Festa da pataca de Coristanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A festa da pataca de Coristanco é unha festa gastronómica celebrada a terceira fin de semana de setembro na parroquia de Traba[1] no municipio de Coristanco. A economía de Coristanco baséase en parte neste produto da horta, estando considerado este concello como a Capital da Pataca en Galicia, en referencia ás elevadas colleitas de pataca debido ás boas condicións climatolóxicas para o seu crecemento.

Características[editar | editar a fonte]

Carroza deseñada con patacas na Festa da Pataca de Coristanco de 2005.

A festa da exaltación deste tubérculo nace en 1981, ó mesmo tempo cá Cooperativa da Pataca de Bergantiños, pola necesidade de dar a coñecer a calidade deste produto gastronómico. O nome de Coristanco está asociado dende hai anos ao cultivo da pataca. Este produto, común na gastronomía de Galicia, encontra na comarca de Bergantiños, e en particular na terra de Coristanco, un dos seus mellores lugares de cultivo. A conxunción da climatoloxía húmida e temperada desta parte occidental de Galicia coas condicións dos seus solos explican as características que esta zona reúne para o seu cultivo.

A primeira actividade festiva comeza pola mañá cos tractores engalanados con patacas. O día continúa co concurso gastronómico, degustación de patacas, exposición de maquinaria agrícola, actuacións de grupos de gaitas e danza. Á hora da comida, repártese de modo gratuíto a todas as persoas asistentes sardiñas, cachelos (patacas cocidas coa súa pel) e viño. Despois da comida continúase cos concursos: a recollida da pataca, que consiste en recoller no menor tempo posible un rego de patacas, e o baile da pataca, onde se premia a parella que consiga bailar máis tempo cunha pataca suxeita entre as súas frontes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Turgalicia (ed.). "Festa da Pataca". Consultado o 25 de agosto de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]