Fernando Zóbel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fernando Zóbel de Ayala y Montojo, nado en Manila o 27 de agosto de 1924 e finado en Roma o 2 de xuño de 1984, é un dos pintores españois máis importantes do século XX.

Nado no seo dunha das influentes e ricas familias de Filipinas, os Ayala-Zobel, dedicouse fundamentalmente á pintura abstracta. Durante a guerra civil española refuxiouse no seu país natal, onde permanecerá até a fin da segunda guerra mundial (1945). Finalizada esta, licénciase en Filosofía e Letras na Universidade de Harvard, cun estudo sobre García Lorca. Nesta época interésase cada vez máis pola pintura, e de feito empeza a pintar xa en 1942, cando por unha lesión da columna fica inmobilizado durante algún tempo.

A súa primeira exposición tivo lugar en Boston en 1951, e logo expoñería en Manila en 1952. Unha das principais influencias artísticas dese período foi Mark Rothko, así como a fotografía.

En 1955 viaxa a España (de onde se fora ao comenzar a guerra civil), e coñece os artistas da vangarda da época: Luis Feito, Antonio Lorenzo, Gerardo Rueda... Non obstante, segue vivindo en Filipinas, onde a Universidade de Manila lle concede un doutorado honoris causa.

A partir dos anos sesenta do século XX comenza unha evolución como pintor, desenvolvendo un estilo característico, no que sen dúbida a caligrafía xaponesa representa unha das súas influencias máis evidentes. Os cadros de Zóbel son de aparencia simple e espontánea, aínda que están creados despois dun estudo minucioso e unha planificación perfecta.

En 1963 coñece Cuenca da man dos seu grande amigo Gustavo Torner, e canda el e con Gerardo Rueda fundan o Museo de Arte Abstracta Español nas Casas Colgadas, posiblemente o lugar máis emblemático da cidade. Nel encontramos, ademais das obras dos tres fundadores, as de Millares, Chirino, Antonio Lorenzo, Sempere, Saura, etc.

O prestixio como pintor de Fernando Zóbel é inmenso, e as súas obras colgan nos museos máis importantes do mundo. Participou en máis de 150 exposicións colectivas, e máis de 40 individuais.

A súa morte produciuse en Roma o 2 de xullo de 1984, inesperadamente. Os restos mortais encóntranse no cemiterio de San Isidro de Cuenca.

O 22 de outubro de 2010, o Presidente de Adif, Antonio González Marín, anunciou que a nova Estación de Alta Velocidade de Cuenca recibiría o nome de "Cuenca Fernando Zóbel" en honra á grande achega do pintor á cidade. Esta petición fora cursada previamente polo Concello de Cuenca e a Deputación Provincial. Tamén toma o seu nome un dos institutos conquenses.

Era o medio irmán menor de Mercedes Zóbel de Ayala y Roxas de McMicking (a primeira dona de Sotogrande e moitas compañías multibillionarias en Filipinas), e o irmán menor da filántropa Consuelo Zóbel y Montojo de Alger (a fundadora da Fundación Consuelo para mitigar a vida dos filipinos e hawaianos) e Gloria Zóbel y Montojo de Padilla (cuxos fillos son administradores do Premio Zóbel, que apoia a lingua española nas Illas Filipinas, Alejandro Padilla Zóbel e súa irmá Georgia Padilla Zóbel de Macrohon).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arturo Luz: Sketchbooks, Fernando Zóbel. Manila, 1954.
  • Antonio Magaz Sangro: Zóbel, Pintura y dibujos. Madrid, 1959.
  • Antonio Lorenzo: Zóbel — dibujos, drawings, dessins. Madrid, 1963.
  • Mario Hernández: Fernando Zóbel: el misterio de lo transparente. Ediciones Rayuela, Colección Maniluvios, Madrid, 1977.
  • Rafael Pérez-Madero: Zóbel: La Serie Blanca. Madrid, Ediciones Rayuela, 1978.
  • José-Miguel Ullán: Zóbel / Acuarelas. Ediciones Rayuela, 1978.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]