Fisípedes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fisípedes
Fissipedia

Raposo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Fissipedia [1]
Familias
  • Véxase o texto

O taxon dos fisípedes (Fissipedia), unha das subordes nas que hai anos se subdividía á orde dos carnívoros (a outra era a dos palmípedes) reunía a todos os carnívoros cuadrúpedes nos que os pés están rematados en dedos separados, ao que alude a súa etimoloxía.

Esta suborde era parafilética, e polo tanto xa non se utiliza nas clasificacións actuais, baseadas na filoxenia.

Outro gran taxon de mamíferos era o dos solípedes, igualmente parafilético, que agrupaba aos cuadrúpedes nos que os pés estaban formados por un casco continuo, como o cabalo, o asno e as cebras, taxon que acabaria por transformarse na familia dos équidos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Fissipedia foi utilizado por primeira vez por Georges-Louis Leclerc de Buffon en 1755 na súa Histoire naturelle générale et particulière,[2] como fissipède (fisípede, en francés), pero non para referirse aos carnívoros terrestres, senón para todos os cuadrúpedes con dedos separados, incluíndo, ademais das especies clasificadas hoxe entre os caniformes (que inclúe aos cánidos, mustélidos, úrsidos etc.) e aos feliformes, senón tamén aos Anagalida (que inclúe, entre outros grupos, aos roedores), e aos primates.

O nome é un préstamo do baixo latín fissipes,-pedis, derivado do latín fissio, -onis, "acción de fender ou dividir", ou de fissus, -a, -um, participio de findere "fender", "separar", "dividir", e de pes, pedis "pé". Literalmente, "os de pé fendido".

Características[editar | editar a fonte]

Carnívoros[editar | editar a fonte]

Os carnívoros constitúen un importante grupo de mamíferos caracterizados pola dentadura completa, con incisivos pequenos, caninos fortes e molares tipicamente rematados en crista cortante, que se alimentan xeralmente de carne, aínda que hai algúns que son omnnívoros e mesmo algún fitófago. Teñen a clavícula reducida ou carecen delas.[3]

Fisípedes[editar | editar a fonte]

Os fisípedes son terrestres, con dedos libres provistos de uñas (garras), ás veces retráctiles, con xeramlemte cinco dedos nas extremidades anteriores e catro nas posteriores. Algúns son plantígrados (osos), outros dixitígrados (cánidos, félidos). A fórmula dentaria típica é 3.1.4.3/3.1.4.3 e, en cada maxilar, hai un molar máis robusto (en realidade, un premolar), coñecido como moa carniceira; os molares posteriores (os verdadeiros molares) poden estar moi reducidos. Teñen robustos músculos mastigadores. A órbita comunica amplamente coa fosa temporal; a ampola timpánicastá osificada. A miúdo están provistos de glándulas perianais produtoras de fortes cheiros. Na súa maior parte son depredadores.[3]

Pinnípedes[editar | editar a fonte]

Os pinnípedes son carnívoros acuáticos de cabeza pequena, arredondada, corpo fusiforme, rematado nunha cola curta, e coas extremidades así mesmo curtas, cos pés en forma de aleta, cos dedos unidos por membranas (ao que alude o seu nome) [4] e coas garras atrofiadas. O corpo está cuberto de pelos lisos e curtos. Teñen os molares uniformes. Aliméntanse principalmente de peixes, pero tamén doutros animais mariños (moluscos, crustáceos). Viven en sociredades ao longo das costas.[3]

Taxonomía (antiga) da orde dos carnívoros[editar | editar a fonte]

(segundo D'Ancona) [3]

Notas
1. Ás familias de fisípedes arriba mencionadas, hoxe hai que engadir:

2. Por outra parte cómpre dicir que a especie Ailuropoda melanoleuca, o panda xigante ou oso panda, que durante moito tempo estaba icluída na familia dos prociónidos e que, posteriormente foi considerada como familia monotípica, a dos Ailuropodiadae, hoxe está clasificada na familia dos úrsidos, na que constutúe a subfamilia dos ailuropodinos (Ailuropodinae).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hoxe obsoleto.
  2. 1755 (Buffon (1755): Hist. nat. gén. et part., t. 5, "Le cochon", p. 100.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 D'Ancona, H. (1972), pp. 977-980.
  4. Do latín pinnipes, -pedis; de pinna "á", "aleta", e pes, -pedis "pé".
  5. Hoxe en desuso.
  6. Hoxe en desuso. Hai anos consderouse como unha orde independente da dos carnívoros; hoxe está reclasificada como superfamilia da suborde dos caniformes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D'Ancona, H. (1977): Tratado de zoología. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor.

Outros artigos[editar | editar a fonte]