Festival Intercéltico do Morrazo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Actuación na XXV edición do Festival Intercéltico do Morrazo.

O Festival Intercéltico do Morrazo é un festival de música folk que ten lugar desde 1985 en Moaña no mes de agosto. Busca promocionar o folclore tradicional e as novas tendencias nacidas neste xénero. En 2003 a Unión Europea considerouno de Interese Comunitario, e o Ministerio de Cultura de España considerouno de Interese Cultural.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira etapa[editar | editar a fonte]

A primeira edición, co nome de I festival Nocturno Celta do Morrazo, tivo lugar o 15 de agosto de 1985, organizado pola escola de gaitas Semente Nova de Moaña. O obxectivo, amais de dar a coñecer a actividade da escola de gaitas, era financiar unha viaxe a Bretaña para asistir ao Festival Intercéltico de Lorient. Nesa ocasión, amais dos organizadores, actuaron Ricardo Portela, Lembranzas Galegas, Muxicas, Vai de Roda e Milladoiro. Dada a boa acollida do público, decidiuse organizar unha nova edición.

A escola de gaitas Semente Nova seguiu organizando o festival durante un tempo, e a duración do mesmo limitábase a unha fin de semana, programándose concertos de música tradicional con algunha introdución de novas tendencias.

Segunda etapa[editar | editar a fonte]

O concello de Moaña fíxose cargo da organización do festival e ampliou a duración do mesmo até 10 días. Xunto ás actuacións musicais, que ampliaron a súa temática, organizáronse outras actividades (teatro, exposicións, obradoiros, artesanía...).

Nesta etapa a organización contou co apoio económico da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, pero a partir de 1993 comezouse a reducir a financiamento, co que o festival comezou a languidecer até que o concello decidiu subcontratar a organización do festival a empresas privadas. Até entón os actos foran gratuítos e en espazos abertos, pero a xestión privada levou algúns eventos a espazos pechados con acceso previo pago.

Terceira etapa[editar | editar a fonte]

En 1995 o concello retomou a organización, volvendo aos 3 días de duración. Desde o ano 2001 celébrase unha feira de artesanía que completa as actuacións musicais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]