First Coast

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaFirst Coast

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 30°00′47″N 81°52′00″O / 30.012918, -81.866735Coordenadas: 30°00′47″N 81°52′00″O / 30.012918, -81.866735
EstadoEstados Unidos de América
Estado federadoFlorida Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Norte (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

First Coast é unha rexión vernácula dos Estados Unidos en Florida, situada na costa atlántica de Florida do Norte. A Primeira Costa comprende aproximadamente aos cinco condados que rodean a cidade de Jacksonville: Duval, Baker, Clay, Nassau e St. Johns, coincidente en gran parte coa Área Metropolitana de Jacksonville. O termo ten a súa orixe nunha efectiva campaña de mercadotecnia da década de 1980 que a situou desde entón como unha das rexións vernáculas máis coñecidas de Florida. First Coast esténdese pola mesma área que a rexión direccional de Northeast Florida, que inclúe ademais os condados de Putnam e Flagler.

Historia[editar | editar a fonte]

Tal como o seu nome suxire, First Coast foi a primeira zona de Florida colonizada por europeos, pero, como sucedeu con outras moitas rexións vernáculas de Florida, a identificación desta área co nome produciuse primeiro a nivel da industria turística antes de ser aceptada pola poboación en xeral[1]. O nome de First Coast creouno para a Cámara de Comercio de Jacksonville a axencia de publicidade William Cook Advertising Agency en 1983. Jacksonville empregaba daquela outros alcumes e slogans, pero funcionarios locais querían levar a cabo unha campaña de mercadotecnia que integrase por enteiro a área metropolitana (os condados de Duval, Baker, Clay, Nassau e Saint Johns) para promover a rexión por enriba das identidades das diferentes localidades que se incluían nela. O nome Florida's First Coast foi acuñado polos membros da compañía William Cook Kay Johnson, Bryan Cox e Bill Jones, e preentouse oficialmente no Gator Bowl (un partido de fútbol americano polo campionato local) de 1983, ao interpretarse o First Coast Anthem (Himno da Primeira Costa)[2].

First Coast é similar a outras rexións "costeiras" de Florida, como Space Coast e Gold Coast que xurdiron como resultado dunha campaña de mercadotecnia[1]. O seu nome débese ao dobre feito de ser a "primeira costa" que moitos visitantes ven cando entran en Florida e, ao mesmo tempo, de ser a primeira rexión continental dos Estados Unidos que tivo contacto cos europeos[3]. Juan Ponce de León debeu chegar a esta rexión durante a súa primeira expedición en 1513 e a primeira colonia francesa de Forte Caroline fundouse en 1563 no que hoxe por hoxe é Jacksonville. Dun xeito moi significativo, a Primeira Costa inclúe Saint Augustine, a poboación máis antiga dos Estados Unidos no continente en manterse habitada de xeito continuo desde a súa fundación en 1565[2].

Un estudo levado a cabo en 2007 polos xeógrafos Ary J. Lamme e Raymond K. Oldakowski observou que o termo "Primeira Costa" suplantou a outras dúas apelacións xeográficas máis antigas da rexión: a "Coroa de Florida" (Florida's Crown) e "Xeorxia do Sur" (South Georgia), acreditadas en fontes antigas. Estes antigos nomes veñen, por unha banda, de que esta área é a que está máis ao norte de Florida, coroándoa xunto á fronteira con Xeorxia. O outro apelativo salienta o feito de que a cultura local considérase máis similar á do veciño estado de Xeorxia e á dos estados sureños en xeral que á da parte meridional da península de Florida. Semella que hai unha intención consciente de substituír as connotacións indesexadas que o nome "Xeorxia do Sur" puidera ter en favor de "Primeira Costa"; isto coincide coa diminución do emprego doutros termos como "Vello Sur" e "Dixie" en boa parte do estado. O termo "Primeira Costa" reforza a conexión desta rexión co resto de Florida, unha importante ligazón perceptiva para atraer residentes, negocios e turistas[3].

O termo "Primeira Costa" pasou a ser moi popular desde a década de 1980, sorprendendo ata aos seus creadores. Sobre 2002 preto de oitocentas organizacións e negocios levaban o termo "First Coast" no seu nome[2]. Lamme e Oldakowski observaron que en 2007 o 18% dos floridanos enquisados estaban familiarizados co termo Primeira Costa, facendo del unha das rexións vernáculas mellor coñecidas polos floridanos[4]. En 2013 o xornal The Florida Times-Union informou que a Primeira Costa ás veces esténdese tan ao sur como Flager Beach, no Condado de Flagler e que, na mesma área, o Condado de Saint John tiña comezado a empregar para si mesmo o termo "Costa Histórica" (inglés: Historic Coast)[5].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Referencias xornalísticas[editar | editar a fonte]