Final Fantasy VIII

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Final Fantasy VIII (abreviado FF8 ou FFVIII) é un videoxogo de rol de consola pertencente á saga Final Fantasy, considerada un dos máis importantes da súa categoría. Foi desenvolvido polo equipo de Hironobu Sakaguchi de Squaresoft (dende 2003 Square Enix) maioritariamente entre 1998 e 1999, e publicado en 1999.

Este xogo supuxo un avance enorme na calidade dos gráficos, contando cunhas escenas cinematográficas con moitos detalles. Ademais foi un dos xogos máis vendidos da Playstation.

Historia[editar | editar a fonte]

Neste Final Fantasy a historia xira en torno a un grupo militar coñecido como SEEDS, guerreiros encargados de daren caza a perigosas meigas ó redor do mundo, que son adestrados nunha serie de recintos denominados xardíns. Nada máis empezar poñémonos na pel de Squall Leonhart, un estudante a SEED do xardín de Balamb ó que lle acaban de encomendar unha misión para demostra-las súas habilidades e así poder ser un SEED. A misión resulta ser todo un éxito e Squall convértese de súpeto nun SEED moi prometedor. A mesma noite da súa graduación coñece a Rinoa Heartilly, unha rapaza membro dun grupo de resistencia que acude ó xardín para pedir axuda para derrotar unha meiga moi poderosa que está facendo estragos na súa terra. A misión outórgaselle a Squall, e entón comeza unha viaxe por todo o mundo onde numerosos segredos se han desvelar ata poñer en xaque o destino do planeta.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Squall Leonhart. É o protagonista da historia, un mozo de 17 anos introvertido e solitario que busca converterse nun SEED para viaxar polo mundo defendendo a xustiza e o ben. Ó principio Squall pensa que estará sempre só e que un non pode depender do resto, porén todo cambiará cando coñeza a Rinoa Heartilly, da que quedará engaiolado irremediablemente. É o máis forte do grupo e, aínda que xoga o papel de antiheroe, vén sendo o líder que toma as decisión máis relevantes, xa que a pesar da súa personalidade cerrada, todos os que lle rodean son moi abertos. Grazas a eles Squall comezará a madurar e a decatarse de que moitas veces confiar nos demais é a única forma de estar ben un consigo mesmo. Naceu un 23 de agosto e o seu signo do zodíaco é Leo, o cal, curiosamente, é o símbolo que porta na súa vestimenta e na súa arma, o sabre-pistola.
  • Rinoa Heartilly. É unha rapariga de 17 anos moi alegre e vivaz que se ve envolta nunha terrible conspiración. Ó principio pertence a un grupo de resistencia contra o presidente de Gabaldia, que acude ó xardín de Balamb para requirir os servizos dos poderosos SEEDs. A medida que avance a historia descubrirase que Rinoa está destinada a ser unha meiga, algo que lle fará correr máis dun risco.
  • Quistis Trepe. É unha das mellores SEED de Balamb e mestra de Squall. Quistis utiliza un látego de combate que lle é moi útil contra calquera tipo de inimigo. Malia ter só 18 anos, é unha muller moi madura que sente algo especial por Squall, aínda que non é correspondida.
  • Zell Dincht. É o compañeiro SEED de Squall, que se gradúa asemade ca el, xa que coinciden na misión/exame final de liberación de Dollet. É un mozo de 17 anos moi alegre e que moitas veces se deixa levar polos seus instintos. No entanto, é moi amigo dos seus amigos e nunca dubida en presta-la súa axuda. Comeza no grupo dende a susodita misión final e xa non se separa nunca de Squall. Gústanlle as armas, a pesar de que loita cos puños, comer dabondo e ir facendo peripecias por aí.
  • Selphie Tilmitt. É un estudante SEED de intercambio do Xardín de Trabia. Unha rapaza moi alegre e algo entrometida que nunca xamais estará triste, aínda que morra todo o mundo. Unicamente útil polo seu límite "Ruleta".
  • Irvine Kinneas. É un SEED do xardín de Gabaldia que chega ó grupo para facer unha misión como francotirador. Irvine é un tirador de primeira, alén dun mullereiro nato.

Sistema de xogo[editar | editar a fonte]

Aínda nesta oitava entrega séguese o sistema tradicional de quendas e equipamento de armas e escudos. A principal novidade chega da man dos GF (Gardiáns da forza), as coñecidas invocacións que saen en tódolos Final Fantasy e que neste capítulo se poden enlazar ós personaxes co fin de facelos máis fortes e outorgármoslles habilidades.

Outro elemento de enlace para aumentarmo-las características serán as maxias, que se obterán mediante diversos puntos de extracción distribuídos ó redor do mundo.

Música[editar | editar a fonte]

Álbums oficiais[editar | editar a fonte]

Ano Álbum Información adicional
1999 Final Fantasy VIII Original Soundtrack Versión orixinal do xogo
1999 Fithos Lusec Wecos Vinosec Final Fantasy VIII Versión arranxada orquestral
2000 Piano Collections Final Fantasy VIII Versión arranxada a piano

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]