fonte]

En 1794 emitíronse moedas de prata para o seu uso nas Indias Occidentais Neerlandesas con valores de 2 stuiver, ¼, 1 e 3 floríns. Despois da reintrodución do florín neerlandés en 1828, algunhas moedas de 1 florín rebaixáronse a cuartos de florín e se estamparon cun "C", en 1838.

En 1900 e 1901 introducíronse as moedas de 1/10 e ¼ de florín de prata, que circularon xunto coas moedas neerlandesas. Despois da desvinculación da moeda antillana neerlandesa da dos Países Baixos, introduciuse a moeda de 1 cent de bronce en 1942, seguida por outra de 5 centen de cuproníquel en 1943. As moedas de 2½ centen de bronce e de 1 e 2½ floríns de prata introducíronse en 1944.

En 1952 apareceu nas moedas o nome "Nederlandse Antillen". En 1970 o níquel reemprazou á prata, aínda que a moeda de 2½ florís non se reintroduciu até 1978. As moedas de 1 e 2½ centen de aluminio introducíronse en 1979. En 1989 seguiron as de 5 centen de aluminio, as de 10, 25 y 50 centen de aceiro con aliaxe de níquel e as de 1 y 2½ floríns, seguidas polas de 5 floríns en 1998.

Billetes[editar | editar a fonte]

En 1892, o Curaçaosche Bank introduciu billetes con denominacións de 25 e 50 centen, 1 e 2½ florines. Esta foi a única emisión de denominacións en centen. Os billetes de 5, 10, 25, 50, 100, 250 e 500 floríns seguiron a esta emisión en 1900. Os de 1 e 2½ floríns foron suprimidos en 1920, pero reintroducidos polo goberno en 1942 como muntbiljet.

Desde 1954 o nome "Nederlandse Antillen" aparece no reverso dos billetes do Curaçaosche Bank e, desde 1955, os muntbiljet (só o billete de 2½ floríns) emitíronse tamén con este nome. En 1962, o nome do banco cambiouse polo de Bank van de Nederlandse Antillen (Banco das Antillas Neerlandesas). En 1970 fíxose unha emisión derradeira de muntbiljet posta en circulación con denominacións de 1 e 2½ florines. O billete de 500 gulden deixou de emitirse en 1962.