Fidel Diéguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFidel Diéguez
Biografía
Nacemento1956 Editar o valor em Wikidata
O Saviñao, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de marzo de 2013 Editar o valor em Wikidata (56/57 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico , enxeñeiro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosUxío-Breogán Diéguez Cequiel Editar o valor em Wikidata

Fidel Diéguez Díez, nado no Saviñao en 1956 e finado en Santiago de Compostela o 22 de marzo de 2013,[1] foi un enxeñeiro e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1961 a súa familia instalouse en Madrid, onde se formou académica e intelectualmente. Cursou Enxeñería Industrial e Enxeñería en Telecomunicacións na Universidade Politécnica de Madrid. Fixo parte dos ambientes culturais e políticos do Madrid antifranquista, participando na Aula de Cultura Galega do Ateneo de Madrid, así como do Club de Amigos da UNESCO. Nese ambiente coñeceu a Ramón Muñiz de las Cuevas e a Bautista Álvarez, e cara a 1974 ingresou na Unión do Povo Galego e no 1975 na Asemblea Nacional-Popular Galega. Foi un dos primeiros membros da Agrupación Cultural Lóstrego[1] (logo Irmandade Galega-Lóstrego), centrada na posta en valor da cultura galega entre a comunidade galega asentada en Madrid, procurando a súa politización en chave galeguista, sendo militante do Bloque Nacionalista Galego desde a súa fundación nesa cidade.

Exerceu como docente no ensino medio en varios centros fóra de Galiza (Madrid, Valladolid...), asentándose no IES Campo de San Alberto (Noia) en 1992, após o seu traslado definitivo a Galiza. No ámbito sindical formou parte da Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG), no seo da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG), logo CIG-Ensino no marco da Confederación Intersindical Galega, da que foi delegado electo durante anos.

Asentado en Galiza no curso 1992-1993, participou activamente en Noia co BNG. Desta organización foi concelleiro na lexislatura 1999-2003 e na 2003-2007, sendo cabeza de lista local da formación nacionalista, así como membro electo do Consello Nacional, na XII Asemblea Nacional, celebrada en decembro de 2006.

Após 2007, Fidel Diéguez centrou o seu traballo no ámbito profesional como docente, así como no ámbito político-cultural, sendo impulsor do Centro Social Roi Soga de Lobeira (2007-2010). No ámbito político foi nesta etapa cofundador do Movemento pola Base (MpB), organización que acabaría integrada en Anova, e logo, por volta do 2009, do Movemento Galego ao Socialismo (MGS)[1] que decidiu permanecer non BNG.[2]

En marzo de 2013 faleceu por mor dun cancro, contra o que loitara desde a primavera de 2012.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Foi pai de Uxío-Breogán, Iria-Zéltia e Breixo-Fidel Diéguez Cequiel.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "MpB e MGS lembram figura política de Fidel Diéguez Díez". diarioliberdade.org. 24 de marzo de 2013. Archived from the original on 27 de agosto de 2017. Consultado o 14 de outubro de 2023. 
  2. Redacción (21 de marzo de 2009). "Movemento Galego ao Socialismo pide "unidade, participación e debate de ideas" no BNG". vieiros.com. Consultado o 14 de outubro de 2023. 
  3. Necrolóxica en La Voz de Galicia, 23-3-2013, p. 50.