Fest-noz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha fest-noz (palabra bretoa que significa « festa de noite », por oposición a fest-deiz ou « festa de día ») é unha festa tradicional (esencialmente un baile) da Bretaña. O plural en bretón é festoù-noz.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Antigamente, estes bailes tiñan como finalidade apisoar o terreo para construír unha casa ou mesmo para mallar os cereais.[Cómpre referencia] A estas danzas estaban invitados todos os veciños e amigos, a fin de acelerar o traballo. A Igrexa prohibía os bailes « kof-a-kof » (ventre contra ventre ou bailes de parella), pero toleraba agarrarse polo dedo maimiño. Nalgunhas parroquias este contacto mesmo debía facerse cun pano de man entre ambos dedos. Estas festas eran unha ocasión para que os xoves se coñecesen e se avaliasen socialmente segundo a súa roupa e a súa resistencia á fatiga. Un mesmo baile podía durar moito tempo con pasos complexos e rápidos que requerían esforzo e técnica.

Hoxe en día, os bailaríns buscan o pracer de bailar en grupo para compartir un agradable momento todos xuntos. En certo xeito, participar nunha fest-noz de gran tamaño (como as que se organizan nas proximidades das grandes cidades bretoas) pode asemellarse a saír nunha discoteca.

Os bailes[editar | editar a fonte]

Existen centos de danzas tradicionais, das cales as máis coñecidas son: as gavottes, a an dro, a hanter dro, a plinn e a scottish. Nunha fest-noz practícanse os bailes en cadea (todo o mundo collido polas mans), os bailes de parella e os bailes « coreográficos », é dicir, bailes con elementos artísticos ben definidos (encadeamentos, figuras, etc.).

A música[editar | editar a fonte]

A música destas festas é de tres tipos: cantada a cappella (kan ha diskan, ...), con música ou puramente instrumental. Antes da chegada dos micrófonos e dos altofalantes, os instrumentos máis empregados eran a bombarda e a gaita bretoa (biniou kozh), por mor da súa potencia sonora. Tamén se utilizaban o acordeón diatónico, o clarinete, o violín e, máis raramente, a zanfona. DEspois da Segunda Guerra Mundial, a gaita escocesa xeneralizouse en Bretaña, mentres que o clarinete simplificado (treujenn-gaol) case desapareceu, aínda que o seu uso estase recuperando nos últimos anos.

Máis alá dos instrumentos tradicionais, hoxe existen grupos de tendencias moi variadas, dende o rock e o jazz (Diwall, Skeduz, Roll ma Yar...), ata o punk, pasando por mesturas de todos os países. Os instrumentos de corda (violín, contrabaixo, guitarra acústica, guitarra eléctrica, baixo) e de percusión norteafricanos foron adaptados dende hai un tempo. A diversos niveis, certos grupos empregan tamén teclados electrónicos e sintetizadores (Strobinell, Sonerien Du, Les Baragouineurs, Plantec...). Os instrumento de vento-metal teñen cada vez unha maior presenza, aportando unha sonoridade similar á música de Europa do Leste.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Non hai un desenvolvemento estándar destas festas, pero pódese apreciar a existencia regular da « escea aberta » : antes da chegada do grupo principal, o escenario está dispoñible para calquera músico, cantante ou grupo voluntario. Entre cada grupo fanse pequenas pausas que permiten aos bailaríns recuperar enerxías comendo crêpes, galettes-saucisses, far breton, kouign-amann, e bebendo sidra, zume de mazá, cervexa ou hidromel.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]