Fiber Distributed Data Interface

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tarxeta FDDI de dobre conexión

Fiber Distributed Data Interface (FDDI) proporciona un estándar óptico de transmisión de datos a 100 Mbit/s nunha rede de área local que pode acadar un rango de ata 200 quilómetros. Aínda que a topoloxía lóxica de FDDI baséase un anel de tipo "token ring", non emprega o protocolo IEEE 802.5 Token Ring para a súa definición; porén, o protocolo empregado deriva do IEEE 802.4 Token Bus na súa variante timed token. Ademais de cubrir extensas áreas xeográficas, as redes de área local FDDI poden soportar miles de usuarios. O estándar marca coma medio de transmisión a fibra óptica, aínda que pode empregar tamén cable de cobre, recibindo nese caso o nome de CDDI (Copper Distributed Data Interface).

Historia[editar | editar a fonte]

FDDI foi considerada na primeira metade da década de 1990 unha tecnoloxía moi atractiva para a conexión a nivel de campus, xa que as redes Ethernet existentes soamente ofrecían velocidades de transferencia de 10 Mbit/s e as redes Token Ring podían proporcionar velocidades de 4 ou 16 Mbit/s. De tódolos xeitos, FDDI rematou por quedar obsoleta coa aparición de Fast Ethernet, que ofrecía os mesmos 100 Mbit/s a un custo moi inferior e, dende 1998, por Gigabit Ethernet.

Características[editar | editar a fonte]

FDDI, coma produto do estándar ANSI X3T9.5 (now X3T12), segue o modelo OSI por capas empregado en moitos outros protocolos. FDDI-II, unha versión de FDDI, incorpora a posibilidade de engadir á rede soporte para conmutación de circuítos, de forma que poida manexar sinais tanto de voz coma de vídeo.

Unha rede FDDI compónse de dous aneis, funcionando un deles como anel secundario en caso de que o primario sufra algún tipo de fallo. Este anel primario ofrece unha capacidade de ata 100 Mbit/s. Cando unha rede non precisa do anel secundario, este tamén pode empregarse para o transporte de datos, elevando a capacidade ata 200 Mbit/s. Un só anel pode estenderse ata a distancia máxima marcada polo estándar, mentres que un dobre só pode cubrir a metade de dita distancia, é dicir, 100 km. Por outra banda, FDDI emprega unha trama de maior tamaño (4352 bytes) que o estándar Ethernet de 100 Mbit/s, o cal só soporta tramas dun máximo de 1500 bytes. Isto redunda, en principio, nun mellor rendemento das redes FDDI.

Topoloxías soportadas[editar | editar a fonte]

Os enxeñeiros normalmente deseñan aneis FDDI coa forma de "anel dual de árbores" (véxase topoloxía de rede). Un pequeno número de dispositivos (normalmente dispositivos de infraestrutura coma enrutadores ou concentradores de rede) son conectados a ambos aneis. En cambio, os equipos finais son directamente conectados aos enrutadores ou concentradores. De este xeito, os dispositivos de infraestrutura, conectados directamente ao anel dobre, actúan coma elementos raíz de varias árbores de interconexión de ordenadores.

Estándares[editar | editar a fonte]

Os estándares FDDI inclúen:

  • ANSI X3.139-1987, Media Access Control (MAC) — ISO 9314-2
  • ANSI X3.148-1988, Physical Layer Protocol (PHY) — ISO 9314-1
  • ANSI X3.166-1989, Physical Medium Dependent (PMD) — ISO 9314-3
  • ANSI X3.184-1993, Single Mode Fiber Physical Medium Dependent (SMF-PMD) — ISO 9314-4
  • ANSI X3.229-1994, Station Management (SMT) — ISO 9314-6