Filipe I de Castela
| Filipe I, o fermoso | |
|---|---|
|
|
|
| Reinado | 1504 - 1506 |
| Predecesor | Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón |
| Sucesor | Xoana |
| Cónxuxe | Xoana de Castela |
| Descendencia | |
| Eleanor, Raíña de Francia Carlos I de España Sabela, Raíña de Dinamarca Fernando I de Habsburgo Mary, Queen of Bohemia Catarina, Raiña de Portugal |
|
| Pai | Maximiliano I, Emperador do Sacro Imperio Xermánico |
| Nai | Maria de Borgoña |
| Nacemento | 22 de xullo de 1478 Bruxas, Flandres |
| Falecemento | 25 de setembro de 1506 Burgos, Castela |
| Enterramento | Capela Real, Granada |
Filipe de Habsburgo, alcumado o Fermoso, nado en Bruxas (Flandres) o 22 de xullo de 1478 e finado en Burgos o 25 de setembro de 1506, foi un nobre da casa de Habsburgo, Arquiduque de Austria, Duque de Borgoña, Brabante, Limburgo e Luxemburgo, Conde de Flandres, Habsburgo, Henao, Holanda, Zelanda, Tirol e Artois, señor de Amberes e Malinas, entre outras cidades (1482 - 1506), e rei do Castela e do León (1504 - 1506) polo seu matrimonio con Xoana, filla e herdeira dos Reis Católicos.
Foi quen trouxo a liñaxe dos Habsburgo nos territorios da actual España. O apelativo o Fermoso, deullo o rei Luís XII. En 1501, Filipe e Xoana viaxaban cara a Castela para seren coroados e detivéronse en Blois. Alí o rei francés recibiunos, a velo exclamou: Eis un fermoso príncipe.
Era fillo de Maximiliano I, emperador de Alemaña e de María de Borgoña. O seu pai pactou o seu matrimonio con Xoana, filla dos Reis Católicos, no marco da Liga Santa que uniu a monarquía castelán-aragonesa co Imperio, Inglaterra, Nápoles, a república de Xénova e o ducado de Milán contra as pretensións hexemónicas de Francia na península italiana (1495).
Deste matrimonio naceran 6 fillos:
- Leonor (Lovaina,1498 - Talavera,1558). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Manuel I de Portugal.
- Carlos (Gante, 1500 - Yuste,1558).
- Isabel (Bruxelas, 1501 - Zwijnaerde, Gante,1526). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Cristián II de Dinamarca.
- Fernando (Alcalá de Henares, - Viena,1564), futuro Emperador de Austria.
- María Bruxelas, 1505 - Cigales, 1558). Archiduquesa de Austria. Casada con Luis II Jagellón, Rei de Hungría, Bohemia e Croacia.
- Catalina (Torquemada, 1507 - Lisboa, 1578). Arquiduquesa de Austria. Casada co rei Xoán III de Portugal.
Nos Países Baixos (Bélxica e Holanda) actuou como un administrador competente e un soberano popular e amado, que soubo unir os intereses dos seus diversos territorios, demostrando especial talento para planear reformas e para dar tranquilidade e paz logo de anos de turbulencias políticas.
Mortos os infantes Juan (1497) e Isabel (1498), así como o fillo desta última, o infante Miguel (1500), a súa esposa convértese na herdeira de Castela e Aragón. Morta a raíña Isabel a Católica (1504), ábrese o problema da sucesión nos reinos casteláns. Pola Concordia de Salamanca (1505), acórdase o goberno conxunto de Filipe, Fernando de Aragón e a propia Xoana. Porén, as malas relacións entre el (apoiado pola nobreza castelá) e o seu sogro, o rei Fernando o Católico, obrigaron a este a renunciar ao poder en Castela para evitar un enfrontamento armado. Pola Concordia de Villafáfila (1506), Fernando retírase aos seus estados de Aragón, como rei, e Filipe é proclamado rei de Castela. Hai pois catro monarquías na península neste momento: Portugal, Navarra, Castela-León, Aragón.
Entre tanto, Xoana mostra visos de loucura, segundo algúns polos celos que lle producían as infidelidades do marido, polo que sentía un amor tan apaixonado como pouco correspondido. Aínda que as Cortes reunidas en Valladolid se negaron a declarar a incapacidade da raíña Xoana, Filipe I exerce o poder efectivo sen contar con ela. Tradicionalmente ténselle censurado polo favoritismo que demostrou polos seus conterráneos flamengos, así como por repartiren dádivas e prebendas entre os nobres casteláns para buscar o seu apoio; mais é posíbel que iso respondese a unha estratexia dirixida a afianzar o poder real e a pór couto as inxerencias de seu sogro nos asuntos casteláns. A figura que atinxira maior preeminencia no seu breve goberno (máis non ata consideralo un valido) foi un escuro nobre, o señor de Belmonte, de nome Juan Manuel.
En xuño de 1506 desembarcou coa súa muller na Coruña para dirixirse á Pobra de Sanabria a reunirse co seu sogro, pasando a noite do día 15 na vila da Gudiña. A súa morte, que ocorreu na burgalesa Casa del Cordón, foi tan súbita que correu o rumor de que seu sogro o envelenara. Segundo parece mentres se encontraba Filipe en Burgos, xogando aos birlos, tras a partida, suando aínda, bebeu abundante auga fría, a consecuencia do cal caeu enfermo con alta febre e morreu uns días despois. Porén, os investigadores máis recentes e autorizados atribúen a súa morte á peste. O falecemento do monarca acrecentou a suposta loucura da raíña Xoana.
Fernando o Católico aproveitou o débil estado mental da súa filla para encerrala no pazo de Tordesillas (Valladolid), do que xa no sairá ata a súa morte, para converterse en rexente dos reinos castelán-leoneses.
| Predecesor: María de Borgoña |
Arquiduque de Austria 1482-1506 |
Sucesor: Carlos V |
| Predecesor: Xoana I |
Rei de Castela e León 1504-1506 |
Sucesor: Fernando V |