Fender Telecaster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fender 72 Telecaster Thinline.

A Fender Telecaster, coñecida coloquialmente coma Tele, é unha guitarra eléctrica de corpo macizo e dúas pastillas sinxelas fabricada por Fender.

Historia[editar | editar a fonte]

A Fender Telecaster é a guitarra eléctrica maciza que máis tempo leva fabricándose. O seu sinxelo e brillante deseño ten tanta aceptación na actualidade como cando se presentou ao público en 1951.

En realidade, a Telecaster era a mesma guitarra que Leo Fender presentara un ano antes co nome de Broadcaster, pero tivo que cambiarlle o nome porque Gretsch o rexistrara con anterioridade. O novo nome de Telecaster encantou a Leo Fender e aos seus colaboradores do pequeno taller de Fullerton, California, porque a asociación verbal cun medio en pleno auxe, como era entón a televisión, dáballe unhas connotacións de modernidade moi axeitadas para un instrumento igualmente innovador, a primeira guitarra eléctrica de corpo macizo que saía ao mercado.

A guitarra foi desenvolvida no ano 1950. Entre 1932 e 1949 moitos artesáns e empresas experimentaran con guitarras eléctricas de corpo sólido, pero ningunha tivera un impacto significativo no mercado. A Telecaster de Leo Fender conseguíu situar a este tipo de instrumentos no mapa.

Características[editar | editar a fonte]

Detalle da ponte e máis a pastilla que incorpora, nunha réplica do modelo de 1952.

A Telecaster caracterízase polo seu son brillante e incisivo e pola súa facilidade de manexo. Por estas razóns é usada por músicos de todos os estilos. Porén, foron os músicos country os que máis apreciaron os seus servizos, en especial a súa capacidade para emular, se se sabe tocala, os sons dunha steel guitar.

O segredo do son da Telecaster reside na ponte. As cordas atravesan o corpo e suxéitanse ao dorso mediante seis virois, o cal aumenta a solidez e o mantemento do son. A ponte leva incorporada unha pastilla en posición oblicua, que realza os tons agudos da guitarra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fender Telecaster